http://www.wikio.es

20/9/09

O gran tabú.

Puiden vela no único cine dun canto do noroeste arxentino. Pareceume a mellor película de Campanella. Ao rematar, a xente que enchía a sala permaneceu cravada nos asentos. Rumiando as partículas luminosas desta historia, ese resplandor dorido que deixa no regazo un gran filme.

Este, “El secreto de tus ojos”, é un acto de talento e valor. Gran parte da trama desenvólvese en sede xudicial, durante a ditadura. E os principais protagonistas son funcionarios da xustiza. Sabemos que o que aconteceu en Arxentina e na azoutada América da Operación Cóndor tivo a súa inspiración criminal no longo calvario español ao que os torturadores da linguaxe chamaron “Cruzada”. Así que o filme fala tamén de nós. A memoria furtada ten a súa estratexia e enjambra á calor dun proxector: as ditaduras converteron ambos os dous países en grandes escenarios de serie negra, co Estado usurpado por mafias patrióticas, e no medio dunha conspiración de silencio. Estes réximes criminais non poderían sosterse demasiado tempo sen o colaboracionismo de prominentes xuristas e da maioría dos que integraban a Administración de xustiza.


O caso é que este luns se celebra a apertura do Ano Xudicial. Na cerimonia adoita falarse dos retos de futuro e as tarefas pendentes dos tribunais en España. Pero hai un asunto, o máis estremecedor tabú da nosa historia, nunca mencionado en tan solemne ocasión. O caso das desaparicións forzadas e os crimes contra a humanidade cometidos durante o franquismo.


Non falamos dunha abstracción de arqueoloxía forense, senón dun censo documentado de polo menos 114.266 vítimas, en unha barbarie que se prolongou despois da guerra ata entrados os anos cincuenta.


Mentres as asociacións de familiares peregrinan con azadóns polas cunetas, ten algo que dicir a xustiza española? Vai manterse a conspiración do silencio?


Manuel Rivas – El País, 19.09.09). Traducido ao galego

No hay comentarios:

Publicar un comentario