http://www.wikio.es

2/7/11

Alberdi.

Cando, aos 13 anos, Francisco Prado Alberdi empezou a traballar nun cine de Avilés, nada naquel neno introvertido, lector voraz de costumes solitarios, fillo dun policía, que fixera a guerra cos vencedores facía presaxiar que se estaba a fraguar un loitador antifranquista, un sindicalista e un home comprometido coa causa da liberdade e os dereitos dos traballadores. Ao contrario, as súas primeiras experiencias directas do abuso e a explotación laboral non o fixeron máis rebelde senón máis temeroso. Vencer o medo e desenvolver a capacidade para falar en nome doutros denunciando as inxustizas requiriu superar estas limitacións. E o motor deste paso cara á reivindicación e o compromiso residía nun rexeitamento instintivo, visceral, case físico, á inxustiza.


A canle inicial deste impulso será a Xuventude Obreira Cristiá. Na JOC fará as súas primeiras armas e sufrirá as primeiras decepcións. O intento de mediar para que un amigo cobrase o seu salario foi resolto polo empresario co despedimento e, xa en desafíos de maior envergadura, con 17 anos recén cumpridos, a viaxe a Madrid en plena folga da primavera de 1962 para recoller a propaganda das organizacións de apostolado obreiro saldouse cun fracaso porque a policía e o bispo, en franca sintonía, impediron a súa distribución en Asturias. Pero do seu paso pola JOC quedará unha herdanza moito máis importante: o orgullo da condición de obreiro e a vontade de trasladar os principios á práctica. A clara conciencia de que os obreiros son a fonte da riqueza daqueles que os desprezan e que o traballo ben feito é a base sólida na que se asenta a forza moral para reivindicar. E de que os dereitos se defenden colectivamente.

Cando o marco confesional se revela insuficiente, unha evolución ideolóxica menos estraña do que a priori se puidese supoñer condúceo ao comunismo. Non se trata dunha ruptura senón máis ben dun paso á fronte. Hai pouco de novo, en realidade, nos impulsos éticos que rexerán a súa vida en diante: reclamar os dereitos da clase obreira, conquistar e defender as liberdades, combater as inxustizas, loitar por unha sociedade igualitaria. Conciencia de clase e horizonte utópico como ferramentas para mellorar o presente e construír o futuro. Actuar conforme aos principios, antepoñendo o colectivo ao individual. E non esquecer nunca a máxima de que quen non actúa conforme ao que pensa acaba acomodando o seu pensamento á forma en que vive. Unha idea que Alberdi segue repetindo, como para non esquecer que é o que dá verdadeiro sentido a unha vida plena.



Comprometerse coa causa do movemento obreiro naqueles anos conducía directamente á clandestinidade e comportaba riscos que ninguén ignoraba. A Alberdi custoulle dar cos seus ósos nunha sinistra comisaría avilesina, onde foi torturado por un non menos sinistro policía da ditadura que andando o tempo -xa en democracia- ocuparía cargos importantes e recibiría honras. Aínda hoxe, ao cabo de case corenta anos, séntese incapaz de rememorar en voz alta aquela experiencia, sobre a que reflexionou moito. Pero nin as torturas nin o cárcere que veu despois impediron que, unha vez recobrada a liberdade, os seus esforzos se envorcasen en fortalecer a organización de Comisións Obreiras e en promover mobilizacións por cuestións laborais e políticas. Folgas, xornadas de loita, manifestacións pola amnistía e as liberdades democráticas marcan uns anos intensos onde os riscos permanecen (en 1975 volve ser detido e despedido) pero as esperanzas se impoñen e á fin chegan a legalidade, o dereito de folga, a amnistía laboral e as eleccións xerais. Neste novo tempo correspóndenlle tarefas sindicais de posta de pé dun sindicato de clase (CCOO tiña en Gijón 11.000 afiliados e ningunha infraestrutura nin experiencia) e políticas (participa na elaboración do borrador do Estatuto de Autonomía).

Secretario xeral de CCOO de Gijón en dúas ocasións e coordinador de IU noutra, calquera intento de representar a súa vida mediante un currículo centrado nos cargos que desempeñou entraña un desenfoque respecto ao verdadeiramente importante na súa traxectoria. En primeiro lugar, porque o relevante foi, por enriba do lugar que ocupase en cada momento, a coherencia cunhas conviccións. De aí que nos encontremos ante unha rara avis que posúe a capacidade de mirar cara a atrás con ollos autocríticos, de reflexionar sobre o pasado e recoñecer os propios erros, de ver a parte de razón que tiñan os que estiveron situados na trincheira de en fronte. Unha virtude, desgraciadamente insólita, que Francisco Prado Alberdi posuía xa cando o que fala tivo a fortuna de entrar no seu despacho, alá por abril de 1989, para facerlle unha entrevista. En segundo lugar, porque nin os cargos nin o poder tiveron para el valor ningún. E como proba, abonde sinalar que de cantas responsabilidades de dirección ocupou se foi por propia vontade, dimitindo ou cesando ao concluír o seu mandato. Aferrarse á cadeira de brazos xamais foi o seu. Quen o coñecía sabíao ben. Como o compañeiro de traballo da vella Ensidesa (casualmente, apelidado Carrillo) que coidou o seu despacho na fábrica mentres el ocupaba a secretaría xeral do sindicato, esperando durante seis anos o seu regreso ao traballo de electricista e o día que se reincorporou díxolle: "aquí, o que se vai da fábrica non volve, pero eu sempre souben que ti ías volver".



Porque Alberdi, "O Pipas" para os seus vellos camaradas, foi na vida un obreiro con conciencia e un sindicalista no máis nobre sentido da palabra. Sobre eses valores segue fundando a súa actividade, á fronte da Fundación Juan Muñiz Zapico ou a través do blog que lle conecta aos vastos mundos de internet que non parecían destinados a xente da súa xeración e nos que se internou coa mesma inquietude por aprender coa que volveu (xa xubilado do traballo, que non da vida) ás súas lecturas de Filosofía.

E navegando pola rede descubría hai unhas semanas a Giorgio Gaber, un italiano, que foi o que entón chamabamos un cantautor. Alberdi enviábame por correo electrónico unha canción, máis ben un recitado, de Gaber que leva por título "Qualcuno era comunista". "Alguén era comunista", na lingua de Cervantes. E subliñaba a súa identificación con boa parte da letra. En particular, con aquel verso que reza: "Algún era comunista porque cría que podía estar vivo e feliz só se tamén o estaban os demais". No seu correo electrónico engadía: "É que eu me nego a renegar da miña militancia comunista, pero tampouco acepto que me reivindiquen todos eses neo-comunistas admiradores de Stalin e da URSS Vázquez Montalbán explicábao moi ben: "Houbo dous comunismos: o dos sonos e o dos pesadelos. Nós pertencemos ao dos sonos".

Discurso de Rubén Vega como padriño de Francisco Prado Alberdi durante a entrega dos Premios Honoríficos da Vila de Gijón.

Francisco Prado Alberdi recibiu a pasada tarde a Medalla de Plata do Concello de Gijón en reconocimiento á súa dilatada traxectoria na defensa dos dereitos da clase obreira.


(Traducido do castelán ao galego por Radio Rexurdimento).