7/3/12

PRONUNCIAMIENTO DE APOIO ÁS MOBILIZACIÓNS DO 11-M.


Ante as políticas de recortes sociais e supresión de dereitos dos traballadores e traballadoras decretadas polo Goberno,

RADIO REXURDIMENTO.gal

APOIA O PROCESO DE MOBILIZACIÓNS CONTRA A REFORMA LABORAL, EN CONCRETO AS MOBILIZACIÓNS DO 11 DE MARZO, ESIXINDOLLE AO GOBERNO UN CAMBIO DE POLÍTICA QUE SUPOÑA:

- A retirada dunha reforma laboral que:

. Non servirá para crear emprego.
. Non reducirá a dualidade do mercado laboral.
. Facilita e abarata o despedimento.
. Reforza o poder empresarial para modificar unilateralmente as condicións de traballo.
. Privatiza a xestión do desemprego.

- Defender a negociación colectiva como marco de protección das condicións de traballo, fronte aos intentos de lles atribuír ás empresas a capacidade de incumpriren os acordos alcanzados de forma unilateral.

- Potenciar os servizos públicos esenciais como garantes da solidariedade, a cohesión e a protección social, así como o mantemento do emprego público que posibilite a súa calidade.

- Garantir o sistema público de pensións como eixe central do noso sistema de protección social.

- Unha política que reduza o déficit público mediante o incremento dos ingresos e non só mediante a redución do gasto.

- Unha nova política fiscal que reforce a estrutura de ingresos do Estado, recuperando impostos suprimidos e apostando por unha maior recadación baseada na progresividade fiscal.

A Coruña, 7 de marzo de 2012

En Galicia:

» A Coruña. Saída ás 12 horas da praza da Palloza e remate na praza do Obelisco.

» Ferrol. Saída ás 12 horas da praza do Inferniño e remate na praza de Armas.

» Santiago de Compostela. Saída ás 12 horas da Alameda e remate na praza das Praterías.

» Lugo. Saída ás 12:30 horas do edificio de sindicatos e remate diante da Subdelegación do Goberno.

» Burela. Concentración ás 12:30 na praza da Mariña.

» Ourense. Saída ás 12 horas do pavillón dos Remedios e remate diante da Subdelegación do Goberno.

» Pontevedra. Saída ás 12 horas da praza da Ferrería e remate diante da Subdelegación do Goberno.

» Vilagarcía de Arousa. Saída ás 12 horas da avenida da Mariña e remate na praza da Ravella.

» Vigo. Saída ás 11:30 horas do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz e remate diante do edificio administrativo da Xunta.

12/10/11

Mobilizacións en defensa da Sanidade Pública.

O próximo día 27 de outubro a Plataforma SOS Sanidade Pública, que agrupa a todas as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública de Galicia, convoca mobilizacións en todas as Áreas Sanitarias da Comunidade Autónoma con dous puntos fundamentais:


- A defensa dos Servizos Sanitarios Públicos
- Frear os recortes dos mesmos que están sendo levado a cabo pola Consellería de Sanidade e a Xunta de Galicia


SOS Sanidade Pública considera que o sistema sanitario público galego está en risco real de deterioración e privatización pola política sanitaria da Xunta de Galicia destinada a cambiar o actual modelo sanitario baseado na universalidade das prestacións, o acceso en condicións de igualdade, a gratuidade as consultas e a calidade das prestacións, levadas a cabo con recursos públicos.


A crise económica está sendo utilizada pola Xunta para introducir importantes recortes económicos no orzamento sanitarios (máis de 200 millóns de euros) e nos servizos sanitarios públicos como son a paralización da actividade dos hospitais pola tarde, a desviación de pacientes a centros privados, o abandono do Plan de Mellora da Atención Primaria, o desmantelamento das Áreas sanitarias, o peche de servizos anatomía patolóxica e laboratorio, a eliminación dos radiólogos nos servizos de urxencias dos hospitais comarcais, a privatización dos centros sanitarios ao apostar polo financiamento privado da construción de novos hospitais e centros de saúde e dos plans directorios de mellora e ampliación dos antigos, a cesión a empresas privadas dos servizos de diálises, equipamento tecnolóxico dos centros , centrais de chamadas ou as redes informáticas.


A sanidade pública galega achégase perigosamente ao punto de non retorno que só unha gran mobilización de toda a sociedade pode frear.


Pretendemos facer chegar á Xunta de Núñez Feijoo o clamor dos cidadáns e profesionais , por encima das lexítimas posicións ideolóxicas, en apoio dun sistema sanitario de calidade, eficiente e accesible como o que gozamos e que é absolutamente sostible.


As mobilizacións que levarán a cabo a partir das 8 da tarde terán diferentes formatos en función das características de cada área sanitaria. Poderedes consultar as mobilizacións da vosa área nesta mesma páxina web a medida que vaian sendo informadas.


*Nota de Radio Rexurdimento.gal:


A Coruña, o día 27 de outubro, as 20:00 horas, concentración no Obelisco.


2/7/11

Alberdi.

Cando, aos 13 anos, Francisco Prado Alberdi empezou a traballar nun cine de Avilés, nada naquel neno introvertido, lector voraz de costumes solitarios, fillo dun policía, que fixera a guerra cos vencedores facía presaxiar que se estaba a fraguar un loitador antifranquista, un sindicalista e un home comprometido coa causa da liberdade e os dereitos dos traballadores. Ao contrario, as súas primeiras experiencias directas do abuso e a explotación laboral non o fixeron máis rebelde senón máis temeroso. Vencer o medo e desenvolver a capacidade para falar en nome doutros denunciando as inxustizas requiriu superar estas limitacións. E o motor deste paso cara á reivindicación e o compromiso residía nun rexeitamento instintivo, visceral, case físico, á inxustiza.


A canle inicial deste impulso será a Xuventude Obreira Cristiá. Na JOC fará as súas primeiras armas e sufrirá as primeiras decepcións. O intento de mediar para que un amigo cobrase o seu salario foi resolto polo empresario co despedimento e, xa en desafíos de maior envergadura, con 17 anos recén cumpridos, a viaxe a Madrid en plena folga da primavera de 1962 para recoller a propaganda das organizacións de apostolado obreiro saldouse cun fracaso porque a policía e o bispo, en franca sintonía, impediron a súa distribución en Asturias. Pero do seu paso pola JOC quedará unha herdanza moito máis importante: o orgullo da condición de obreiro e a vontade de trasladar os principios á práctica. A clara conciencia de que os obreiros son a fonte da riqueza daqueles que os desprezan e que o traballo ben feito é a base sólida na que se asenta a forza moral para reivindicar. E de que os dereitos se defenden colectivamente.

Cando o marco confesional se revela insuficiente, unha evolución ideolóxica menos estraña do que a priori se puidese supoñer condúceo ao comunismo. Non se trata dunha ruptura senón máis ben dun paso á fronte. Hai pouco de novo, en realidade, nos impulsos éticos que rexerán a súa vida en diante: reclamar os dereitos da clase obreira, conquistar e defender as liberdades, combater as inxustizas, loitar por unha sociedade igualitaria. Conciencia de clase e horizonte utópico como ferramentas para mellorar o presente e construír o futuro. Actuar conforme aos principios, antepoñendo o colectivo ao individual. E non esquecer nunca a máxima de que quen non actúa conforme ao que pensa acaba acomodando o seu pensamento á forma en que vive. Unha idea que Alberdi segue repetindo, como para non esquecer que é o que dá verdadeiro sentido a unha vida plena.



Comprometerse coa causa do movemento obreiro naqueles anos conducía directamente á clandestinidade e comportaba riscos que ninguén ignoraba. A Alberdi custoulle dar cos seus ósos nunha sinistra comisaría avilesina, onde foi torturado por un non menos sinistro policía da ditadura que andando o tempo -xa en democracia- ocuparía cargos importantes e recibiría honras. Aínda hoxe, ao cabo de case corenta anos, séntese incapaz de rememorar en voz alta aquela experiencia, sobre a que reflexionou moito. Pero nin as torturas nin o cárcere que veu despois impediron que, unha vez recobrada a liberdade, os seus esforzos se envorcasen en fortalecer a organización de Comisións Obreiras e en promover mobilizacións por cuestións laborais e políticas. Folgas, xornadas de loita, manifestacións pola amnistía e as liberdades democráticas marcan uns anos intensos onde os riscos permanecen (en 1975 volve ser detido e despedido) pero as esperanzas se impoñen e á fin chegan a legalidade, o dereito de folga, a amnistía laboral e as eleccións xerais. Neste novo tempo correspóndenlle tarefas sindicais de posta de pé dun sindicato de clase (CCOO tiña en Gijón 11.000 afiliados e ningunha infraestrutura nin experiencia) e políticas (participa na elaboración do borrador do Estatuto de Autonomía).

Secretario xeral de CCOO de Gijón en dúas ocasións e coordinador de IU noutra, calquera intento de representar a súa vida mediante un currículo centrado nos cargos que desempeñou entraña un desenfoque respecto ao verdadeiramente importante na súa traxectoria. En primeiro lugar, porque o relevante foi, por enriba do lugar que ocupase en cada momento, a coherencia cunhas conviccións. De aí que nos encontremos ante unha rara avis que posúe a capacidade de mirar cara a atrás con ollos autocríticos, de reflexionar sobre o pasado e recoñecer os propios erros, de ver a parte de razón que tiñan os que estiveron situados na trincheira de en fronte. Unha virtude, desgraciadamente insólita, que Francisco Prado Alberdi posuía xa cando o que fala tivo a fortuna de entrar no seu despacho, alá por abril de 1989, para facerlle unha entrevista. En segundo lugar, porque nin os cargos nin o poder tiveron para el valor ningún. E como proba, abonde sinalar que de cantas responsabilidades de dirección ocupou se foi por propia vontade, dimitindo ou cesando ao concluír o seu mandato. Aferrarse á cadeira de brazos xamais foi o seu. Quen o coñecía sabíao ben. Como o compañeiro de traballo da vella Ensidesa (casualmente, apelidado Carrillo) que coidou o seu despacho na fábrica mentres el ocupaba a secretaría xeral do sindicato, esperando durante seis anos o seu regreso ao traballo de electricista e o día que se reincorporou díxolle: "aquí, o que se vai da fábrica non volve, pero eu sempre souben que ti ías volver".



Porque Alberdi, "O Pipas" para os seus vellos camaradas, foi na vida un obreiro con conciencia e un sindicalista no máis nobre sentido da palabra. Sobre eses valores segue fundando a súa actividade, á fronte da Fundación Juan Muñiz Zapico ou a través do blog que lle conecta aos vastos mundos de internet que non parecían destinados a xente da súa xeración e nos que se internou coa mesma inquietude por aprender coa que volveu (xa xubilado do traballo, que non da vida) ás súas lecturas de Filosofía.

E navegando pola rede descubría hai unhas semanas a Giorgio Gaber, un italiano, que foi o que entón chamabamos un cantautor. Alberdi enviábame por correo electrónico unha canción, máis ben un recitado, de Gaber que leva por título "Qualcuno era comunista". "Alguén era comunista", na lingua de Cervantes. E subliñaba a súa identificación con boa parte da letra. En particular, con aquel verso que reza: "Algún era comunista porque cría que podía estar vivo e feliz só se tamén o estaban os demais". No seu correo electrónico engadía: "É que eu me nego a renegar da miña militancia comunista, pero tampouco acepto que me reivindiquen todos eses neo-comunistas admiradores de Stalin e da URSS Vázquez Montalbán explicábao moi ben: "Houbo dous comunismos: o dos sonos e o dos pesadelos. Nós pertencemos ao dos sonos".

Discurso de Rubén Vega como padriño de Francisco Prado Alberdi durante a entrega dos Premios Honoríficos da Vila de Gijón.

Francisco Prado Alberdi recibiu a pasada tarde a Medalla de Plata do Concello de Gijón en reconocimiento á súa dilatada traxectoria na defensa dos dereitos da clase obreira.


(Traducido do castelán ao galego por Radio Rexurdimento).

16/6/11

"Debtocracy - Χρεοκρατία - Deudocracia" - (Unha traxedia grega).

"Debtocracy - Χρεοκρατία - Deudocracia" é un documental realizado polos xornalistas gregos Katerina Kitidi e Ari Hatzistefanou, e distribuído en internet libremente polos seus autores, que busca as causas da crise e da débeda en Grecia, e que propón solucións que o Goberno e os medios de comunicación dominantes ocultan.


(Subtitulado en castelán) Duración deste documental: 1:14:05

9/6/11

Reyes Montiel fala do Proxecto Constituinte EQUO.

Este pasado fin de semana o ata agora Proxecto EQUO adxectivouse: despois de acordar con máis de 30 organizacións e partidos constituír un partido político que concorra ás eleccións xerais de 2012, podémoslle chamar xa Proxecto Constituinte EQUO.



Reyes Montiel, ata hai uns meses deputada rexional por IU na Asemblea de Madrid e agora presidenta da Fundación Equo, estivo con todos eles falando de multitude de temas: Equo e a súa evolución cara a un partido político, pero tamén do sistema de servizos públicos, o 15-M, as posibilidades electorais da esquerda para 2012, a desafección da política, a democracia participativa...






Fonte: Vúdeo

26/5/11

O partido que eu quero. (Reflexión dunha militante socialista).

“¿Es socialista, es obrero o es español solamente?” Así o expresaba Javier Krahe na súa canción “Cuervo ingenuo”, adicada a Felipe González e censurada no ano 1986. A vixencia da cuestión parece evidente.


As eleccións do 22 de maio foron un duro varapau a todos os niveis. Días despóis, as redes sociais dos/as políticos socialistas se encheron de palabras como “lección”, “reflexión” ou “cabeza alta”. Cando se aprende unha lección se muda o discurso e a forma de enfrentar a vida. Cando se reflexiona, se poñen en cuestión os máis básicos fundamentos para promover un cambio que debe ser palpable. Cando se ten a cabeza tan alta corremos o risco de non ver o que vai quedando debaixo do noso campo de visión. Polo tanto, ningunha destas palabras parece ter máis intención que a puramente ornamental. Sen agardadads dimisións, sen cambios estruturais e sen propósito de enmenda e autocrítica. Este non é o partido que eu quero e, dende logo, non son as ideas nas que eu creo. No partido que eu quero, moitas persoas deben dimitir, asumir as súas responsabilidades sen tibieza (sen “poñer os seus cargos a disposición do partido”, que é un sí pero non, un non quero marchar pero non vaia ser que o pareza…) Tampouco parece moi loable renunciar á acta de concelleiro/a e volver ao calor do Parlamento ou do Senado. É que fóra vai moito frío… ¿Ou é que ten que dimitir a cidadanía?


O partido que eu quero limita os cargos políticos electos aos oito anos. Non só as alcaldías, senon tamén as concellarías, os escanos parlamentarios… Só deste xeito se favorece a democracia interna, a rotación e a participación. E só así garantimos que as persoas que están na política non se adiquen a ela de xeito remunerado toda a súa vida e se convirtan nunha caste. Na caste política que dende a rúa nos din que non se pode aturar máis. Nesa caste na que moitos non queremos convertirnos. Limitemos a oito os anos cobrando nun cargo público. Independentemente do cargo: oito anos en total. Despóis, que quen queira siga a traballar polas ideas que nos importan dende outros lugares e sen remuneración. Veremos cántos se quedan.


O partido que eu quero non se escuda en todo tipo de crise para ocultar á súa propia. O movemento Democracia Real Xa non pode servir de excusa de mal pagador porque a súa indignación, o seu hastío, o seu alonxamento da política ao uso non pode ser máis que comprendida e compartida dende o socialismo. Porque o fixemos mal. Rematadamente mal. Podemos tratar de solucionalo dende a esquerda. Pero coa cidadanía da man: non dándolles nós a man a eles e a elas, senón collendo a súa e deixándonos levar ao lugar onde soberanamente queren estar. Votar cada catro anos nunha urna non é democracia suficiente, e a participación cidadá debe ser un dos eixos fundamentais da construción do novo edificio que temos que levantar. Porque non se pode tratar unha vez máis dun pintado de fachada, nin sequera dunha rehabilitación. Porque as vigas mestras se tambalean e porque moitos dos materiais non son xa aproveitables. Nada é inmudable, as persoas non poden eternizarse nos seus cargos, os políticos non pode ser unha caste aparte, profesionalizada e haberá que cambiar as reglas de xogo, as formas de estar en política, os tempos… Todo pode ser transformado para ensanchar os límites da democracia.


O partido que eu quero, as ideas contan. Pero non contan para redactar discursos cheos de palabras como “igualdade”, “solidaridade”, “xustiza” ou “políticas sociais”. Contan porque son a base fundamental das nosas accións. A esquerda que xa non é percibida como tal pola cidadanía só pode refundarse dende a esquerda real. Non estamos na dereita e debemos demostralo con feitos.


O partido que eu quero é socialista e galego. Fagamos este cambio profundo, estrutural e derivado da nosa propia crise autónomamente e dende as nosas propias siglas. Galicia o merece e nós somos quen de facelo.

Cristina Justo, militante socialista.


* Nota de Radio Rexurdimento.gal: Admirada e benquerida amiga, compañeira dalgunhas batallas, exemplo de dignidade e coherencia. Cecáis algúns dirixentes do seu partido e doutros da esquerda, (en Galicia, España e Europa), terían que facer isa autocrítica, eludir a tentación de maquillar a realidade para salvar o seu propio cú, (cómo algúns/has xa están a facer), e tratar de reconstruir unha proposta programática común, de mínimos, que ofrecer ao conxunto da cidadanía antes de ser esmagados pola onda xenocida do neoliberalismo rampante e campante. Urxe.

25/5/11

Presente e futuro da esquerda. Un convite á reflexión e o debate.



Fai unhas décadas, un grupo de economistas encabezados por Milton Friedman elaborou unha nova doutrina segundo a cal o mundo, tras milenios de pobreza, era por fin rico. Iso debíase, segundo Friedman, a que se inventou un motor eficaz, o capitalismo e a libre empresa, e un potente carburante, o beneficio. E canto máis beneficio se conseguise, maiores serían os logros do sistema.


Librémonos entón dos impostos, dos obstáculos que para o mercado representa os servizos públicos e a Seguridade Social, e das múltiples regras que limitan o beneficio acumulable das empresas. Sexa cal for a actividade en cuestión, o equilibrio alcanzado polo mercado é sempre o mellor posible e calquera intervención pública só pode deterioralo. Este era o núcleo duro do discurso ultraliberal de Friedman e os seus amigos.


Esta filosofía simplista, que avoga polo afán de ganancia, a redución de impostos e a diminución do papel do Estado, logrou nun tempo record a adhesión dos patróns da industria e as finanzas, da maioría das forzas políticas e dos gobernos.


Trinta anos despois, o panorama é desolador: os ricos enriquecéronse aínda máis, as desigualdades disparáronse, tanto entre o Norte e o Sur como no interior dos nosos países, a pobreza masiva reapareceu nas nacións desenvolvidas, a protección social se erosiona en todas partes, os servizos públicos están ameazados, o esgotamento de recursos e a contaminación prosperan sen contención, o sistema volveuse inestable e logo de seis grandes crises rexionais desembocamos nunha crise xeral, na que estamos inmersos. Tal é o legado do neoliberalismo.


Con todo, pese ao estrepitoso fracaso das políticas e dos valores neoliberais, a esquerda foi incapaz de realizar unha análise seria sobre a crise e de formular un proxecto e un discurso que lle permitan abordar e liderar o futuro. Por iso, aínda que pareza paradóxico, as mesmas forzas políticas e sociais que xestaron e incuvado a grave crise que nos arrasa seguen dirixindo o proceso político e económico.

Organizado pola asociación socio-cultural, NAMENTRAS, o vindeiro xoves, día 26 de Maio, a partires das 20:00 horas, celebraráse unha conferencia con coloquio Baixo o título “PRESENTE E FUTURO DA ESQUERDA. UNHA PROPOSTA PARA A REFLEXIÓN E O DEBATE”, cuio relator será ANXO GUERREIRO CARREIRAS, analísta político.

O acto celebraráse na Aula de Cultura da Fundación Caixagalicia, na rúa Médico Rodriguez, 2, da cidade de A Coruña e será presentado (e moderado o coloquio posterior), por Lóis Uxío Taboada, vicepresidente de NAMENTRAS.

A nosa asociación que reclámase como un punto de encontro da esquerda plural e para o impulso e renovación do pensamento crítico e de esquerdas, convida a todos os cidadáns e cidadás, que así o desexen, a asistir e participar activamente.

NAMENTRAS

14/5/11

Eleccións municipáis: "Terra de ratos..."

Fábula política difundida por Tommy Douglas, prominente activista e político, elixido en 2004 como "O canadense máis grande de todos os tempos". Recoñecido como pai do paso do sistema de saúde canadense ao modelo de Asistencia sanitaria universal.








8/5/11

Inside Job... (Versión íntegra e subtitulada en castelán).

Inside Job, o documental de Charles Ferguson, gañador do Oscar ao mellor documental, analiza o crash do 2008, describe con precisión a gran estafa política, económica e intelectual que xestou e incubó, e estendeu por todo o planeta como modelo especulativo inmoral de punta a cabo.


Con entrevistas a unha ducia de altos executivos, conselleiros, políticos e economistas implicados (de Reserva Federal, Goldman Sachs, Lehman Brothers, Harvard, Columbia, etcétera), que como se ve no documental son incapaces de articular unha frase coherente e justificativa dos seus crimes económicos que levou a producir a maior e máis grave crise económica da historia.

O documental contén tanta información que parece esencial velo repetidas veces, en versión íntegra e con subtítulos en castelán.

Súmome á convicción da miña prezada Ángels e da súa benquerida amiga Carmen de que isto é facer cultura e da boa, e espero que os departamentos competentes en materias culturais non me envíen a unha parella da garda civil por difundir este impresionante documental sen solicitar permiso previo.








Cortesía da miña prezada amiga Ángels.

5/5/11

Non tropezar na mesma pedra...

Resulta asombrosa a tendencia que temos os seres humanos a repetir os erros do pasado, a desprezar a experiencia histórica acumulada, a ignorar ata vivencias propias próximas no tempo. Con inusitada frecuencia adoitamos tropezar na mesma pedra e, desde logo, non parecemos dispostos en absoluto a aprender na cabeza allea. Quizá conscientes desta tendencia humana ao esquecemento, un grupo de cidadáns coruñeses, todos eles cunha irreprochable traxectoria democrática e un recoñecido compromiso cívico, crearon unha plataforma apartidista e plural (Non podemos calar), co fin de contribuír á mobilización electoral e evitar que, debido a un certo xustificado desencanto, repítase o que sucedeu nas eleccións autonómicas, nas que por un escaso número de votos produciuse o retorno da dereita ao poder coas consecuencias coñecidas: desmantelamento sistemático dos logros do anterior Goberno, ruptura dos consensos políticos e sociais básicos e deterioración profunda da democracia.


Os promotores de Non podemos calar advirten ademais que o acceso da dereita ao Palacio de María Pita representaría algo máis que unha normal alternancia nun sistema democrático. O triunfo da dereita coruñesa significaría un profundo cambio na cultura política en aberta ruptura coa tradición liberal, democrática e republicana da cidade. Porque é evidente que estamos ante unha dereita especialmente reaccionaria, que non foi capaz de cortar o cordón umbilical co antigo réxime. En efecto, cando o Concello da Coruña decidiu aprobar, transcorridos 32 anos de convivencia democrática e 34 desde o falecemento do ditador, a retirada dos títulos honoríficos concedidos no seu día a Franco, o cambio de nome de 22 rúas que honraban a sinistros personaxes que se alzaron en armas contra a democracia ou pór termo á inaceptable presenza da estatua de Millán Astray nunha praza da cidade, o Partido Popular da Coruña, liderado polo seu candidato á alcaldía, Carlos Negreira, negouse a secundar a proposta do Goberno municipal. Como tantas outras veces, a dereita recorreu a puerís escusas para evitar o distanciamento e o rexeitamento inequívoco ao franquismo. Mentres as dereitas europeas condenaron sen reservas os réximes fascistas e autoritarios que arrasaron os seus países no pasado, o Partido Popular segue mostrando unha contumaz resistencia a condenar o réxime de Franco e a recoñecer ás súas vítimas.


Agora ben, nunhas eleccións democráticas cada cidadán dispón dun só voto que, obviamente, non pode repartir entre diferentes forzas políticas. Por iso os partidos, ata os que son aliados naturais e están condenados a entenderse, libran unha encarnizada batalla para conseguir cada un dos indivisibles votos dos cidadáns. En campaña, cada formación política reafirma a súa identidade, resalta as súas supostas virtudes, destaca as súas vantaxes comparativas e todo aquilo que lle distingue do adversario ou do competidor, que por principio adoita ser denostado. Nunha campaña electoral non existen amigos, só adversarios a bater. Atrapados nese vórtice, os candidatos pronuncian discursos nos que abundan os exabruptos, as hipérboles e todo tipo de excesos que os cidadáns reciben con evidente cansazo e intelixente escepticismo.


Pero todo ten un límite, e a santa paciencia con que a cidadanía soporta este ritual adoita transformarse en firme rexeitamento e xustificada indignación cando alguén se pasa da raia e despreza a súa intelixencia. Por todo iso permítome suxerirlle á plataforma Non podemos calar que inclúa no seu manifesto un chamamento ás forzas políticas progresistas, para que tamén elas favorezan a participación, e para que a súa lexítima disputa electoral non desvirtúe ou difumine a alternativa á dereita que, na Coruña como no resto das cidades galegas, será politicamente plural ou non será.

* Radio Rexurdimento, figura entre os asinantes do Manifesto "Non podemos calar".


Fonte: Namentras.