http://www.wikio.es

25/4/11

NON PODEMOS CALAR !!

Manifesto presentado na Coruña o 19 de abril de 2011:


Non podemos calar. Non debemos calar. Porque están aí, ás portas, esperando o asalto final ao palacio municipal de María Pita. Preséntanse como o cambio, mais son os de sempre, nostálxicos do franquismo.


Candidatos que manifestan sen rubor a súa negativa a cumprir a Lei da Memoria Histórica e a retirar a simboloxía franquista, tal e como aprobou o pleno da corporación municipal o 7 de setembro de 2009. A Coruña xa non é a capital da simboloxía franquista, mais aínda queda moito por facer; é unha vergoña que o único escudo franquista da cidade estea na entrada principal de María Pita.

Son os mesmos que fan interesada relación entre inmigración ou etnia e delincuencia, con afirmacións de marcado carácter racista.

Utilizan o tema do topónimo da cidade para xerar crispación social e escasos réditos electorais. Están contra a aplicación da Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en 1983. O concello da Coruña debe asumir a política de normalización lingüística que xa teñen outras cidades galegas e tomar medidas para o impulso do uso do galego.

Levan anos obstaculizando a construción dunha residencia pública na nosa universidade porque eles están pola xestión privada e por defender o negocio dos seus amigos.

Hai que afondar nunha política urbanística ao servizo das maiorías sociais, que poña freo á especulación. A Coruña debe liderar o recoñecemento institucional do novo espazo político cidadán do século XXI, impulsando un modelo territorial urbanístico que nos leve a unha cidade aberta, de habitabilidade conxunta e servizos compartidos, aplicando políticas públicas de vivenda, transporte, defensa do espazo público e do patrimonio cultural e histórico da cidade, que teña na participación cidadá a chave da súa concepción como proxecto colectivo.

Queremos unha sociedade participativa coa posta en vigor dun renovado Regulamento de Participación Cidadá e uns Orzamentos Participativos.

Somos unha plataforma cívica apartidaria e non pedimos o voto para ninguén. Formamos parte dunha cidadanía coruñesa que quere asumir as súas responsabilidades. Facemos a nosa humilde achega para crear un movemento cívico que impida a chegada ao Goberno Municipal daqueles que se presentan como o cambio, pero que non representan outra cousa que a marcha atrás e unha hipoteca para o futuro da Coruña.

Consideramos que a abstención favorece os obxectivos da dereita e, por tanto, é de vital importancia a participación nas eleccións municipais do 22 de maio porque o noso voto decide.

A Coruña, 14 de abril de 2011

Promotores deste manifesto, que se presentará nunha asemblea pública o 28 de abril, ás 8 da tarde, no Circo de Artesáns (r/ San Andrés 36, A Coruña):

Xabier Docampo, Manuel Rivas, Francisco Pillado, Xosé María Monterroso, Henrique Rabuñal, Xurxo Souto, Tono Galán, Isabel Risco, Luis Fermín Rodríguez, Pepe Galán, Miro Casabella, Xosé Lois Martínez Suárez, Xosé Luis Rodríguez Pardo, Andrés Salgueiro, Mari Luz Canal, Ramón Veras, Manuel Monge, Pura Barrio, Xesús Díaz, Lóis Uxío Taboada Arribe, Pancho Alvarez Fontenla-Gayoso, Anxo Guerreiro Carreiras, Enrique Veira Pino, José Manuel Sánchez Mesejo, Francisco Vázquez Camba.


Nota: Radio Rexurdimento.gal, adhírese ao contido deste Manifesto.

14/4/11

80 anos: pero todas as primaveras seguen sendo aquela primavera.

Hoxe conmemórase o 80 aniversario da proclamación da II República. A nosa obriga moral, científica e política é lembrar o papel dos demócratas, do movemento obreiro e da esquerda, recuperando a memoria histórica de rebeldía política e loita social do noso pobo. É unha obriga respecto do pasado: é o recoñecemento dun periodo de apertura democrática, de compromiso social e de vontade de construír unha Galicia próspera e plural, nunha España próspera e plural.



Pero é tamén un compromiso respecto do presente e do futuro. Fronte ao oscurantismo, a vontade dos poderes reais deses dias de manter a España, sojuzgada, sometida e na escuridade, a República foi tradicionalmente a loita pola democracia, as liberdades, os dereitos económicos e sociais e autogobierno para as nacionalidades e rexións. Antonio Machado, foi un dos republicanos que ese día izaron a bandeira republicana no concello de Segovia. Escribe nun articulo publicado no 1937:

Fue un día profundamente alegre –muchos que ya eramos viejos no recordábamos otro más alegre-, un día maravilloso en el que la naturaleza y la historia parecían fundirse para vibrar juntas en el alma de los poetas y en los labios de los niños. La República había venido por sus cabales, de un modo perfecto, como resultado de unas elecciones… Desde aquel día, -no sé si vivido o soñado-, hasta el dia de hoy, en que vivimos demasiado despiertos y nada soñadores, han transcurrido seis años repletos de realidades…, yo los resumiría con unas pocas palabras. Unos cuantos hombres honrados tuvieron la insólita y genial ocurrencia de legislar atenidos a normas estrictamente morales, de gobernar en el sentido esencial de la historia, que es el del porvenir…”



A defensa da II República foi tamén un baluarte da Humanidade, angustiada polo avance do fascismo. A axuda espontánea, xenerosa e desinteresada das Brigadas Internacionais é aínda un exemplo que invita á construción dun novo internacionalismo civil, humanista e solidario.


Pasaron 80 anos, pero no corazón da cidadanía, todas as primaveras seguen sendo aquela primavera.




. Radio Rexurdimento.gal únese á declaración dos benquerido amigos de NAMENTRAS compartindo ista entrada.

12/4/11

Unha indignación, que xa caseque é ira

Recoñezo que non teño o sentido de Estado da nosa clase política e, no colmo da irresponsabilidade, ademais, fago ostentación delo e, mesmo, alégrome. Este preliminar é pra afirmar tallantemente que me inunda unha indignación, que xa caseque é ira.


Diante desta inmensa estafa financeira que inunda as colas do desemprego, os comedores sociais, que provoca unha desolación e miseria social sen precedentes; tras a fraude e a traizón dos nosos gobernos, incumprindo os seus compromisos e, mesmo, a defensa do ben xeral; tras observar como se empapela un xuíz xusto por iniciativa de fascistas e estafadores sen que os Poderes se poñan colorados e nin sequera pestanexen.


Tras todo isto, comparto con outros, envexo e reclamo a posiblidade de deixar quebrar aos bancos, meter no cárcere os gobernadores dos bancos centrais e os banqueiros irresponsables, derrubar o Goberno correspondente, modificar a Constitución e reformular o sistema democrático con mecanismos para a súa defensa e auténticos órganos de control dos cidadáns.


Ou tomámola iniciativa ou eles a toman por nós.

Viva Islandia!

11/4/11

As mestras da República.

A educación constituíu un dos compromisos sociais da II República cuxo fin era lograr a democracia, garantir os dereitos de todos os cidadáns e cidadás e modernizar o país. Tratábase de configurar o estado docente, a defensa dunha República capaz de educar cidadáns e cidadás comprometidas coa construción dunha nova sociedade, que deixase atrás o obscurantismo, e as deas-igualdades doutras épocas.

Unha educación pública, obrigatoria, gratuíta, activa, laica, bilingüe e solidaria que intentaba rematar con séculos de discriminación por razón de sexo ou de clase social.

Desgraciadamente, as formulacións da II República tiveron unha plasmación incompleta e efémera. A sublevación fascista acernou as ilusións de cambio social e a actividade reformadora en todos os terreos, entre eles, o da educación. Así que moitos dos aspectos que aquí se destacan non chegaron a estenderse a todo o país e non conseguiron consolidarse. Aínda así, o seu legado chegou ata os nosos días e é importante trasmitilo e dar a coñecer un dos mellores retallos da historia de España.

Dentro deste proxecto de educación da cidadanía ocupaban un lugar privilexiado as mestras republicanas, que encarnaban o modelo de mulleres modernas e independentes. Elas serían as responsables, en boa medida, da construción e difusión da nova identidade cidadá, ao educar o seu alumnado nos valores de igualdade, liberdade e solidariedade, tanto a través da transmisión de contidos nas aulas como, sobre todo, coas súas vivencias persoais. Non obstante, moi pouco sabemos destas mulleres comprometidas e valentes que traballaron por levala educación a todos os cantos de España, por moi perdidos e illados que estivesen, ou por moitas dificultades que encontrasen ante unha sociedade que, en demasiadas ocasións, as observaba con receo, ante a súa posición libre e independente e unhas prácticas educativas que introducían a coeducación na aula, e a aprendizaxe práctica e experimental, fronte aos métodos memorísticos e mecánicos.

Esta unidade didáctica ten como fin recuperar a memoria das mestras da II República, devolvéndolles a voz, visibilizando as súas achegas á modernización do ensino, así como o papel que tiveron na conquista dos dereitos das mulleres. Os seus nomes, vidas e obra, teñen que ser restituídos na memoria, formando parte do legado da nosa historia educativa. Unidade didáctica

Como complemento é moi recomendable ver este documental, (55'), sobre as Misións pedagóxicas da República (1934-1936).

8/4/11

Galeano dedica un relato a un deportivista fusilado en 1936

Bebel García era un destacado socialista. «Moi bo mozo e bo dianteiro», recorda García Vizoso, que xogou con el.


A última vontade de Bebel García antes de que un pelotón de fusilamento mandáseo ao outro mundo foi ouriñar ante os seus verdugos. Ocorreu en punta Herminia, A Coruña, en 1936. Este episodio é narrado con prosa certeira por Eduardo Galeano nun dos relatos incluídos no seu último libro, “Espellos. Unha historia case universal”, (Século XXI), publicado o pasado febreiro. Xa se venderon máis de 25.000 copias dunha obra na que o uruguaio abarca desde a prehistoria ata Bush, pasando por Hitler e Bebel García.


¿Quen era Bebel? Na Coruña, os máis vellos do lugar responderían: «Un dos irmáns da lejía». Roxos ata a medula e ata a bala final. No 2002, o Concello dedicou unha rúa aos irmáns García. No 2008, Galeano, autor dun dos grandes libros sobre o balompé xamais publicados ( O fútbol a sol e sombra ), converte en universal a historia dun deles: Bebel.


«Os irmáns chegaron á cidade procedentes de Ribadeo porque o seu pai fora desterrado, por socialista, a 150 quilómetros da vila», explica o historiador Carlos Fernández. «Dos oito, só un foi bautizado, José. Os outros tiñan nomes tan rechamantes como Voltaire, Jaurés, France ou Bebel», continúa. O seu pai, que se dedicaba á venda e distribución de lejía, era un destacado militante socialista, ideoloxía que abrazaron os seus fillos. O 20 de xullo de 1936, Bebel, France e Jaurés axudaron na defensa do Goberno Civil, atacado por unha batería de artillería situada no Parrote. Pepín, outro dos irmáns, tamén colaborou na defensa, pero puido escapar. Os outros tres foron detidos. «Tras unha parodia de xuízo militar sumarísimo, Bebel e France foron executados o 29 de xullo. Jaurés librouse porque era menor de idade, pero ao ano seguinte, durante un cambio de cárcere, apareceu morto xunto ao cemiterio de San Amaro. Dixeron que se intentou escapar», engade o historiador.


¿Foi real o episodio urinario? «Dise que si, pero non queda ninguén que poida confirmalo», responde Fernández. Si queda quen pode falar das virtudes futbolísticas e humanas de Bebel. Rodrigo García Vizoso, que o próximo febreiro cumprirá 100 anos, foi compañeiro de vestiario do fusilado. «¡Como non me vou acordar de Bebel! Vivía na rúa San Roque. O seu pai era un líder do partido socialista. Era moi bo mozo, moi gracioso, aínda que algo infantil. E moi valente, facía fronte á policía e a todo o que fixese falta. Cando veu o movemento paseábase cun colar e unha cruz pola rúa Real. Tíñaos ben postos», resume o que foi porteiro deportivista.


Segundo a historia do club coruñés realizada por Bocelo, Bebel (que aparece no libro como Babel) xogou catro tempadas no Dépor, todas en Segunda, nas que coincidiu, entre outros, con Chacho. En ningunha desas campañas o equipo conseguiu logros importantes. «Era suplente», apunta Fernández. Un bo suplente. Na 32-33, Bebel xogou cinco partidos e fixo un gol. Na seguinte, participou en 20 e conseguiu 10 tantos. Na 34-35 só disputou dúas, e un na 35-36. En total, 28 encontros, nos que conseguiu 11 goles. «Era un bo dianteiro, un extremo dereita. Aínda que moi baixiño, case anano, tiña unhas condicións fabulosas para o fútbol, pero na cabeza tiña outras cousas», recorda Rodrigo.


Non foi o único xogador do Dépor fusilado. «Lemos, que estaba a facer a mili, foi un dos soldados detidos en 1937 aos que se condenou por preparar unha insurrección contra os seus superiores», informa Carlos Fernández.



RV.

“As silenciadas”, o documental que dá voz ás guerrilleiras galegas

As silenciadas” é un documental histórico que recupera historias de vida, contextualizadas, de numerosas mulleres que estiveron na clandestinidade como guerrilleiras nos montes ou que apoiaron desde a chaira o movemento de resistencia anti-franquista servindo de enlaces, facéndose con armas ou realizando outros labores de intendencia.

Pola súa condición de mulleres e por defender a liberdade e foron dobremente e duramente represaliadas: morte, cárcere, tortura física e psicolóxica, desterro ou exilio. Non obstante, o seu papel foi fundamental na supervivencia da resistencia. Foron, de feito, a columna vertebral da guerrilla.

A historia non lles fixo xustiza, relegándoas ao papel de amantes dos guerrilleiros e negando a súa participación ideolóxica e política no movemento. Agora, o documental As silenciadas visibiliza a seis destas mulleres con testemuños en primeira persoa e tamén coas voces de familiares destas loitadoras.


Un traballo pioneiro, dirixido por Pablo Ces, e produto da investigación que durante catro anos realizou a súa nai, a profesora da USC Aurora Marco, que tamén escribiu un libro, aínda inédito, no que reflicte todo o recollido ao redor deste tema.

Para min foi un orgullo participar naquela loita. Fun varios anos enlace e despois pasei á guerrilla do monte, con armas e loitando coma eles. Non queriamos o fascismo, loitabamos pola liberdade, contra Franco. Os fascistas nunca nos poñerán no lugar que nos corresponde, sempre nos rebaixarán. As guerrilleiras eramos como todas as mulleres e nada tiñamos que ver coa imaxe que tiñan de nós. Sabiamos cal era a nosa loita. Eramos donas dos nosos actos e non tiñamos que dar explicacións a ninguén...”.

Estas son palabras de Consuelo Rodríguez López, coñecida como a guerrilleira Chelo e exiliada en Francia. Viviu nos montes galegos, pertenceu á Federación de Guerrillas León-Galicia e é unha das protagonistas do documental As silenciadas, que ás oito e media desta tarde se estrea na Domus da Coruña.

A entrada á proxección é de balde ata completar o aforo.


As silenciadas (Web do documental)


Entrevista a Aurora Marco, quen fala do documental “As silenciadas”