26/5/11

O partido que eu quero. (Reflexión dunha militante socialista).

“¿Es socialista, es obrero o es español solamente?” Así o expresaba Javier Krahe na súa canción “Cuervo ingenuo”, adicada a Felipe González e censurada no ano 1986. A vixencia da cuestión parece evidente.


As eleccións do 22 de maio foron un duro varapau a todos os niveis. Días despóis, as redes sociais dos/as políticos socialistas se encheron de palabras como “lección”, “reflexión” ou “cabeza alta”. Cando se aprende unha lección se muda o discurso e a forma de enfrentar a vida. Cando se reflexiona, se poñen en cuestión os máis básicos fundamentos para promover un cambio que debe ser palpable. Cando se ten a cabeza tan alta corremos o risco de non ver o que vai quedando debaixo do noso campo de visión. Polo tanto, ningunha destas palabras parece ter máis intención que a puramente ornamental. Sen agardadads dimisións, sen cambios estruturais e sen propósito de enmenda e autocrítica. Este non é o partido que eu quero e, dende logo, non son as ideas nas que eu creo. No partido que eu quero, moitas persoas deben dimitir, asumir as súas responsabilidades sen tibieza (sen “poñer os seus cargos a disposición do partido”, que é un sí pero non, un non quero marchar pero non vaia ser que o pareza…) Tampouco parece moi loable renunciar á acta de concelleiro/a e volver ao calor do Parlamento ou do Senado. É que fóra vai moito frío… ¿Ou é que ten que dimitir a cidadanía?


O partido que eu quero limita os cargos políticos electos aos oito anos. Non só as alcaldías, senon tamén as concellarías, os escanos parlamentarios… Só deste xeito se favorece a democracia interna, a rotación e a participación. E só así garantimos que as persoas que están na política non se adiquen a ela de xeito remunerado toda a súa vida e se convirtan nunha caste. Na caste política que dende a rúa nos din que non se pode aturar máis. Nesa caste na que moitos non queremos convertirnos. Limitemos a oito os anos cobrando nun cargo público. Independentemente do cargo: oito anos en total. Despóis, que quen queira siga a traballar polas ideas que nos importan dende outros lugares e sen remuneración. Veremos cántos se quedan.


O partido que eu quero non se escuda en todo tipo de crise para ocultar á súa propia. O movemento Democracia Real Xa non pode servir de excusa de mal pagador porque a súa indignación, o seu hastío, o seu alonxamento da política ao uso non pode ser máis que comprendida e compartida dende o socialismo. Porque o fixemos mal. Rematadamente mal. Podemos tratar de solucionalo dende a esquerda. Pero coa cidadanía da man: non dándolles nós a man a eles e a elas, senón collendo a súa e deixándonos levar ao lugar onde soberanamente queren estar. Votar cada catro anos nunha urna non é democracia suficiente, e a participación cidadá debe ser un dos eixos fundamentais da construción do novo edificio que temos que levantar. Porque non se pode tratar unha vez máis dun pintado de fachada, nin sequera dunha rehabilitación. Porque as vigas mestras se tambalean e porque moitos dos materiais non son xa aproveitables. Nada é inmudable, as persoas non poden eternizarse nos seus cargos, os políticos non pode ser unha caste aparte, profesionalizada e haberá que cambiar as reglas de xogo, as formas de estar en política, os tempos… Todo pode ser transformado para ensanchar os límites da democracia.


O partido que eu quero, as ideas contan. Pero non contan para redactar discursos cheos de palabras como “igualdade”, “solidaridade”, “xustiza” ou “políticas sociais”. Contan porque son a base fundamental das nosas accións. A esquerda que xa non é percibida como tal pola cidadanía só pode refundarse dende a esquerda real. Non estamos na dereita e debemos demostralo con feitos.


O partido que eu quero é socialista e galego. Fagamos este cambio profundo, estrutural e derivado da nosa propia crise autónomamente e dende as nosas propias siglas. Galicia o merece e nós somos quen de facelo.

Cristina Justo, militante socialista.


* Nota de Radio Rexurdimento.gal: Admirada e benquerida amiga, compañeira dalgunhas batallas, exemplo de dignidade e coherencia. Cecáis algúns dirixentes do seu partido e doutros da esquerda, (en Galicia, España e Europa), terían que facer isa autocrítica, eludir a tentación de maquillar a realidade para salvar o seu propio cú, (cómo algúns/has xa están a facer), e tratar de reconstruir unha proposta programática común, de mínimos, que ofrecer ao conxunto da cidadanía antes de ser esmagados pola onda xenocida do neoliberalismo rampante e campante. Urxe.

25/5/11

Presente e futuro da esquerda. Un convite á reflexión e o debate.



Fai unhas décadas, un grupo de economistas encabezados por Milton Friedman elaborou unha nova doutrina segundo a cal o mundo, tras milenios de pobreza, era por fin rico. Iso debíase, segundo Friedman, a que se inventou un motor eficaz, o capitalismo e a libre empresa, e un potente carburante, o beneficio. E canto máis beneficio se conseguise, maiores serían os logros do sistema.


Librémonos entón dos impostos, dos obstáculos que para o mercado representa os servizos públicos e a Seguridade Social, e das múltiples regras que limitan o beneficio acumulable das empresas. Sexa cal for a actividade en cuestión, o equilibrio alcanzado polo mercado é sempre o mellor posible e calquera intervención pública só pode deterioralo. Este era o núcleo duro do discurso ultraliberal de Friedman e os seus amigos.


Esta filosofía simplista, que avoga polo afán de ganancia, a redución de impostos e a diminución do papel do Estado, logrou nun tempo record a adhesión dos patróns da industria e as finanzas, da maioría das forzas políticas e dos gobernos.


Trinta anos despois, o panorama é desolador: os ricos enriquecéronse aínda máis, as desigualdades disparáronse, tanto entre o Norte e o Sur como no interior dos nosos países, a pobreza masiva reapareceu nas nacións desenvolvidas, a protección social se erosiona en todas partes, os servizos públicos están ameazados, o esgotamento de recursos e a contaminación prosperan sen contención, o sistema volveuse inestable e logo de seis grandes crises rexionais desembocamos nunha crise xeral, na que estamos inmersos. Tal é o legado do neoliberalismo.


Con todo, pese ao estrepitoso fracaso das políticas e dos valores neoliberais, a esquerda foi incapaz de realizar unha análise seria sobre a crise e de formular un proxecto e un discurso que lle permitan abordar e liderar o futuro. Por iso, aínda que pareza paradóxico, as mesmas forzas políticas e sociais que xestaron e incuvado a grave crise que nos arrasa seguen dirixindo o proceso político e económico.

Organizado pola asociación socio-cultural, NAMENTRAS, o vindeiro xoves, día 26 de Maio, a partires das 20:00 horas, celebraráse unha conferencia con coloquio Baixo o título “PRESENTE E FUTURO DA ESQUERDA. UNHA PROPOSTA PARA A REFLEXIÓN E O DEBATE”, cuio relator será ANXO GUERREIRO CARREIRAS, analísta político.

O acto celebraráse na Aula de Cultura da Fundación Caixagalicia, na rúa Médico Rodriguez, 2, da cidade de A Coruña e será presentado (e moderado o coloquio posterior), por Lóis Uxío Taboada, vicepresidente de NAMENTRAS.

A nosa asociación que reclámase como un punto de encontro da esquerda plural e para o impulso e renovación do pensamento crítico e de esquerdas, convida a todos os cidadáns e cidadás, que así o desexen, a asistir e participar activamente.

NAMENTRAS

14/5/11

Eleccións municipáis: "Terra de ratos..."

Fábula política difundida por Tommy Douglas, prominente activista e político, elixido en 2004 como "O canadense máis grande de todos os tempos". Recoñecido como pai do paso do sistema de saúde canadense ao modelo de Asistencia sanitaria universal.








8/5/11

Inside Job... (Versión íntegra e subtitulada en castelán).

Inside Job, o documental de Charles Ferguson, gañador do Oscar ao mellor documental, analiza o crash do 2008, describe con precisión a gran estafa política, económica e intelectual que xestou e incubó, e estendeu por todo o planeta como modelo especulativo inmoral de punta a cabo.


Con entrevistas a unha ducia de altos executivos, conselleiros, políticos e economistas implicados (de Reserva Federal, Goldman Sachs, Lehman Brothers, Harvard, Columbia, etcétera), que como se ve no documental son incapaces de articular unha frase coherente e justificativa dos seus crimes económicos que levou a producir a maior e máis grave crise económica da historia.

O documental contén tanta información que parece esencial velo repetidas veces, en versión íntegra e con subtítulos en castelán.

Súmome á convicción da miña prezada Ángels e da súa benquerida amiga Carmen de que isto é facer cultura e da boa, e espero que os departamentos competentes en materias culturais non me envíen a unha parella da garda civil por difundir este impresionante documental sen solicitar permiso previo.








Cortesía da miña prezada amiga Ángels.

5/5/11

Non tropezar na mesma pedra...

Resulta asombrosa a tendencia que temos os seres humanos a repetir os erros do pasado, a desprezar a experiencia histórica acumulada, a ignorar ata vivencias propias próximas no tempo. Con inusitada frecuencia adoitamos tropezar na mesma pedra e, desde logo, non parecemos dispostos en absoluto a aprender na cabeza allea. Quizá conscientes desta tendencia humana ao esquecemento, un grupo de cidadáns coruñeses, todos eles cunha irreprochable traxectoria democrática e un recoñecido compromiso cívico, crearon unha plataforma apartidista e plural (Non podemos calar), co fin de contribuír á mobilización electoral e evitar que, debido a un certo xustificado desencanto, repítase o que sucedeu nas eleccións autonómicas, nas que por un escaso número de votos produciuse o retorno da dereita ao poder coas consecuencias coñecidas: desmantelamento sistemático dos logros do anterior Goberno, ruptura dos consensos políticos e sociais básicos e deterioración profunda da democracia.


Os promotores de Non podemos calar advirten ademais que o acceso da dereita ao Palacio de María Pita representaría algo máis que unha normal alternancia nun sistema democrático. O triunfo da dereita coruñesa significaría un profundo cambio na cultura política en aberta ruptura coa tradición liberal, democrática e republicana da cidade. Porque é evidente que estamos ante unha dereita especialmente reaccionaria, que non foi capaz de cortar o cordón umbilical co antigo réxime. En efecto, cando o Concello da Coruña decidiu aprobar, transcorridos 32 anos de convivencia democrática e 34 desde o falecemento do ditador, a retirada dos títulos honoríficos concedidos no seu día a Franco, o cambio de nome de 22 rúas que honraban a sinistros personaxes que se alzaron en armas contra a democracia ou pór termo á inaceptable presenza da estatua de Millán Astray nunha praza da cidade, o Partido Popular da Coruña, liderado polo seu candidato á alcaldía, Carlos Negreira, negouse a secundar a proposta do Goberno municipal. Como tantas outras veces, a dereita recorreu a puerís escusas para evitar o distanciamento e o rexeitamento inequívoco ao franquismo. Mentres as dereitas europeas condenaron sen reservas os réximes fascistas e autoritarios que arrasaron os seus países no pasado, o Partido Popular segue mostrando unha contumaz resistencia a condenar o réxime de Franco e a recoñecer ás súas vítimas.


Agora ben, nunhas eleccións democráticas cada cidadán dispón dun só voto que, obviamente, non pode repartir entre diferentes forzas políticas. Por iso os partidos, ata os que son aliados naturais e están condenados a entenderse, libran unha encarnizada batalla para conseguir cada un dos indivisibles votos dos cidadáns. En campaña, cada formación política reafirma a súa identidade, resalta as súas supostas virtudes, destaca as súas vantaxes comparativas e todo aquilo que lle distingue do adversario ou do competidor, que por principio adoita ser denostado. Nunha campaña electoral non existen amigos, só adversarios a bater. Atrapados nese vórtice, os candidatos pronuncian discursos nos que abundan os exabruptos, as hipérboles e todo tipo de excesos que os cidadáns reciben con evidente cansazo e intelixente escepticismo.


Pero todo ten un límite, e a santa paciencia con que a cidadanía soporta este ritual adoita transformarse en firme rexeitamento e xustificada indignación cando alguén se pasa da raia e despreza a súa intelixencia. Por todo iso permítome suxerirlle á plataforma Non podemos calar que inclúa no seu manifesto un chamamento ás forzas políticas progresistas, para que tamén elas favorezan a participación, e para que a súa lexítima disputa electoral non desvirtúe ou difumine a alternativa á dereita que, na Coruña como no resto das cidades galegas, será politicamente plural ou non será.

* Radio Rexurdimento, figura entre os asinantes do Manifesto "Non podemos calar".


Fonte: Namentras.