http://www.wikio.es

26/5/11

O partido que eu quero. (Reflexión dunha militante socialista).

“¿Es socialista, es obrero o es español solamente?” Así o expresaba Javier Krahe na súa canción “Cuervo ingenuo”, adicada a Felipe González e censurada no ano 1986. A vixencia da cuestión parece evidente.


As eleccións do 22 de maio foron un duro varapau a todos os niveis. Días despóis, as redes sociais dos/as políticos socialistas se encheron de palabras como “lección”, “reflexión” ou “cabeza alta”. Cando se aprende unha lección se muda o discurso e a forma de enfrentar a vida. Cando se reflexiona, se poñen en cuestión os máis básicos fundamentos para promover un cambio que debe ser palpable. Cando se ten a cabeza tan alta corremos o risco de non ver o que vai quedando debaixo do noso campo de visión. Polo tanto, ningunha destas palabras parece ter máis intención que a puramente ornamental. Sen agardadads dimisións, sen cambios estruturais e sen propósito de enmenda e autocrítica. Este non é o partido que eu quero e, dende logo, non son as ideas nas que eu creo. No partido que eu quero, moitas persoas deben dimitir, asumir as súas responsabilidades sen tibieza (sen “poñer os seus cargos a disposición do partido”, que é un sí pero non, un non quero marchar pero non vaia ser que o pareza…) Tampouco parece moi loable renunciar á acta de concelleiro/a e volver ao calor do Parlamento ou do Senado. É que fóra vai moito frío… ¿Ou é que ten que dimitir a cidadanía?


O partido que eu quero limita os cargos políticos electos aos oito anos. Non só as alcaldías, senon tamén as concellarías, os escanos parlamentarios… Só deste xeito se favorece a democracia interna, a rotación e a participación. E só así garantimos que as persoas que están na política non se adiquen a ela de xeito remunerado toda a súa vida e se convirtan nunha caste. Na caste política que dende a rúa nos din que non se pode aturar máis. Nesa caste na que moitos non queremos convertirnos. Limitemos a oito os anos cobrando nun cargo público. Independentemente do cargo: oito anos en total. Despóis, que quen queira siga a traballar polas ideas que nos importan dende outros lugares e sen remuneración. Veremos cántos se quedan.


O partido que eu quero non se escuda en todo tipo de crise para ocultar á súa propia. O movemento Democracia Real Xa non pode servir de excusa de mal pagador porque a súa indignación, o seu hastío, o seu alonxamento da política ao uso non pode ser máis que comprendida e compartida dende o socialismo. Porque o fixemos mal. Rematadamente mal. Podemos tratar de solucionalo dende a esquerda. Pero coa cidadanía da man: non dándolles nós a man a eles e a elas, senón collendo a súa e deixándonos levar ao lugar onde soberanamente queren estar. Votar cada catro anos nunha urna non é democracia suficiente, e a participación cidadá debe ser un dos eixos fundamentais da construción do novo edificio que temos que levantar. Porque non se pode tratar unha vez máis dun pintado de fachada, nin sequera dunha rehabilitación. Porque as vigas mestras se tambalean e porque moitos dos materiais non son xa aproveitables. Nada é inmudable, as persoas non poden eternizarse nos seus cargos, os políticos non pode ser unha caste aparte, profesionalizada e haberá que cambiar as reglas de xogo, as formas de estar en política, os tempos… Todo pode ser transformado para ensanchar os límites da democracia.


O partido que eu quero, as ideas contan. Pero non contan para redactar discursos cheos de palabras como “igualdade”, “solidaridade”, “xustiza” ou “políticas sociais”. Contan porque son a base fundamental das nosas accións. A esquerda que xa non é percibida como tal pola cidadanía só pode refundarse dende a esquerda real. Non estamos na dereita e debemos demostralo con feitos.


O partido que eu quero é socialista e galego. Fagamos este cambio profundo, estrutural e derivado da nosa propia crise autónomamente e dende as nosas propias siglas. Galicia o merece e nós somos quen de facelo.

Cristina Justo, militante socialista.


* Nota de Radio Rexurdimento.gal: Admirada e benquerida amiga, compañeira dalgunhas batallas, exemplo de dignidade e coherencia. Cecáis algúns dirixentes do seu partido e doutros da esquerda, (en Galicia, España e Europa), terían que facer isa autocrítica, eludir a tentación de maquillar a realidade para salvar o seu propio cú, (cómo algúns/has xa están a facer), e tratar de reconstruir unha proposta programática común, de mínimos, que ofrecer ao conxunto da cidadanía antes de ser esmagados pola onda xenocida do neoliberalismo rampante e campante. Urxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario