http://www.wikio.es

17/3/11

As emisións radioactivas en "Fukushima I" están moi por riba dos niveis permitidos

As explosións en catro reactores da central de Fukushima I lanzaron ao exterior nubes de material, en boa parte radioactivo, acadando unha altura superior ao quilómetro, que se suman a ás emisións controladas de gases radioactivos polo venteo da contención. Segundo datos do AIEA, no emprazamento estanse medindo doses de 400 milisievert por hora, algo que irá diminuíndo coa distancia a medida que o material radioactivo se distribúa polos arredores. A dose legalmente permitida que pode absorber una persoa é de 50 milisievert ao año.

O alcance destas emisións está aínda por determinar, pero o que si se está constatando unha vez máis é o secretismo co que se manexan habitualmente estas situacións.

Ata agora non se coñecían medicións de radioactividade fiables nos exteriores das centrais, o cal non impedira ás autoridades niponas repartir masivamente doses de iodo para evitar que a poboación absorba o iodo radioactivo que provén dos reactores nucleares. Nin tampouco a evacuación de decenas de miles de persoas nun radio de 20 quilómetros, e pediuse aos habitantes a menos de 30 quilómetros, que non saian das súas casas. O aumento da radiación xa empeza a medirse de forma clara incluso en Tokio, aínda que por agora está por debaixo dos límites establecidos.

Afortunadamente non todo son malas novas. Pese a que as autoridades recoñeceron que o núcleo de Fukushima 1 está parcialmente fundido, parece que a reacción aínda non volveu a entrar en situación crítica, como tampouco o fixo en Fukushima 3 e o tempo corre a favor de que se vaian arrefriando. Pola súa parte a explosión no reactor número 2 si danou a piscina de condensación, o que pode afectar ao arrefriamento do reactor e ao control da presión. Tamén se produciu unha explosión no reactor número 4, que estaba parado antes do terremoto. o traballo dos técnicos está sendo o adecuado ata o momento así como as decisións tomadas son correctas. Se exceptuamos o feito de instalar 54 centrais nucleares nunha das fallas sísmicas máis activas do mundo. Entre as decisións apropiadas, destacan a evacuación da poboación en 20 quilómetros á redonda, a liberación de gases á atmosfera para reducir a presión da contención e a inxección de auga de mar para refrixerar os reactores, o cal os deixará inutilizables no futuro.

Por agora, a clasificación na escala INES de sucesos nucleares segue sendo de 4, dato que xa non se sostén. Todos os expertos apuntan a que será un 5 con seguridade e posiblemente un 6, en función dos impactos no exterior das centrais, xa que o nivel catro implica unha baixa probabilidade de medidas de protección fóra do emprazamento, algo que xa foi superado.

A central de Fukushima I é xemelga á de Santa María de Garoña, como xa se informou. As emisións destes días detectáronse na central de Onagawa, a 150 quilómetros das explosións, o que causou alarma na citada central por se nela había escapes radioactivos. Se a central nuclear de Garoña sufrise un contratempo similar, tendo en conta a dirección noroeste do vento que adoita ser a habitual na zona, o material radioactivo chegaría ata Zaragoza. O material iríase depositando de máis a menos polo val do Ebro contaminando zonas poboadas como Vitoria e Logroño, en cantidades que só se coñecerán cando pase moito tempo, se é que algunha vez se fan públicas. Nun accidente similar, o da Illa das Tres Millas en EE UU, nunca se fixo pública a cantidade de radiación nin la poboación afectada.

A pesar de todo, a campaña do “lobby” nuclear está sendo especialmente intensa explicando que todo está baixo control e que no hai ningún perigo para la poboación.

Para Verdegaia* e Ecoloxistas en Acción, o ocorrido no Xapón marca un antes e un despois para as centrais nucleares. Ninguén pode defender en serio que Garoña, – que está en peores condicións que estaba a central de Fukushima I –, poida seguir funcionando varios anos máis, nin apoiar de ningún modo á industria nuclear como está decidido a facer o Ministro de Industria construíndolles un Almacén Temporal Centralizado para quitarlles de enriba o problema dos residuos.

*
Verdegaia é unha asociación ecopacifista galega sen ánimo de lucro, plural, democrática, apartidaria e independente. Naceu 2 de Abril de 2006 co obxecto de contribuír desde Galiza para a defensa do ambiente e o avanzo na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, na procura dunha saída emancipatoria á crise ecolóxica global.

* Radio Rexurdimento.gal, forma parte de Verdegaia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario