http://www.wikio.es

14/11/10

Oito anos despóis do “Prestige”, ¿Nunca Máis?


13.11.02: Un petroleiro accidentado, vertendo inmensas cantidades de fueloil ao mar, atópase á deriva. Igual que co Goberno da Xunta e o Goberno español. Seis días máis tarde, o día 19, as 8:00 AM, o "Prestige", con 77.000 Tm de fueloil abordo, partíase en dóus e afondíase a máis de 3.850 m. de profundidade e a uns 250 kms. da costa galega.

Oito anos máis tarde milloráronse, aínda que feblemente, os medios de alerta e seguridade marítima en Galicia, pero milleiros de buques-basura seguen a percorrer os corredores marítimos fronte a Galicia. Os operadores, lobbys e especuladores do negocio do petróleo manteñen unha flota desvencillada en materia de seguridade e con tripulacións enroladas sin formación e experiencia, reclutadas da fame.


Por outra banda, as responsabilidades xudiciáis aínda están sin sustanciar, sumerxidas en milleiros de folios arramblados nun modesto xulgado en Corcubión. Váise diluindo. Non se atoparán os responsables e culpable últimos.

As responsabilidades políticas, nunca se asumiron por parte dunha vergoñosa clase política que, salvo excepciones, nunca estiveron a altura do pobo e da magnitude da catástrofe.

Sen dúbida, voltará a ocurrir. Namentras os organismos internacionáis e os gobernos non paren contundentemente a aqueles que sustentan o seu negocio, a súa riqueza persoal, en matar a vida no planeta.

Hoxe, toca lembrar o exercicio de dignidade dos homes e mulleres que fixeron frente a irresponsabilidade dos gobernantes. Homes e mulleres do mar, voluntarios de todo o mundo, da humanidade sensible, en definitiva.

Tiven a honra de formar parte da Plataforma Nunca Máis da comarca de A Coruña e vivir intensa e inesquecíbelmente aqueles días, semáns, meses...

Con esta música dos benqueridos e admirados amigos de Luar Na Lubre, o contido íntegro do Discurso da Dignidade que fói lído por Manolo Rivas, no Obradoiro, tras da histórica manifestación do 1 de Decembro de 2002, quero amosar a miña homenaxe persoal a aquela expresión de solidariedad e aquela reivindicación da xustiza.

Por eles, por elas e por tí que estás lendo estas verbas e porque, en calqueira momento, pode voltar a ocurrir:


Manifesto final da convocatoria "Nunca Máis" do domingo 1 de diciembre de 2002.
(Texto íntegro do comunicado leído por Manuel Rivas).

"Galicia é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca máis!’"

Gracias irmáns:

Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre, aquí está un pobo vivo, aquí está a honra de Galicia. Si, gracias irmáns:Nós tamén invocamos hoxe aquí a protección do Santiago Apóstolo, de Prisciliano, de Santo André de Teixido, da Virxe do Carme, nai e señora da xente do mar, pero invocamos sobre todo a forza do pobo, a capacidade cívica, democrática, de nós mesmos para afrontar responsablemente e con coraxe esta situación de emerxencia, sen que se nos oculte a realidade, sen que se secuestre información, sen que falte á dignidade pretendendo acalar as verdades cun tintinar de moedas.

Si, gracias irmáns:

Gracias a todos os que viñestes do Eo ao Miño, gracias especialmente ás familias do mar que están aquí, co peso da dor e destas noites de vixilia sobre os seus ombros, e gracias tamén moi especiais a esa humanidade sensible, alerta oa sufrimento da xente e da destrucción da naturea, que dende todo o mundo ten enviado o seu abrazo solidario e amosa o seu noxo e horror polo que acontece no mar de Galicia. Un mar fonte de vida, un excepcional ecosistema, o máis precioso horto da creación, velaí o tedes, en permanente ameaza, convertido nun vertedoiro de velenos, machacado pola cobiza duns e o desleixo, o abandono doutros.

Convocados aquí, dunha maneira libre e unitaria, en marea cívica fornte á marea negra do Prestige e na crise e na emerxencia en que Galicia está asolagada: Esiximos a declaración de Galicia como zona catastrófica. Trátase dun desastre de dimensións nacionais. Cómpre, pois, a inmediata dotación de recursos de todo tipo para reparar as graves consecuencias económicas, sociais, medio-ambientais e para a saúde provocadas por este sinistro. O que precisa Galicia non son remendos paliativos senón plans a longo prazo que contemplen o binomio tan estreitamente relacionado de protección do medio ambiente e o emprego e benestar da poboación.

As institucións españolas, a Comunidade Europea e os organismos internacionais deberían contemplar tamén a existencia do que poderiamos chamar unha Débeda Histórica de Catástrofes, pois temos sufrido xa seis catástrofes deste tipo e de gravísimas dimensións en trinta anos, e é unha responsabilidade a asumir polas institucións galegas o demandar esas compensacións históricas. Non só quen contamina debe pagar senón tamén quen obtivo e obtén beneficios, as petroleiras deberían pagar.

Reclamamos para Galicia a inmediata posta en marcha de mecanismos de prevención que impidan que a catástrofe vaia en aumento, coa posta a disposición dilixente dos medios económicos e loxísticos para impedir a contaminación de novas zonas, a intensificación nas xa contaminadas e a limpeza e a restauración medioambiental da costa.

Reclamamos para Galicia a adopción de medidas determinantes, ben concretas, por parte do Goberno central e da Xunta para que feitos como este non se volvan a repetir nunca máis. Medidas para impedir xa, e é o momento agora, por respecto ao loito do mar, o paso de buques que non reúnan as garantías de seguridade, apartar o corredor marítimo e establecer un control estricto do tráfico e do almacenamento de mercadorías perigosas.

Reclamamos para Galicia a dotación dun verdadeiro dispositivo de salvamento, dun plan de emerxencia e dun operativo de reacción inmediata para loitar contra a contaminación mariña, con remolcadores axeitados e con buques anti-contaminantes. Aqueles que presumen de potencia mundial, ¿non lles cae a cara de vergoña ao ver que aí, cunha nova marea negra nas nosas costas, non hai un só buque anti-contaminante con pavillón español?

Reclamamos para Galicia a ubicación nesta costa da Axencia Europea para a Seguridade Marítima.

Reclamamos que se impulse unha lexislación internacional que acabe con este tipo de capitalismo delincuente, amparado na comenencia e nos paraísos fiscais, que estraba a vida dos pobos e dos verdadeiros paraísos do mar e da terra.

E rematamos:

O sinistro do Prestige e o ocorrido despois, pón en evidencia dun xeito inapelable a inexistencia de medidas de prevención axeitadas, a ausencia de plans de emerxencia para facer fronte a este tipo de catástrofes, a improvisación e descoordenación nas tarefas de salvamento e loita contra a contaminación e a total escaseza de recursos técnicos e humanos para facer fronte a este tipo de situacións.

Denunciamos as responsabilidades derivadas destas deficiencias. Reclamamos a demisión das autoridades que coa súa ineficacia e irresponsabilidade non souberon impedir que o accidente tivese as peores consecuencias. Dicímolo no código do mar: Delta India Mike India Sierra India Oscar November: Dimisión. É nas situacións críticas cando os gobernantes teñen que estar a carón do pobo, informando realmente, nos medios e no Parlamento, e activando os recursos dun país.

¡Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo.... e agora Prestige!

Xa non queremos contar máis. Xa abonda. Xa estamos petroleados ata as praias da alma. Galicia, mobilizada de exemplar, conseguiu nos anos Oitenta que se pechara o vertedoiro de residuos radioactivos, o cemiterio nuclear, fronte á costa de Fisterra. Pois ben. Hoxe dicimos: NUNCA MÁIS. Que non se desprecie máis este S.O.S dun pobo canso de aturar e sufrir. Que se escoite en Santiago, Madrid e Bruxelas. Que se escoite onde se teña que escoitar. Galicia é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca máis!’.

E para rematar, os benqueridos e admirados amigos, os coruñeses de Luar Na Lubre, déixannos unha delicia que titularon "Memoria da noite", lembrando aquela expresión de cidadanía activa que representóu o Nunca Máis.




No hay comentarios:

Publicar un comentario