http://www.wikio.es

25/11/10

Xunta de Galicia: O concurso eólico non é respectuoso coa natureza

Verdegaia é unha organización ecologista galega, da cál hónrase en formar parte Radio Rexurdimento. Esta organización, (referente galega de Ecoloxístas en Acción), acaba de publicar a súa avaliación do reparto eólico adxudicado pola Xunta do PP ano e medio despois de parar o reparto do bipartito.

Os ecoloxistas galegos de Verdegaia, lembran que Galicia é a comunidade autónoma con menos porcentaxe de Rede Natura e critican a escasa relevancia da proposta de ampliación. Ademais, piden que se aproveiten as adxudicacións a Gas Natural (que se inventou a marca Fenosa Wind) e Endesa para que se pechen as térmicas das Pontes e Meirama, as principais emisoras de CO2 de Galicia.


Velaeiquí o comunicado completo dos ecoloxistas:

"Ao entender de Verdegaia, o último ano e medio perdido no desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia non serviu para introducir as medidas necesarias para minimizar o seu impacto no territorio. A convocatoria e resolución do concurso eólico sen aprobar antes un novo Plan Sectorial Eólico que estabelecese suficientes zonas de exclusión, fará que a nova potencia eólica de 2.325 MW ocasione danos moi importantes ao medio natural que se poderían ter evitado cunha mellor planificación.

As áreas de interese natural incompatibles coa instalación de parques eólicos non se limitan ás zonas Natura 2000. Estes espazos deberían ter sido definidos no marco dun novo Plan Eólico que substituíse ao vixente, aprobado en 1997 e modificado en 2002, e que non foi obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica. O estabelecemento de zonas de exclusión por motivos ambientais é a medida clave para prevenir impactos ambientais graves da enerxía eólica, unha enerxía limpa pero non exenta de impactos, cuxa expansión é necesaria para combater o cambio climático e lograr a autonomía enerxética, mais que require dunha planificación axeitada. O concurso eólico non se encadra nunha planificación ambientalmente correcta e por ese motivo a Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que forma parte Verdegaia, interpuxo un recurso contencioso administrativo despois de que fose convocado.

Se ben a actual Xunta do PP desbotou a construción de novos parques eólicos nas zonas Rede Natura 2000 -a diferenza dos anteriores gobernos galegos do mesmo partido, que mesmo chegaron a decretar a "compatibilidade" dos parques eólicos con esa figura de protección ambiental (Decreto eólico 302/2001, derrogado)-, a rectificación chega moi tarde, cando o 40% da potencia eólica instalada (1.247,2 dun total de 3.173,7 MW, a setembro de 2009) afecta negativamente a estes espazos de alto valor ecolóxico. Ademais, resulta incoherente coa disposición da Xunta a permitir na rede Natura 2000 outro tipo de proxectos tamén incompatibles coa súa conservación, como autovías, canteiras ou piscifactorías.

A non admisión de novos parques nas áreas afectadas pola ampliación da Rede Natura 2000, por outra banda, terá unha incidencia ben limitada, dada a falta de ambición da ampliación prevista pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que só incrementaría a porcentaxe do territorio galego incluído na Rede Natura 2000 do 11,7 ao 16,3%, co que Galicia seguirá á cola do Estado español. Esta exclusión constitúe un avanzo a respecto do concurso eólico de 2008 anulado polo actual Goberno, aínda que non a respecto do outro concurso convocado polo bipartito, de 512 MW en 2006, cuxa resolución tamén excluiu a superficie de ampliación da Rede Natura 2000 prevista daquela.

A nova potencia eólica de 2.325 MW a instalar na nosa terra permitiría pechar as térmicas de carbón de Meirama e As Pontes sen necesidade de importarmos electricidade. O feito de GAS NATURAL FENOSA e ENDESA estaren entre as empresas que obtiveron máis potencia no concurso debería ser máis un motivo para pór data ao fin da xeración de electricidade a partir da queima de carbón e planificar o desmantelamento desas centrais, altamente contaminantes e moi ineficientes.

O novo concurso eólico e a lei ao abeiro da que se convocou representan unha oportunidade perdida máis para reorientar o desenvolvemento da enerxía eólica en termos de sustentabilidade ecolóxica e de xustiza social. En lugar do canon eólico e do chamado Fondo de Compensación Ambiental, sería moito mellor dispor dun Plano Sectorial Eólico respectuoso coa biodiversidade e paisaxe, dun sector eólico cunha importante participación da Xunta, dos propietarios dos terreos e de pequenos investidores, e mais dunha política fiscal verde que gravase adecuadamente os combustibles fósiles, nomeadamente a queima de carbón nas térmicas.

Verdegaia continuará a avogar por unha nova política eólica respectuosa coas zonas de alto valor ecolóxico, que priorice o repotenciamento sobre a construción de novos parques, que aposte non só polos grandes parques eólicos senón tamén pola eólica de baixa e media potencia, que deixe importantes beneficios socioeconómicos no medio rural, e que se encadre nunha política enerxética cuxos obxectivos principais sexan o decrecemento no consumo de enerxía e o desenvolvemento de todas as renovables, na procura da sustentabilidade local e global e da soberanía enerxética."


No hay comentarios:

Publicar un comentario