http://www.wikio.es

2/9/10

Clasificación sanitaria das CC.AA. A peor sanidade, en Madrid, Galicia, C. Valenciana e Canarias

A Comunidade Valenciana, Canarias, Galicia e Madrid contan cos servizos sanitarios máis deficientes de todo o país, segundo un informe da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP), que puntúa a Navarra e a Asturias como as autonomías con mellores servizos sanitarios.

Segundo este informe, referido a 2010 e presentado hoxe en rolda de prensa polo voceiro da FADSP, Marciano Sánchez-Bayle, as catro comunidades máis deficitarias reincidiron dende o ano 2004 en copar os últimos postos. A xuízo de Sánchez-Bayle, no caso das comunidades que saen máis desfavorecidas, e máis en concreto no caso da Comunidade Valenciana e Madrid, os "puntos negros" que as sitúan á cola son o seu baixo gasto sanitario per cápita "de xeito sostido" e a aposta pola privatización.

A clasificación presentada pola FADSP tamén puntúa a cinco comunidades polos seus bos servizos sanitarios: Navarra, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León e Aragón. Con servizos aceptables sitúanse: Baleares, Extremadura, País Vasco e La Rioja mentres que cunha oferta sanitaria "regular" se encontran Andalucía, Cantabria, Catalunya e Murcia.

Segundo explicou o voceiro, os parámetros utilizados para puntuar as comunidades son: o gasto sanitario per cápita, o número de camas por mil habitantes, a existencia de equipos de tomografía, a media de tarxetas sanitarias por médico, a mortalidade infantil, o gasto farmacéutico e a valoración dos cidadáns e o seu índice de satisfacción, entre outros.

Sánchez-Bayle destacou que o obxectivo deste sétimo informe é ver as diferenzas entre comunidades unha vez que as competencias sanitarias xa foron transferidas e destacou o feito de que, por exemplo, en gasto sanitario per cápita haxa diferenzas entre rexións de ata 500 euros.

Así, a autonomía que máis gasta en sanidade é o País Vasco con 1.623,08 euros per cápita moi por enriba de Baleares que só inviste 1.066,37 euros. En opinión do voceiro da FADSP, tamén chama a atención que mentres unhas comunidades, como Catalunya, dispoñen de 4,50 camas por mil habitantes, na Comunidade Valenciana só haxa 2,69.

Ademais, destacou que en relación á cita previa en atención primaria, o 68,50 por cento os asturianos que a solicitan conseguen cita para o día seguinte fronte a só un 11 por cento dos canarios. O voceiro informou de que na puntuación global dos servizos sanitarios das comunidades -onde a máxima é 78 e a mínima 19- se obtivo unha media nacional de 44,05 e rexístrase unha diferenza de ata 30 puntos entre Navarra, que ocupa o primeiro lugar polos seus bos servizos, e a Comunidade Valenciana, que vai no último.

Fonte: Dempeus


1 comentario:

  1. Querido Lois, te he citado en el post publicado hoy que creo te puede interesar, porque en el fondo es un desarrollo del tema: http://angelsmcastells.nireblog.com/post/2010/09/03/espana-no-es-buen-lugar-para-morirse. Un abrazo!

    ResponderEliminar