http://www.wikio.es

21/1/11

A vitoria do pobo tunecino

O venres 14 de xaneiro os tunecinos viviron un momento histórico para o seu país e para toda a rexión do Norte de África. Tras 23 anos dun réxime corrupto e represivo, as revoltas que durante un mes sacudiron o país de norte a sur remataron coa fuxida do Presidente Zine o-Abidine Ben Ali. Unha revolución sen precedentes cara á que finalmente todos miran.

Dicía a xornalista exipcia Mona El-Tahawy onte en Twitter:

"Todo líder árabe mira hoxe a Túnez con medo, e todo cidadán árabe mira hoxe a Túnez con esperanza"

Ou como o expresa a deseñadora gráfica exipcia Zeinab Samir nesta imaxe que ilustra esta entrado e que capta a esperanza de moitos de que o cambio que lograron os tunecinos sexa posible no resto de países da rexión.

Pero esta revolución, que algúns chaman a Revolución do Xasmín, outros a Revolución de Sidi Bouzid e outros a revolución de Mohamad Bouazizi, en honor ao mozo que se inmolou o 17 de decembro en protesta pola situación económica e a corrupción despois de que a policía lle confiscase o seu posto de froita e verdura, é froito non só de problemas políticos, sociais e económicos que afectan a toda a rexión, senón de factores específicos do país que se xuntaron e derivaron no levantamento destes días. Que é o que fixo posible esta revolución?

O primeiro e principal factor foi, sen dúbida, o propio carácter da sociedade tunecina. A presenza dunha gran maioría de mozos con alta formación universitaria enfrontados á dura situación económica e ás altas taxas de desemprego e de corrupción foi clave na canalización da frustración ante a falta de expectativas e a inxustiza instalada no país. A idade media da poboación tunecina está en torno aos 27 anos, unha cidadanía nova á que o réxime do anterior Presidente, Habib Burguiba, abriu o acceso á educación a uns niveis moi altos e impensables hai unhas décadas. Estes mozos supuxeron o motor de busca dun cambio e de presión popular que desencadeou os levantamentos cidade a cidade e pobo a pobo, cun prezo que foi alto: máis de cen vítimas por todo o país. Tamén en palabras de Mona El-Tahawy, "o singular desta revolución é que non veu da man nin dos islamitas, nin de invasións estranxeiras no nome da democracia, senón da propia xuventude deste país".

O Exército. A autoridade do Goberno tunecino manifestábase a través dunha forte presenza da Policía, que traballaba en estreita alianza co Presidente. Isto fixo que se coñeza a Túnez como un "estado policial", algo que aparece mesmo rexistrado nalgún dos cables de Wikileaks relativos ao país. O Exército, en cambio, mantívose en boa medida independente do Goberno de man de ferro de Ben Ali e foi clave durante os levantamentos, que unha alianza entre Presidente e Exército tería reprimido con moita maior contundencia. Se é certo o papel que se lle adxudica ao Xeneral en Xefe, do que se di que se negou a acatar a orde de Ben Ali de abrir lume contra manifestantes desarmados, esta institución tería sido clave no momento histórico que vive o país.

Os medios. Moitos refírense xa ao levantamento da sociedade tunecina como "a revolución de Twitter" ou "a revolución de Wikileaks". Para moitas vítimas da represión e activistas polos dereitos humanos, tanto en Túnez coma noutros países da rexión, estes titulares soan a un intento occidental de etiquetar dun modo homoxéneo todo o que sucede na zona de Oriente Medio e Norte de África. O artigo de Foreign Policy, The first Wikileaks revolution, no que se pon a énfase no papel de Wikileaks como impulsor das revoltas, é desproporcionado e ofensivo para moitos. "A revolución é 100% produto tunecino", coméntame o activista mauritano Nasser Weddady, "e non hai que desviar de Túnez os méritos". Segundo a escritora e bloguera estadounidense Jillian C York, a revolución tunecina "non" é de Twitter nin de Wikileaks, senón simplemente humana. "

Aínda que sen dúbida o mérito do primeiro caso de derrocamento dun réxime por presión do seu propio pobo na historia moderna da rexión é dos propios tunecinos, os medios cumpriron unha importante función como altofalante do que estaba a suceder. Non os medios tradicionais, que non deron cobertura ás revoltas ata que a relevancia histórica dos feitos resultou innegable, pero si Internet e os medios sociais, dos que os tunecinos se serviron para contar en primeira persoa ao mundo o que estaba a suceder. Arredor do 16% dos tunecinos está en Facebook, a pesar dos intentos de Ben Ali de impedir o acceso dos cidadáns a medios e plataformas sociais de Internet, e a tunecina é a comunidade online máis activa de toda África. Blogs e portais de noticias como SBZ News e Nawaat cubriron o baleiro informativo que deixaron a maioría de medios (coa excepción de Al-Jazeera, que fixo unha gran cobertura a pesar de que as autoridades lles restrinxiron o acceso ao país).
Segundo o coñecido blog sobre tecnoloxía Read Write Web, a detención dun bloguero tan influente como Slim Ammamou (liberado o 13 de xaneiro), entre outros blogueros e activistas, foi un grave erro do Goberno tunecino. Ammamou é fundador do Partido Pirata de Túnez, activo defensor da Neutralidade da Rede e colaborador precisamente de Read Write Web e xerou unha onda de solidariedade que fixo que máis internautas se fixesen eco das revoltas e a represión no país.

Unha revolución do século XXI na que ao descontento popular e á forza dos seus cidadáns como motor de cambio se suma a tecnoloxía que os empodera e os fai independentes. Para narrar a Historia que eles mesmos están a construír e contala ao mundo coas súas propias voces.


*Leila Nachawati

* Nacida en Santiago de Compostela, é damasquina por parte de pai e viaxa regularmente a Siria. Licenciada en Filoloxía Inglesa e Árabe, estudou Crítica Literaria en Kansas e Cooperación ao Desenvolvemento en Granada. Dende hai un ano traballa en xestión de redes sociais


Fonte: periodismohumano
Radio Rexurdimento.gal é socio de periodismohumano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario