http://www.wikio.es

8/4/11

“As silenciadas”, o documental que dá voz ás guerrilleiras galegas

As silenciadas” é un documental histórico que recupera historias de vida, contextualizadas, de numerosas mulleres que estiveron na clandestinidade como guerrilleiras nos montes ou que apoiaron desde a chaira o movemento de resistencia anti-franquista servindo de enlaces, facéndose con armas ou realizando outros labores de intendencia.

Pola súa condición de mulleres e por defender a liberdade e foron dobremente e duramente represaliadas: morte, cárcere, tortura física e psicolóxica, desterro ou exilio. Non obstante, o seu papel foi fundamental na supervivencia da resistencia. Foron, de feito, a columna vertebral da guerrilla.

A historia non lles fixo xustiza, relegándoas ao papel de amantes dos guerrilleiros e negando a súa participación ideolóxica e política no movemento. Agora, o documental As silenciadas visibiliza a seis destas mulleres con testemuños en primeira persoa e tamén coas voces de familiares destas loitadoras.


Un traballo pioneiro, dirixido por Pablo Ces, e produto da investigación que durante catro anos realizou a súa nai, a profesora da USC Aurora Marco, que tamén escribiu un libro, aínda inédito, no que reflicte todo o recollido ao redor deste tema.

Para min foi un orgullo participar naquela loita. Fun varios anos enlace e despois pasei á guerrilla do monte, con armas e loitando coma eles. Non queriamos o fascismo, loitabamos pola liberdade, contra Franco. Os fascistas nunca nos poñerán no lugar que nos corresponde, sempre nos rebaixarán. As guerrilleiras eramos como todas as mulleres e nada tiñamos que ver coa imaxe que tiñan de nós. Sabiamos cal era a nosa loita. Eramos donas dos nosos actos e non tiñamos que dar explicacións a ninguén...”.

Estas son palabras de Consuelo Rodríguez López, coñecida como a guerrilleira Chelo e exiliada en Francia. Viviu nos montes galegos, pertenceu á Federación de Guerrillas León-Galicia e é unha das protagonistas do documental As silenciadas, que ás oito e media desta tarde se estrea na Domus da Coruña.

A entrada á proxección é de balde ata completar o aforo.


As silenciadas (Web do documental)


Entrevista a Aurora Marco, quen fala do documental “As silenciadas”

No hay comentarios:

Publicar un comentario