Non podemos calar. Non debemos calar. Porque están aí, ás portas, esperando o asalto final ao palacio municipal de María Pita. Preséntanse como o cambio, mais son os de sempre, nostálxicos do franquismo.
Candidatos que manifestan sen rubor a súa negativa a cumprir a Lei da Memoria Histórica e a retirar a simboloxía franquista, tal e como aprobou o pleno da corporación municipal o 7 de setembro de 2009. A Coruña xa non é a capital da simboloxía franquista, mais aínda queda moito por facer; é unha vergoña que o único escudo franquista da cidade estea na entrada principal de María Pita.
Son os mesmos que fan interesada relación entre inmigración ou etnia e delincuencia, con afirmacións de marcado carácter racista.
Utilizan o tema do topónimo da cidade para xerar crispación social e escasos réditos electorais. Están contra a aplicación da Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en 1983. O concello da Coruña debe asumir a política de normalización lingüística que xa teñen outras cidades galegas e tomar medidas para o impulso do uso do galego.
Levan anos obstaculizando a construción dunha residencia pública na nosa universidade porque eles están pola xestión privada e por defender o negocio dos seus amigos.
Hai que afondar nunha política urbanística ao servizo das maiorías sociais, que poña freo á especulación. A Coruña debe liderar o recoñecemento institucional do novo espazo político cidadán do século XXI, impulsando un modelo territorial urbanístico que nos leve a unha cidade aberta, de habitabilidade conxunta e servizos compartidos, aplicando políticas públicas de vivenda, transporte, defensa do espazo público e do patrimonio cultural e histórico da cidade, que teña na participación cidadá a chave da súa concepción como proxecto colectivo.
Queremos unha sociedade participativa coa posta en vigor dun renovado Regulamento de Participación Cidadá e uns Orzamentos Participativos.
Somos unha plataforma cívica apartidaria e non pedimos o voto para ninguén. Formamos parte dunha cidadanía coruñesa que quere asumir as súas responsabilidades. Facemos a nosa humilde achega para crear un movemento cívico que impida a chegada ao Goberno Municipal daqueles que se presentan como o cambio, pero que non representan outra cousa que a marcha atrás e unha hipoteca para o futuro da Coruña.
Consideramos que a abstención favorece os obxectivos da dereita e, por tanto, é de vital importancia a participación nas eleccións municipais do 22 de maio porque o noso voto decide.
A Coruña, 14 de abril de 2011
Promotores deste manifesto, que se presentará nunha asemblea pública o 28 de abril, ás 8 da tarde, no Circo de Artesáns (r/ San Andrés 36, A Coruña):
Xabier Docampo, Manuel Rivas, Francisco Pillado, Xosé María Monterroso, Henrique Rabuñal, Xurxo Souto, Tono Galán, Isabel Risco, Luis Fermín Rodríguez, Pepe Galán, Miro Casabella, Xosé Lois Martínez Suárez, Xosé Luis Rodríguez Pardo, Andrés Salgueiro, Mari Luz Canal, Ramón Veras, Manuel Monge, Pura Barrio, Xesús Díaz, Lóis Uxío Taboada Arribe, Pancho Alvarez Fontenla-Gayoso, Anxo Guerreiro Carreiras, Enrique Veira Pino, José Manuel Sánchez Mesejo, Francisco Vázquez Camba.
Nota: Radio Rexurdimento.gal, adhírese ao contido deste Manifesto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario