http://www.wikio.es

7/6/10

Zapatero debe dimitir xa!

A folga de empregados públicos do 8 de xuño de 2010 sinala o inicio das mobilizacións dos e das traballadoras que posiblemente teña a súa continuación nunha folga xeral antes de que remate este mes.

Os sindicatos pensáronse moito iniciar as mobilizacións contra Zapatero porque en ningún caso querían aparecer como os responsables de abrirlles as portas á dereita pero todo ten un límite: despois de reducir o soldo do funcionarios por decreto, sen respectar os acordos recén asinados, prepárase para liquidar os principais mecanismos de defensa dos salarios dos traballadores, tamén por decreto, como requisito para a redución destes.

Xa parece unha evidencia que o presidente do goberno do Estado non estaba preparado para enfrontarse a unha situación de crise. Como na súa primeira lexislatura, subido aínda na crista do "milagre" da política de desenvolvemento, quería continuar xestionando a opinión pública mediante xestos cargados de simbolismo ao tempo que a economía se xestionaba aparentemente soa, como a fórmula perfecta para seguir gañando as eleccións. Non aceptou a existencia da crise e cando non tivo máis remedio que recoñecela en ningún momento comprendeu a gravidade e a profundidade desta.

Ao principio desenvolveu receitas keynesianas "de novo cuño" inxectando diñeiro público á banca, á industria automobilística e ás rendas mediante o Plan E ou o Prodi, para incentivar a demanda agregada e estabilizar o sistema financeiro, esperando que o sistema se equilibrase. Botóu a todos os que se atreveron a opinar que o futuro era incerto e que era necesario ser prudente co gasto público.

Cando o déficit público creceu mais que en calquera ano da historia de España mentres que o paro non só non se amortecía senón que tamén crecía, ao igual que a débeda externa e a débeda pública, e durante esta humillante presidencia da Unión Europea, non dubidou en facer exactamente todo o contrario e aplicar, ao ditado sen pudor de EE.UU, Alemaña ou Francia, medidas hiperliberáis que van na dirección oposta das adoptadas durante a primeira fase da crise.

Non obstante, a dureza das medidas para cargar a crise contra os que viven dun salario ou dunha pensión non calmóu aos mercados, antes ao contrario, confirmou que carece de criterio, que improvisa, que só busca manterse no poder porque cre que esa é a única e verdadeira función para a cal foi elixido secretario xeral do PSOE.

O seu relevo como presidente de goberno marcará o final dunha época dominada no político pola socialdemocracia e no económico pola política de desenvolvemento e o inicio dun período de empobrecemento do Estado, sobre todo dos territorios máis dependentes, e dos traballadores e pensionistas, no contexto dunha situación global de incerteza, agrava no Estado polo risco de crise bancaria, suba do interbancario e aumento da prima de risco nas emisións de débeda pública.

Agora toca pagar o enorme endebedamento externo contraído, e que non paróu de crecer durante a crise, ata situarse no último trimestre do 2009 en 1.767.346.000 €. Endebedamento desaproveitado porque en vez de investir para adaptarnos á sociedade postindustrial mediante o impulso da educación, a innovación, a cultura e a autonomía enerxética utilizamos os créditos no consumo, a construción residencial ou o mantemento de estruturas administrativas como as deputacións, ineficientes, en se mesma e perturbadoras do conxunto do sistema territorial, que só se xustifican polo clientelismo político que xeran.

Zapatero, sen dar explicación ningunha e recorrendo ao goberno por decreto, asumíu que nos temos que resignar a un papel subalterno dentro da Unión Europea e lograr unha maior competitividade pola vía de reducir os custos laborais directos (salario) e indirectos (Estado do Benestar e liberdades territoriais e democráticas). Pero isto é imposible. Nin el pode dirixir este proxecto nin os pobos do Estado imos conformarnos sen máis. Por iso comezan as mobilizacións que deberán iluminar outra esquerda que cuestione o capitalismo e non confie cegamente nel, outro proxecto que defenda máis sociedade, máis igualdade, máis austeridade, mais democracia. Canto antes se vaia peor para a dereita e mellor para unha nova esquerda (federalista, ecoloxista, igualitaria, radicalmente democrática) que ofreza unha saída da crise estable, sostible solidaria sobre a base dos valores de austeridade, eficiencia, cultura, autonomía e equidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario