http://www.wikio.es

21/5/10

Carallo, que bo que a Sarkozy lle dá por reflexionar sobre as alternativas ao capitalismo. (A UE rescata o proxecto neoliberal)



Hai tres semanas, a Unión Europea decidiu rescatar a Grecia, que estaba a afogarse no mar da débeda. Autorizouse un paquete por 110 mil millóns de euros (80 da UE e o resto do Fondo Monetario Internacional) para enfrontar os vencementos máis urxentes da súa débeda soberana. O prezo para o pobo grego será unha recesión profunda e longa por caer na trampa dunha prosperidade que nunca existiu.

Con tanto barullo, o barco da Unión Europea ladeouse e comezou a facer auga. Os tripulantes viron o perigo do efecto fervenza que podería arrastrar a Portugal e España. Os arrecifes non estaban lonxe: o derrubamento do euro convertérase nunha posibilidade real. Había que tomar medidas para evitar o afundimento.

O 9 de maio os dezaseis países da eurozona comprometéronse a protexer ao euro cun paquete de máis de 500 mil millóns de euros (mmde). Xunto con outros 220 mmde provenientes do FMI, a blindaxe alcanza a portentosa suma de 720 mmde. Por suposto, isto significa que a condicionalidade dos paquetes do Fondo será o prezo a pagar para os países rescatados.

Os medios bautizaron a medida como un exemplo do shock e espanto da doutrina Powell ao arrancar a triste guerra de Iraq. A idea desa doutrina era, recordarán os lectores, atordar cun despregamento militar ao inimigo para aniquilar rapidamente os seus defensas e desmantelar os seus centros de poder.

A metáfora é máis que desafortunada. A guerra en Iraq é un desastre, así que hai que preguntarse a quen está a rescatar esta iniciativa. Para responder, hai que facer un pouco de historia.

O proxecto orixinal dunha Europa unida foi concibido como herdeiro do pacto social da posguerra. Era o momento da reconstrución e a reconciliación, pero tamén o da distribución mediante unha política de ingresos que permitiu unha demanda agregada robusta. Ese era, a grandes trazos, o proxecto orixinal de Jean Monnet para o Tratado de Roma de 1957.

Quince anos máis tarde, a derruba do sistema de Bretton Woods cambiou as regras de xogo e ao final, a Unión Europea alcanzou a súa plenitude no medio do frenesí neoliberal dos anos noventa. A súa creación máis espectacular, a unión monetaria, naceu ao abeiro da teoloxía macroeconómica neoliberal cristalizada no Tratado de Maastricht (1992): política monetaria obsesionada pola loita contra a inflación, política fiscal comprometida co dogma do presuposto equilibrado e unha política de contención salarial que levaría a serios desequilibrios estruturais en toda Europa.

Aínda que o esquema de Maastricht e do Pacto de estabilidade e crecemento se descompuxo antes de que estalase a crise, os políticos e financeiros xogaron a non se decatar. E hoxe que a crise financeira e económica rompeu o paradigma da economía neoliberal, os centros de poder político e financeiro resístense a abandonalo.

Segundo Christine Lagarde, ministra de economía francesa, é sumamente útil ter ao FMI participando nesta iniciativa da UE debido á súa experiencia en aplicar programas de estabilización e axuste. Para Lagarde, a análise do Fondo nos casos de Lituania, Hungría e Grecia foron moi preciosas. Carallo, que bo que a Sarkozy lle dá por reflexionar sobre as alternativas ao capitalismo.

Ao igual que a Reserva Federal, a Unión Europea sacou o seu maquinita de imprimir billetes. Agora poderá comprar débeda soberana, pero a hipocrisía do poder é ilimitada: esas operacións só se levarán a cabo nos mercados secundarios. Pero os países rescatados recibirán o trato que acostuma outorgar o FMI. Agora queda claro non só a quen van rescatar, senón tamén a quen van destruír: esta maquinaria quere desmantelar os últimos vestixios do proxecto orixinal da Europa solidaria e próspera no espírito do Tratado de Roma.

A dous anos de ter explotado a crise neoliberal non se prohibiu nin unha das transaccións financeiras que serven para especular, incrementar riscos e intensificar a volatilidade. En cambio, iníciase a última ofensiva na guerra para desmantelar o que queda dunha etapa na vida do capitalismo na que a solidariedade social e unha norma salarial que permitía facer fronte á deficiencia de demanda agregada importaban un pouco. Arriba a flexibilidade laboral!

Hoxe o pobo grego retórcese nun asador no que os sonos dunha xeración morrerán. É a mesma sorte da xeración que foi sacrificada en México dende 1982 para poder pagar unha débeda interminable. Vinte e cinco anos de non investir en saúde, educación, vivenda ou medio. Ten razón o pobo grego en rebelarse.

Non hai que ser inxenuos. A crise non é unha patoloxía que esporadicamente afecta ao capitalismo. No capital, a crise non é un episodio do que un se recupera para regresar á norma. A crise é o estado normal do capitalismo. O capital goza, vive e nútrese na crise.


No hay comentarios:

Publicar un comentario