http://www.wikio.es

25/5/10

EnConserva, proxecto artístico sobre a fábrica de Massó.

O proxecto ‘Enconserva’ nace co fin de crear un espazo común para que os artistas do Morrazo e do entorno da Ría de Vigo poidan exhibir as súas creacións de forma aberta ao resto dos cidadáns e fóra das salas de exposicións tradicionais.

O principal obxectivo da iniciativa céntrase en promover unha exposición colectiva onde teñan cabida as distintas disciplinas artísticas: pintura, escultura, fotografía, ilustración, vídeo, teatro, literatura e música, entre outras. Cada artista que desexe unirse ao proxecto poderá participar cunha peza da súa creación, que logo será exhibida ao público nun evento que combinará mostras, proxeccións e actuacións en directo.

Para lograr unha unidade neste traballo, propuxose centrar a actividade arredor dun tema común: a antiga fábrica conserveira de Massó.

Despois dun amplo debate e podendo ser o obxecto desta actividade calquera outra temática, optouse finalmente pola industria que durante décadas deu emprego en Cangas a máis dun milleiro e medio de persoas, a superfactoría de O Salgueirón.

A Asociación Cultural Deskarga Furtiva encabezará a organización do programa, actividade aberta a toda proposta que propoñan os artistas participantes.

Co claro propósito de abordar o tema de Massó e a súa salientable figura como un dos principais elementos patrimoniais da historia recente do municipio cangués, a organización considera que existe un enorme potencial documental arredor de Massó, que pode servir de fío condutor do conxunto das manifestacións artísticas.

Achegar, desde a arte, esta peza fundamental da historia de Cangas ás novas xeracións, e facer lembrar ás máis veteranas o que supuxo a vida na fábrica, a súa importancia social e económica, a súa arquitectura, os seus avances sociais no referente aos servizos de que dispuñan os traballadores e moitos outros aspectos en relación ao que foi este ‘imperio’ da industria conserveira.

A fábrica canguesa foi a maior de Europa no sector. Na inmensa maioría das familias canguesas e do resto do Morrazo, algúns dos seus membros traballaron, de forma directa ou indirecta, na fábrica. O proxecto ‘Enconserva’ intentará, así, rememorar aqueles anos e devolver aos verdadeiros protagonistas da historia parte da súa memoria.

Ao mesmo tempo, reivindícase a conservación destes bens patrimoniais, cuxo conxunto arquitectónico se encontra actualmente nun estado de total abandono e deterioro, e por veces, ao límite da ruína.

EnConserva
12 e 13 de xuño de 2010
Nave de redeiras – Cangas do Morrazo.


http://enconserva.todomodo.es/

No hay comentarios:

Publicar un comentario