http://www.wikio.es

11/4/10

"Inmunda escoria.A universidade franquista e as movilizacións estudiantís en Compostela, 1939-1968"

O pasado mércores, 7 de abril, ás 19,30 horas no Salón Nobre de Fonseca en Santiago, fói presentado o libro "Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudiantís en Compostela, 1939-1968", de Ricardo Gurriarán*, editado por Edicións Xerais de Galicia en colaboración coa Fundación 10 de Marzo.

O acto contóu coa participación de Vicente Álvarez Areces (Presidente do Principado de Asturias), Senén Barro (Rector Magnífico da USC), Víctor Santidrián (Director da Área de Historia da Fundación 10 de mMarzo), Manuel Bragado (Director de Xerais) e Ricardo Gurriarán (autor do libro).

«Inmunda escoria» foi o titular co que un xornal caracterizou os estudantes universitarios antifranquistas en 1968, cando as súas protestas fixeron tremer as estruturas da Ditadura. Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 nace da exposición que a Fundación 10 de Marzo lle encargou a Ricardo Gurriarán para conmemorar os corenta anos das loitas do curso 1967/68 na Universidade galega.

A partir dun intenso labor de investigación en arquivos públicos –malia os impedimentos legais que amparan os tan «distantes» tempos da Ditadura franquista– e privados, así como das máis de cen entrevistas aos participantes directos e indirectos do conflito, Gurriarán analiza o que foi coñecido como «o 68 galego», que protagonizou toda unha xeración de persoas cun percorrido político, social e cultural que chega ata os nosos días.

A investigación arranca no ano 1939 e avanza ano a ano para chegar ao curso 1967/68, cando as mobilizacións estudantís antifranquistas conquistaron espazos de liberdade, á custa, iso si, de non poucos desgastes persoais.

Sen aqueles acontecementos, a sociedade galega de hoxe sería moi diferente. Inmunda escoria é un libro que non só enche un baleiro na historiografía, senón que está chamado a converterse, sen dúbida ningunha, nun referente para os estudos que sobre o antifranquismo se fagan no futuro.

*Ricardo Gurriarán (O Barco de Valdeorras, 1953) é licenciado en Educación Física (INEF) pola Universidade Politécnica de Madrid e desenvolve o labor docente no IES A. Xelmírez I de Santiago de Compostela desde 1977. Doutorouse en Historia Contemporánea na USC (2004) co traballo «A investigación científica en Galicia (1900-1940): institucións, redes formativas e carreiras académicas. A ruptura da Guerra Civil». Comezou a investigar sobre Valdeorras, a guerra civil e o exilio literario e científico. Obtivo o Premio Tertuliano Hervella (2003) con Gonzalo Gurriarán (1904-1975); e o Premio da Crítica (2007) coa publicación Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1936).

Participou en varias obras colectivas e foi comisario de diferentes exposicións. Forma parte de varios equipos de investigación da USC e da Fundación 10 de Marzo. Ten publicados máis de cincuenta artigos e media ducia de libros. Actualmente, centra os seus estudos na investigación dos movementos sociais na Universidade de Santiago. Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 (2010) é o seu primeiro libro no catálogo de
Xerais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario