http://www.wikio.es

21/4/10

“A sociedade que non pon luz no pasado carece de saúde"

A sociedade que non pon luz no pasado, no que aconteceu, carece dunha saúde cívica”. Con esta rotundidade, o escritor e poeta Juan Gelman (Arxentina, 1930) reivindicou antonte na Coruña a necesidade de recuperar a memoria histórica. Gelman, que está en Galicia para recibir o Premio de Escritor Galego Universal concedido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, sufriu na carne propia a represión e o exilio da ditadura militar de Arxentina. Neste sentido, o poeta denunciou o silencio que envolve en moitos aspectos a revisión dos crimes da ditadura no país sudamericano.

Houbo un silencio de chumbo ao respecto e moitos dos grandes medios arxentinos non contan o que pasa. Hai máis de mil xuízos e centos de militares condenados ou esperando condena. Pero hai moitos medios que non din nada”, denuncia Gelman, quen decidiu vivir en México mesmo despois de que a orde de busca e captura sobre el decretado pola ditadura fora suspendida.


Pese a distancia, Gleman non renuncia o seu compromiso pola verdade e a revisión do pasado. “A loita durará até que termine. Houbo 30.000 vítimas e agora temos asociacións e organizacións como as Nais da Praza de Maio que continúan”, sinalou o escritor dos poemas do escritor inventado por el mesmo Sidney West.


O poeta e escritor, que aproveitou a súa presenza na Coruña para presentar a última edición do seu libro Bajo la lluvia ajena, tamén amosou a súa preocupación pola situación internacional que se vive actualmente. “Sigo particularmente a política internacional e escribo sobre ela. Estamos bordeando unha castástrofe nuclear. O 11 de setembro foi o que me fixo ver que algo podería ocorrer”, explicou.


Na Coruña, Gelman agradeceu o premio concedido pola AELG e manifestou o seu interese por Galicia. “Estou emocionado con este premio, xa que se me entregue un galardón por escritor galego universal, iso confirma que realmente son arxentino”, ironizou o escritor, quen chegou o sábado para participar na Cea das Letras organizada polo gremio de autores galegos.


Dende o seu punto de vista, a pegada deixada pola emigración galega no seu país de orixe é incuestionable e moi valorada dende o punto de vista cultural. “Moitas figuras intelectuais galegas incorporáronse ao tecido arxentino. É o caso de Seoane e os seus descendentes. Por outro lado, houbo campesiños e obreiros que desenvolveron mil e un traballos. En realidade, tiña especial interese en vir a Galicia porque me parece que ten unha cultura universal e eu, un apetito de coñecemento”, confesou o autor.


No máis fondo, Gelman comparte un mesmo sentir cos miles de galegos que chegaron a Arxentina. “O sentimento de exilio por fame ou por ditadura militar son diferentes, pero os dous son viaxes dolorosas, non pasaxeiras”, explicou o intelectual arxentino.

No hay comentarios:

Publicar un comentario