http://www.wikio.es

7/12/09

Liberalización de servizos: A sombra da Bolkestein desembarca no país

"Minimiza a intervención da administración para facilitar as iniciativas dos emprendedores, de maneira que se axuda ás pequenas e medianas empresas", salientaba o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, á luz da aprobación do anteproxecto de lei ómnibus. Unha iniciativa que adapta un total de 24 normativas galegas á Directiva 2006/123/CE da Unión Europea e que irá agora ao trámite parlamentario.

"É a Xunta a que se adapta ás necesidades da xente e non ao revés", expuxo Rueda, insistindo en que Galiza quedará á "vangarda" no impulso na adecuación lexislativa para desburocratizar o mercado interior europeo. A modo de exemplo, ilustrou Rueda que, mentres que agora cómpren ao redor dunhas 50 autorizacións para unha peme, estas eliminaranse a cambio dunha comprobación da Xunta a posteriori.

Adaptación xa realizada a nivel estatal

No ámbito político, Esquerda Unida-IU é a primeira formación que reacciona fronte á medida, advertindo da ameaza de rebenta a negociación colectiva. "É a demostración palpábel de que cando denunciamos o proxecto de Constitución Europea e a directiva Bolkestein de liberalización de servizos sabíamos perfectamente o interese do capitalismo de poder rebentar os convenios e a lexislación laboral vixente.

"A Xunta con esta adaptación da lexislación galega á directiva europea 2006/123 asume as políticas máis conservadoras e rancias de Europa e pon en liza un conflito entre traballadores de moi perigosa evolución sobre todo no sur de Galiza e especialmente en sectores como o da construción naval", láianse. Ao tempo, reclámanlle de xeito específico "ás forzas sindicais como UXT e CCOO, que no seu día apoiaron a Constitución Europea, que asuman o erro e loiten contra este intento da Xunta de rebentar a negociación colectiva en Galiza".

A nivel estatal, IZQUIERDA UNIDA e BNG xa se pronunciaran con belixerancia en contra desta adaptación. Cando o pasado mes de xuño se aprobou a adaptación estatal da normativa de liberalización, o grupo de Izquierda Unida no Congreso acusara o goberno español de querer ser "máis papista que o Papa", argumentando que o PSOE debuxara un modelo "con menos restricións" ca os principios básicos marcados no documento europeo. "Impulsa unha redución dos estándares de protección dos dereitos sociais e laborais", laiábanse.

No hay comentarios:

Publicar un comentario