O proxecto de investigación 'Nomes e Voces', un referente a nivel nacional no tocante á recuperación da memoria histórica, contará este ano con 30.000 euros de financiamento, unha redución de máis do 90%, xa que a iniciativa contaba antes con 230.000 euros anuais. Así llo comunicou onte o director da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, ao director do proxecto, o historiador da USC Lourenzo Fernández Prieto.
Segundo averiguou Xornal de Galicia, a Consellería de Cultura xustificou a redución orzamentaria na austeridade e nos gastos previstos para o Xacobeo.
Aínda que a Xunta valorou o "importante traballo realizado" e apostou por "manter o proxecto", o gasto en investigación será suprimido, poñendo fin ás viaxes aos arquivos de fóra da comunidade e á dixitalización de fotografía antiga, e redúcese ao mantemento da páxina web.
"En 2010 tentaremos sacarlle o máximo partido á gran cantidade de información acumulada para dotar de contidos a nosa páxina web; pero non poderemos seguir acadando datos dos anos 40 ata a actualidade", sinalou un investigador do proxecto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario