A Dirección xeral de Difusión da Cultura xa non atende a consultas relacionadas coa memoria histórica.
O Goberno galego non colaborará na elaboración do mapa de fosas para localizar o paradoiro dos represaliados durante a Guerra Civil e a ditadura, tal e como informaron onte fontes do Ministerio de Xustiza. “Están as comunidades que asi o desexan, non todas queren adherirse”, precisaron desde ese departamento estatal. Aínda que a xuntanza prevista onte para asinar o acordo foi aprazada para despois do Nadal “polo temporal”, sete autonomías confeccionarán o devandito mapa, en consonancia co establecido na Lei de Memoria Histórica: Cataluña, País Vasco, Andalucía, Estremadura, Castela-A Mancha, Aragón e Cantabria.
Xustiza espera poder asinar “antes de fin de ano” o convenio polo que esas sete comunidades aportarán datos ao mapa de fosas, cuxa elaboración corresponde, en última instancia, ao Ministerio e será posto a disposición de toda a cidadanía a través dunha páxina web. Deste xeito, o Goberno e as autonomías crearán unha base de datos –da que Galicia quedará excluída– con información das fosas, as súas características, as intervencións realizadas e os datos das persoas alí soterradas. A Consellería de Cultura, consultada por este xornal, declinou pronunciarse ao respecto.
Membros da Oficina estatal para as vítimas da Guerra Civil e a ditadura contactaron co proxecto de investigación Nomes e Voces, da Universidade de Santiago de Compostela, co gallo de recabar datos para a localización das fosas na comunidade galega. Os investigadores remitíronos á Consellería de Cultura, aínda que ao parecer, finalmente, non se produciron conversas.
Segundo o grupo investigador, eles mantiñan contactos coa Xunta mediante a antiga Dirección Xeral de Creación de Difusión da Cultura para avanzar no cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Pero, tal e como puido averiguar este xornal, a actual Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura non atende as consultas relativas á memoria histórica. “Antes había unha persoa que polo menos collía o teléfono, pero agora non”, sinalaron persoas relacionadas co proceso de recuperación da memoria histórica.
Aínda que a Xunta do bipartito carecía dun departamento específico para tramitar asuntos relacionados coa nova lei, “tiña persoal específico que levaba os asuntos desde a secretaría de Creación e Difusión cultural”, indicaron as mesmas fontes. Desde xaneiro de 2009, a Consellería de Cultura habilitou unha estrutura interna para atender todo o relativo ao proceso de recuperación da memoria histórica, que “quedou en suspenso”, precisaron.
Dignificar os represaliados.
Así, mentres o cumprimento da Lei de Memoria Histórica vaise aprazando en Galicia, outras comunidades como Cataluña sentan as bases deste proceso. O pasado 25 de marzo, o Goberno catalán aprobou un proxecto de lei pioneiro en España coa finalidade de sinalizar e dignificar as fosas comúns da Guerra Civil e do franquismo. Actualmente, en Cataluña hai unhas 179 fosas comúns, e un cento delas están situadas en cemiterios municipais.
En Galicia, a Comisión Memoria Histórica do 36 de Ponteareas ten documentadas seis fosas, a raíz da querela presentada en decembro de 2006 polo xuíz Baltasar Garzón para investigar aos desaparecidos no franquismo. A última en ser escavada foi a de Barro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario