http://www.wikio.es

5/1/10

21 DE XANEIRO: FOLGA XERAL NO ENSINO EN GALICIA

PAREMOS O DECRETO CONTRA O GALEGO.
Folga xeral no ensino. 21 de xaneiro.

A plataforma Queremos Galego convocou as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo. A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na resposta social.

Alberto Núñez Feijóo sabe que este decretazo non conta co respaldo nin das familias nin do profesorado nin do estudantado. Por iso o presentou no medio das vacacións, na véspera de fin de ano, á última hora do serán e mudando in extremis tamén o lugar de reunión do Consello da Xunta, por vez primeira na lexislatura. Só lle faltou facelo de noite e no medio dunha fraga perdida.

Co seu característico discurso cínico, Alberto Núñez Feijóo bautizou o disparate como “decreto do plurilingüismo”, cando a realidade é que con esta proposta non se poden mellorar as competencias comunicativas de ningún dos tres idiomas indicados.

A propaganda sobre a aprendizaxe do inglés é unha burla tremenda, porque se vende un suposto “trilingüismo” que, á marxe doutras consideracións, é imposíbel de aplicar en case toda Galiza. Así o recoñece a disposición transitoria primeira deste decreto, que sinala que mentres non haxa profesorado capacitado para dar aulas nesta lingua foránea, iso non se fará. Esa disposición adicional acaba anulando todo o dito no resto do articulado. Coas falacias sobre o inglés o que tentan é confundir á opinión pública e camuflar esta navallada contra o idioma de Galiza.

No caso do castelán e do galego, é obriga do Goberno garantir que os estudantes finalicen cada etapa educativa con competencias nas dúas linguas oficiais. No entanto, iso non se está a conseguir para o idioma propio, tal e como o corroboran estudos e informes realizados polo Consello Escolar de Galiza, o Instituto Nacional de Estatística, o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega.

O último censo de poboación e vivendas sinalaba que un 20% dos rapaces e rapazas entre 14 e 19 anos son analfabetos funcionais en galego. A Xunta, en lugar de axudar a resolver este gravísimo problema, profúndao e crea outros novos. Como se pode entender que, ante esta situación, o que se propoña sexa xusto reducir a presenza da lingua propia no horario escolar?

O outro eixo da propaganda deste decreto é que disque ofrece a “liberdade” dos pais para escolleren que materias se impartirán en que linguas a través de consultas. Así, a Xunta fai deixadez das súas funcións, trasladando as súas responsabilidades ás comunidades educativas, abrindo unha fonte de enormes conflitos mesmo entre familias.

Mais se non nos guiamos pola cínica grandilocuencia da Xunta e imos ao texto do decreto veremos en que consiste iso en realidade. En educación infantil, disque a maioría decidirá a lingua vehicular e non se sabe que é o que pasará coas familias que saian perdedoras desa votación. Ademais, as consultas ás nais, aos pais ou aos titores serán cada catro anos, de forma que un opina sobre a educación dos fillos dos demais e viceversa. Un auténtico disparate.

Fronte á imposición unilateral de Núñez Feijóo, as comunidades educativas reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a federación de ANPAs públicas, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento. Se non o lembra, lembrarémosllo o 21 de xaneiro.

Este decretazo ímolo tombar!

Nota: Este blog, Radio Rexurdimento.gal, súmase á convocatoria e aos motivos que a xustifican.

No hay comentarios:

Publicar un comentario