http://www.wikio.es

19/3/10

CCOO-Ensino ante a presentación do borrador do Decreto de plurilingüismo.

A Federación do Ensino do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras, ante a presentación do borrador do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, emite o seguinte comunicado:

1.- CCOO lamenta, unha vez máis, que se perdera a oportunidade de recuperar o consenso sobre a lingua, e proclama unha vez máis que o uso da lingua galega e o seu tratamento como idioma oficial é un dereito de todos os cidadáns e cidadás de Galicia, con independencia das súas ideas e crenzas. A Xunta de Galicia, responsable de garantir o dereito a expresarse en lingua galega, non só non manifesta interese por protexer a lingua galega, senón que parece vela como un estorbo, como algo superfluo.

2.- CCOO lamenta que a Consellaría de Educación da Xunta de Galicia utilice a presentación do borrador do Decreto a xeito de instrumento de propaganda e en vez de facer unha distribución do mesmo de modo transparente e público, fixera unha difusión selectiva sen que se saiba moi ben en base a que criterios.

3.- CCOO lamenta que a Xunta de Galicia siga a mesturar deliberadamente a regulación do tratamento das lingaus oficiais no ensino coa aprendizaxe de linguas estranxeiras, confundindo a regulación de dereitos cidadáns constitucionalmente recoñecidos con cuestións de mera oportunidade.

4.- Rexeitamos que a Xunta de Galicia menoscabe gravemente a autoridade das e dos docentes, introducindo nas aulas un elemento máis de conflito, ao outorgarlles ás alumnas e alumnos a posibilidade de se expresaren na lingua oficial que decidan, cando a lóxica pedagóxica aconsella o uso obrigatorio da lingua de impartición.

5.- A introdución da consulta vinculante aos pais e nais introduce elementos gravemente distorsionadores na elaboración do proxecto lingüístico de centro, ao tempo que introduce entre os pais e nais un debate ata o de agora inexistente neste ámbito, e limita a utilización de criterios profesionais e pedagóxicos na determinación da lingua de impartición.

6.- O establecemento de criterios ríxidos porcentuais para a impartición de cada unha das linguas oficiais impide a utilización de criterios racionais á hora de determinar de xeito flexible a lingua de impartición para garantir as competencias en función das necesidades lingüísticas derivadas do contexto.

7.- A eliminación da valoración nos procesos de concurso do esforzo en materia de competencia lingüística do profesorado e a práctica indefinición en que se deixan os plans de formación son un desatino máis nun Decreto que non gozará do apoio do profesorado.Á vista de todo o dito, CCOO entende que a actuación da Xunta coa posta en práctica deste Decreto vai máis aló do mero ataque á lingua galega e convértese nun elemento perturbador que dificultará a xestión dos centros educativos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario