http://www.wikio.es

11/3/10

Touriño deixa o seu escano no Parlamento de Galicia

O ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, renunciou esta mañá ao seu escano no Parlamento de Galicia para dedicarse á investigación universitaria. Cando se cumpre un ano da derrota electoral do bipartito, o ex secretario xeral dos socialistas galegos anunciou que se retira da "primeira liña política" para emprender unha investigación sobre Galicia e o norte de Portugal.

En declaracións aos xornalistas, Touriño explicou que se vai do Parlamento despois dun "período de normalidade democrática", once meses no escano nos que non ocultou as súas discrepancias coa actual dirección do PSdeG en asuntos cruciais como a fusión das caixas, que el si apoia, ou a nova Lei do Solo que impulsa o PP.

A este último tema referiuse o ex presidente da Xunta tras comunicar a súa renuncia do escano primeiro á Presidencia da Cámara e, despois, aos seus compañeiros do grupo parlamentario. "Hai que pactar sobre o territorio pero tamén hai que ver como", asegurou.

O seu sucesor á fronte dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, limitouse a afirmar que hoxe é "un día especial para o socialismo galego" e que non pensou aínda se lle outorgará a Touriño un cargo honorífico. "Sempre vai ser un referente", sinalou.

Neste case primeiro ano de lexislatura tras a derrota do 1-M, Pérez Touriño deixou patentes varias discrepancias coa actual dirección do seu partido. O ex secretario xeral do PSdeG manifestou o seu apoio aos esforzos de Feijóo por fusionar Caixa Galicia e Caixanova e cuestionou o respaldo dos socialistas á nova Lei do Solo que supoñerá unha amnistía para miles de inmobles ilegais. O seu rexeitamento a esta última medida levouno a ausentarse do seu escano o día en que se votou a tramitación da norma, cando o seu partido optou pola abstención e non polo voto en contra.

Nota: Emilio Pérez Touriño, será o relator dunha conferencia-coloquio que organiza a asociación sociocultural NAMENTRAS, na Coruña, o próximo día 20 de maio co título de “Galicia na crísis”, dentro dun ciclo "Galicia Hoxe" que orgniza e ven desenvolvendo a devandita entidade cidadá coruñesa.


No hay comentarios:

Publicar un comentario