http://www.wikio.es

9/3/10

Repensar a esquerda

O profesor Monedero define as sociedades desenvolvidas como sociedades con altos niveis de descontento e desconcerto, e eu engadiríalle con esquerdas desorientadas. Estas tres "des" explican o auxe do populismo de dereitas. En España, hoxe, todas as enquisas son favorables aos partidos de dereita. Esta é a crua realidade coa que afrontamos o próximo calendario electoral. Hai que reaccionar. Sen desprezar os procesos de reflexión abertos nos partidos, considero que debe emerxer un novo protagonista; a esquerda difusa, é dicir, os miles de homes e mulleres que militaron na esquerda e que se senten hoxe orfos de calquera sigla, xunto con xente, sobre todo novos, que, sen pasar por ningunha organización política, séntese comprometida cos ideais da transformación social.

Só saberemos que lle pasa á esquerda se coñecemos o que pasa na sociedade e, a partir deste diagnóstico, construímos un proxecto de ilusión, confluencia e articulación de todos aqueles homes e mulleres que se senten identificados na aposta polo federalismo e a sostibilidade social e ecolóxica. Debemos afrontar con decisión e imaxinación múltiples retos. Para min os máis centrais son a crise do colectivo -crise previa á desafección da política- e a crise económica, entendida esta como unha crise do modelo produtivo imperante, insostible social e ecoloxicamente. Se realmente queremos controlar a economía e organizar a liberdade, o principal obxectivo é recuperar a centraliade da política.

Falar hoxe de España e da esquerda necesaria é falar de federalismo e ecoloxismo (ou ecosocialismo ou esquerda verde, tanto dá o nome se nos referimos ao mesmo, un proxecto de equidade social e sostibilidade ecolóxica).

España é plural, pero para poder exercer esta pluralidade é necesaria unha proposta federal para o Estado, proposta que hoxe brilla pola súa ausencia. A conflitividade territorial é unha das grandes vitorias da dereita, xa sexa central ou periférica, e un dos grandes impedimentos na formulación de causas comúns, que nos convoquen, sen distinción da orixe territorial, nos procesos de reordenamento do Estado español e na construción europea. Construír identidades propias laicas só é posible dende o federalismo. Reivindicar o propio só é positivo dende o federalismo. Achegar solidariamente só é comprensible dende o federalismo.

Hai que incorporar o ecoloxismo como programa e como sinal de identidade. Nunca entendín as resistencias de certos sectores da esquerda clásica a facelo. Ao mellor é por iso, por ser clásica. Os límites ao desenvolvemento, a responsabilidade interxeracional, os criterios de sostibilidade, a alerta temprá respecto aos graves riscos de infarto ecolóxico, cambio climático, o debate aberto sobre o decrecemento, representan no seu conxunto un novo ideario e un novo proxecto de sociedade. A proposta do "green new deal" é hoxe a única alternativa formulada para garantir que o modelo económico postcrise se oriente cara a un modelo sostible. De avanzar cara a unha economía libre do carbono. O fundamento deste "green new deal" é sinxelo: utilizar o gasto público para impulsar a economía favorecendo o investimento en novos sectores que protexan o medio, loita contra o cambio climático e creación de novos traballos verdes. Xunto co feminismo, o ecoloxismo foi unha das grandes revolucións da segunda metade do século XX. Tomémolo en serio, e máis cando en España existe un rico, complexo e combativo ecoloxismo social.

É necesario facer emerxer novos protagonistas que expliquen de xeito alternativo a realidade e ofrezan novas solucións aos vellos e novos problemas. En España, digan o que digan os pesimistas, sinceros ou interesados, hai a suficiente capacidade intelectual e enerxía social e política para poder saír deste marasmo. Non podemos nin queremos resignarnos a quedar reducidos ás estreitas paredes do que hoxe representan os partidos se non queremos, os que militamos nalgún deles, que as paredes se nos acaben caendo enriba. Hai que abrirse. A nosa ambición debe ir máis alá da nosa viabilidade electoral. Hai que pretender liderar os debates presentes na nosa sociedade nestes momentos de desconcerto e descontento. Hai que reorientarse.


Previo ao que facer é o por onde empezar. Creo que o máis sinxelo e práctico é constituír unha fundación que sexa espazo de encontro, reflexión e tamén de mobilización. Convocar a todas as persoas interesadas e darlles voz e protagonismo. Unha fundación de ámbito estatal integrada non por partidos, senón por persoas a título individual. E facer xirar a roda, ampliando os espazos de debate e reflexión. Estou convencido de que, se hai ideas, estas sempre encontran a forma de organizarse.

Din que as crises poden ser oportunidades. Esta que padecemos, hoxe por hoxe, non o é. Os mesmos causantes da crise lideran a súa resposta. É a nosa responsabilidade facer todo o posible para que isto non sexa así. E para iso necesitamos solucións e forzas. E se non as temos por nós mesmos, cosa ben evidente, hai que buscalas fóra. É por iso que é estratexia de ICV colaborar para articular o inicio dun espazo de debate, proposta e articulación do que os italianos chamarían "il popolo di sinistra", o pobo de esquerdas.


Jordi Guillot é vicepresidente de ICV e senador

Ilustración de Iker Ayestaran
Tradución ao galego: Radio Rexurdimento

No hay comentarios:

Publicar un comentario