"El origen de la enfermedad de nuestra democracia reside en la deslegitimación de Franco y el franquismo". Como mostra prudente, é un exemplo dos discursos que aboian nalguns xornais ou no centro de plataformas como Libertad Digital ou Intereconomía. A reviravolta semántica non dá para a rexouba. É apoloxía do franquismo, e non chega á Fiscalía porque non é delicto.
"Un dos grandes problemas é que os historiadores non están nos medios", apón o historiador Emilio Grandío. "Non é tanto a escola, senón a información, que só aborda estas temáticas dramaticamente". Grandío, que coordinara a investigación sobre a represión na Coruña para As vítimas, os nomes, as voces e os lugares, o proxecto de catalogación da represión impulsado ao abeiro do Ano da Memoria 2006, sitúa agora o traballo dos investigadores galegos: "Xa sabemos cantas vítimas houbo e o grao de represión, agora imos intentar explicar por que durou tanto desde outras perspectivas". A Xunta recurtou nun 90% o orzamento do proxecto, que só chegou a 1939 -o obxectivo era 1977-, mais os campos que contribuíu a anchear o apoio institucional á memoria histórica seguen abertos.
"Un dos grandes problemas é que os historiadores non están nos medios", apón o historiador Emilio Grandío. "Non é tanto a escola, senón a información, que só aborda estas temáticas dramaticamente". Grandío, que coordinara a investigación sobre a represión na Coruña para As vítimas, os nomes, as voces e os lugares, o proxecto de catalogación da represión impulsado ao abeiro do Ano da Memoria 2006, sitúa agora o traballo dos investigadores galegos: "Xa sabemos cantas vítimas houbo e o grao de represión, agora imos intentar explicar por que durou tanto desde outras perspectivas". A Xunta recurtou nun 90% o orzamento do proxecto, que só chegou a 1939 -o obxectivo era 1977-, mais os campos que contribuíu a anchear o apoio institucional á memoria histórica seguen abertos.
Desde a lexitimación social do franquismo, e a caracterización da resposta social, á clandestinidade -reducida durante moito tempo ao intento de sistematización de Hermut Heine A guerrilla en Galicia (Xerais, 1980)- ou ás feridas sen encoirar da II República como promesa real de modernidade, vítima desde finais dos 90 do revisionismo ultra. Grandío, que fixo a tese sobre a CEDA en Galicia, publica agora A II República en Galicia. Memoria, mito e historia (Nigra-Tea), que servirá para actualizar os traballos de Bernardo Máiz (Galicia na II República e baixo o franquismo, 1988) ou Carlos Velasco. Divídeo en seis epígrafes, desde a posición da Igrexa ao funcionamento do poder local -a praxe viña de Primo de Rivera e da Restauración-, ata as eleccións do Frente Popular. "Ás veces parece que a II República só existe polos mortos", critica. "E logo cóntalo e á xente sorpréndelle que houbese plans de municipalización, naturismo ou revistas satíricas".
Noutra análise, Dionisio Pereira publicará antes do verán Loita de clases no mar e represión franquista contra os mariñeiros galegos (1864-1939), que sintetiza parte do traballo da súa vida. O devalar do asociacionismo mariñeiro e cómo o esganaron. Pereira documenta a represión "de clase" exercida pola patronal, tanto a de altura como a conserveira, sobre os mantedores de ideas políticas e carné sindical en liña de costa. Foi prudente -un xulgado desestimou en 2007 a denuncia contra el por ter sinalado ao ex alcalde franquista de Cerdedo como "presunto instigador" da represión-, mais todo o que se di, nomes incluídos, volve estar constatado por vía oral e arquivística. Patronais como a de Vigo-Bouzas, remarca, "foron parte activa nas represalias".
Se en Cataluña levan tempo balizando o feminismo anarquista, os batallóns de traballadores ou o papel dos estalinistas cataláns -liberados do PCE- durante o conflito, as abordaxes da guerra, a resistencia e o ermo franquista en Galicia responden á media estatal. Porén, os tópicos de mansedume e entreguismo na retagarda popularizados -tamén- entre os soldados republicanos que facían burla dos mariscos -os reemprazos forzosos de galegos, entre eles Celso Emilio ou Pousa Antelo-, non son fáciles de desarraizar en certo imaxinario estatal, malia ao asasinato de 4.200 galegos só entre 1936 e 1939, e en zona nacional.
Neste punto, o traballo exhaustivo de historiadores locais como Luís Lamela ou Xerardo Agrafoxo, o primeiro en tirar fontes das causas militares, ou a sistematización da violencia en Ourense e Lugo, a cargo de Xulio Prada e María Jesús Souto, visualízase tamén a través dos 28 títulos de coleccións coma O fardel da memoria, de Edicións A Nosa Terra. Só Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco, o libro que publicou o melidense Carlos Parrado sobre Ramón Varela, morto en 1967 -os derradeiros maquis foron galegos-, vendeu 1.300 exemplares o ano pasado. "Un bestseller real", di o director literario, Xosé Henrique Acuña. "É a necesidade local e comarcal de facerse coas historias reais".
Entre as perspectivas historiográficas que pulan por situar o franquismo no estudo científico, son xustamente as liñas de investigación en historia da vida cotiá, aínda recente nas universidades españolas, as de prospección recente en Galicia. Se Euskadi e Cataluña centran as análises no obreirismo e a burguesía, as primeiras aportacións galegas ao debate transversal, onde collen antropoloxía simbólica e economía moral, saen do campo. Tratan a interacción entre o campesiñado e a autoridade (Labregos no franquismo, de Anxo Collarte, Difusora de Letras), a cuestión do acatamento (o recente Xente de orde, de Ana Cabana, en 3C3) ou ambicionan unha aproximación sociolóxica total, como Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia durante o franquismo, de Daniel Lanero, que pronto publicarán 3C3 e a Fundación 10 de Marzo.
"As actitudes sociais son dinámicas. Os mesmos suxeitos, nas mesmas capas sociais, consenten nuns ámbitos e resisten noutros", resume Cabana. Era a Hermandad Sindical de Labriegos y Ganaderos -despois Cámaras Agrarias- a que contactaba co Servicio Nacional de Productos Agrarios para reparar colleitas perdidas, do mesmo xeito que un funcionario podía decidir quen tiña pensión e médico. A destrucción da conciencia política, a resistencia dos mesmos labregos que facían viable a existencia de fuxidos ou o fracaso relativo das políticas de repoboación dos espazos agrogandeiros reconvertidos en forestais á forza -se logo a autoridade repara parcialmente ocomún é polo lume que lle prendían os labregos-, estudiada en Galicia por Eduardo Rico Boquete, complétase agora coas mesmas achegas que valen para o Goberno de Vichy, o nazismo ou a dignidade nas comunidades pequenas, caso de James C. Scott, o autor d'Os dominados e a arte da resistencia.
Recunca Lanero a partir da seguridade social do franquismo, fío mítico que aínda perdura. "Son dádivas que teñen que ver coa propaganda, resortes para favorecer adhesións persoais que teñen moito que ver co clientelismo político". Desa rede, convén, "saíron moitos alcaldes no comezo da democracia".
Oscar Iglesias/El País.
No hay comentarios:
Publicar un comentario