Toxo falou. Cada frase unha mazada. Cada argumento a expresión dunha convicción. Ningunha concesión á galería. Nin á patronal, nin ao goberno, nin á oposición...
Con rotundidade, no Foro de Nova Economía, debullou a súa oposición ao aumento da idade de xubilación, o seu apoio a unha reforma da negociación colectiva despois de facer un breve percorrido pola historia desta dende a transición.
Coa mesma claridade non deu por boas as medidas de axuste presupostario do goberno, esixiu a oposición que teña visión de Estado e apoie pactos que axuden a saír da crise.
Reiterou o seu firme propósito de manter a unidade de acción con UGT, rexeitou dar dereitos políticos ás cotas participativas nas Caixas de Aforro e urxiu a reordenación deste sector para que o crédito poida fluír e se cree emprego.
Elevando a mirada, lamentouse sobre o feito que a pretendida reforma do sistema económico e financeiro mundial anunciada polos grandes líderes do planeta vaia quedar agora en "auga de borraxes".
Insistiu na necesidade de educar e convencer os cidadáns que se se queren médicos nos hospitais e mestres nas escolas hai que pagar os impostos para que o Estado poida cumprir a súa misión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario