http://www.wikio.es

7/3/10

Falange, calumniada por Garzón

Estase a falar con razoable insistencia, e con maioritaria preocupación, dos asuntos penais que se seguen contra Garzón acusándoo de prevaricador por intentar investigar os crimes do franquismo, e dar satisfacción ás vítimas. Pero aínda hai máis. A Audiencia Nacional admitiu a trámite unha querela interposta por Falange Española de las JONS contra Garzón, entre outras cousas, por "vulnerar o dereito á honra das persoas que aparecen salientadas no seu auto como responsables de crimes contra a humanidade". E o fundamento de tal imputación sería, segundo os falanxistas, que "tal proceder é calumnioso e atenta á honra do noso movemento e os seus membros".

A calumnia, segundo o Código Penal, é a imputación dun delito feita con coñecemento da súa falsidade ou temerario desprezo da verdade. O acusado de calumnia queda exento de toda pena probando o feito criminal que imputou. Debería ser claro para calquera que cando un xuíz de instrución redacta unha decisión describindo feitos delituosos atribuídos a determinadas persoas, non está a insultalas, por máis que diga que son, indiciariamente, delincuentes. Outro modo de entender o traballo dos xuíces de instrución levaría a concluír que todos son calumniadores cada vez que atribúen, indiciariamente, delitos aos implicados nos asuntos instruídos. Por iso non é doado entender que esta sorprendente acusación de calumniador dos falanxistas contra Garzón puidese pasar nin sequera o primeiro filtro xurídico dun tribunal de dereito, imparcial e democrático.

Garzón intentou investigar os crimes do franquismo. Había, e hai, base xurídica nacional e internacional abondo para que esa investigación sexa posible, e para que Garzón sexa competente. Pero non se lle permitiu. E, aínda máis, para vergoña internacional de todos nós, se lle cambia de investigador a investigado, de xuíz a acusado.

A querela dos falanxistas, non obstante, e perdóeseme o sarcasmo, poderíanos dar algunha esperanza...En efecto: Ao xuíz Garzón non se lle permitiu cumprir coa súa obriga de investigar uns crimes e defender unhas vítimas. Pero ao acusado Garzón terán que permitirlle exercer o seu dereito a demostrar que as supostas calumnias non son tales, porque os feitos afirmados no seu auto son certos.

A estas alturas, para bochorno de todos nós, hai que demostrar que García Lorca xa non vive, que xa non viven os miles e miles de asasinados, que os falanxistas asasinaban, que a pretendida honra do seu movemento debe convivir con ese baldón ignominioso. E hai que demostralo para que un xuíz que quixo demostralo non resulte condenado por intentalo. O mundo ao revés.

Por outra parte, e non saberemos se é casual, dáse a estraña circunstancia de que os falanxistas hai cinco meses que interpuxeron a súa querela, e o xuíz instrutor do caso, tan agudo e prolixo na súa función inquisitoria contra Garzón, e en dar cancha aos outros honorables querelantes, tan profundamente demócratas como os falanxistas, a estes últimos non lles deu entrada no proceso, condición necesaria para que o acusado por eles, Garzón, poida exercer o seu dereito a demostrar que a historia de España é a que é.

Uns pensan que son casualidades do proceso. Outros pensan que o proceso contra Garzón non é casual. E os xuristas demócratas tememos saír á rúa porque deseguida nos preguntan que como é posible o de Garzón.


José María Mena é o ex fiscal xefe de Cataluña

No hay comentarios:

Publicar un comentario