Ante a posibilidade dun Pacto Educativo:
A ESCOLA é unha ferramenta esencial na formación das persoas, tanto para exercer a cidadanía coma para desenvolver unha actividade laboral. Ambas as dúas finalidades han de contribuír ás transformacións sociais e produtivas necesarias para avanzar cara a unha organización social máis igualitaria e un novo modelo económico social e ambientalmente sostible, baseado no coñecemento.
No contexto de grave crise económica que vivimos, dende diferentes ámbitos e puntos de vista, considérase a educación e a formación das persoas ao longo da vida como un importante factor estratéxico para facer fronte á recesión económica.
Non é de estrañar que a posibilidade dun acordo intente que dar estabilidade ao sistema educativo e buscar solución aos problemas da educación en España suscitase simpatías en amplos sectores sociais.
Non obstante, tanto o documento "Propostas para un Pacto Social e Político pola Educación", presentado polo Ministerio de Educación, coma algunhas das propostas realizadas dende outros ámbitos políticos e sociais, debuxan un escenario regresivo para o futuro da Escola Pública.
O citado documento, entre outras cuestións, propón a equiparación da escola privada concertada coa de titularidade pública, incorporando os centros privados concertados, maioritariamente confesionais, a un único "Servizo Público de Ensino". Deste modo, o Ministerio, que ten a maior responsabilidade sobre a Educación, renuncia a garantir, para o conxunto da cidadanía o dereito universal á educación en condicións de igualdade, á pluralidade ideolóxica, a inclusión e a calidade con equidade, o que, ao noso entender, representa un forte ataque ao modelo de Escola Pública que con tantos esforzos fomos construíndo na última etapa democrática do noso país.
- NON RENUNCIAMOS a un Sistema Público de Educación, de titularidade e xestión pública, como eixe vertebrador e fundamental do Sistema Educativo.
- NON RENUNCIAMOS a unha Escola Pública Laica que respecte a liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión, e, polo tanto, as opcións ideolóxicas, políticas e morais do alumnado, das súas familias, do profesorado e de todos os traballadores e traballadoras dos centros. Iso supón que os símbolos e o adoutrinamento relixioso ou doutra natureza saian dos centros de ensino financiados con fondos públicos, así como a eliminación progresiva do financiamento público do ensino confesional.
- NON RENUNCIAMOS a unha Escola Pública de Calidade que recoñeza e respecte a diversidade como un feito enriquecedor e, dende esta situación de partida naturalmente heteroxénea, traballe cientificamente polo éxito educativo de todos e cada un dos seus membros. Unha Escola de calidade dá unha resposta educativa axustada ás necesidades que se presentan, en función das características do alumnado e a súa relación co medio en que aprende e se desenvolve.
- NON RENUNCIAMOS a unha Escola Pública Inclusiva, unha escola para todos, na que o alumnado alcanza os fins comúns da educación e na que non se exclúe nin relega a ninguén por razóns socioeconómicas, de etnia, de sexo, de relixión de cultura ou de idade. Iso implica eliminar o financiamento total dos centros que discriminen por razón de xénero ou de calquera outra circunstancia que contempla o artigo 14 da Constitución española.
- NON RENUNCIAMOS a unha Escola Pública Igualitaria na que todos se recoñezan mutuamente como iguais en dignidade, dereitos e deberes e, especialmente, no dereito a unha educación de calidade e ao éxito educativo persoal en todas as etapas do Sistema Educativo, dende os 0 anos ata a universidade.
- NON RENUNCIAMOS a unha Escola Pública Gratuíta que conte con todos os medios necesarios para facer efectivo o dereito dos cidadáns a unha educación que lles proporcione as aprendizaxes fundamentais e necesarias para seguir aprendendo durante toda a vida.
- NON RENUNCIAMOS a unha Escola Pública Democrática que se propoña fins e obxectivos que son compartidos e acordados por todos os sectores da comunidade educativa, que fomenta e aplica prácticas e procedementos democráticos, que utiliza o diálogo e a negociación para resolver os problemas ou conflitos que poidan xurdir.
En definitiva, NON RENUNCIAMOS a que os poderes públicos estendan e fortalezan a educación pública mediante a cesión de chan público só para a escola pública, e cun compromiso de financiamento abondo, ata alcanzar o 7% PIB de gasto público en educación, para facer realidade a mellora do sistema educativo e o dereito universal a unha educación de calidade en condicións de igualdade.
Madrid, 15 de febreiro de 2010
Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA), Sindicato de Traballadores do Ensino (STEs-I), Sindicato de Estudantes, Esquerda Unida (IU), Confederación de Movementos de Renovación Pedagóxica (MRPs), Confederación Xeral do Traballo (CGT), Movemento Cooperativo de Escola Popular (MCEP), Europa Laica, Plataforma Estatal en defensa da Educación Infantil 0-6, Asociación Cultural Escola Laica de Valladolid e Movemento pola Escola Pública Laica e Gratuíta de Valladolid
No hay comentarios:
Publicar un comentario