A última vez que entrevistei a Adolfo Domínguez, hai xa anos, deixeino comendo unha mazá e coa ollada meditabunda dun ourensán budista, rodeado dos "tumultos da historia". As cellas facían xogo coa alfombra. Era a hora do lusco fusco, e os bidueiros engurraban nas sombras coa beleza pálida dos seres esvaecidos de Caspar Friedrich. O que daquela non podía imaxinar é que, anos despois, daquel corpo de pequeno xastre zen fora saír un orador lobishome.
"Unha sociedade defínese non só polo que crea senón tamén polo que decide non destruír". É difícil dicir máis con tan poucas palabras. Contén indirectamente todo un programa, ético e estético, que vai alén do político. É unha frase de Edward Osborne Wilson, o entomólogo e biólogo que popularizou o termo biodiversidade no uso científico.
Aquí, na Galicia en deconstrución, non se entra nesa esixencia básica: definir o que non se pode destruír. Acordar o que pertence ao ben común, o mellor patrimonio do que temos para partillar co universo, e xuramentarnos para que ninguén o estrague. Aquí, como dicía a lápida do fidalgo, o que facemos ben é o mal. Toda a teima concentrada en anchear o espazo do que se pode destruír. Dende a lingua ao litoral. E, sobre todo, o tempo. Non contan no PIB, mais estanse a producir toneladas de tempo perdido. Mesmo hai quen estraga de forma espantosa o tempo dos demais e o seu, caendo na violencia para amedrentar ás persoas, como veñen de facer con Roberto Blanco-Valdés, a quen me sinto unido polo máis valioso: o oficio do libre pensar.
Neste ambiente de deconstrución a eito, de tempo perdido a esgalla, chegou a Santiago, á tribuna do Forum Europa, e escoltado polo presidente da Xunta e o dos empresarios, o gran creador da moda, tanto tempo silente. Todos á espreita. Era o intre do gran discurso. O posíbel speech fundacional dun necesario gurú para este tempo da posGalicia de Feijóo. Agardabamos algo ao estilo polo menos do gran xenio do Ampurdán: "Os erros teñen un carácter sagrado. Non os corrixirei nunca!". Ou unha arroutada espiritual que adornase de surrealismo o Xacobeo, ao xeito de Tristan Tzara: "Arriba esas mans que vai caer un anxo!". Mais o primeiro que dixo Adolfo Domínguez, outrora a nosa esperanza renacentista, foi: "¡Pido o despido libre!".
E o home que un día foi símbolo de modernidade, un fío da Bauhaus, unha síntese de Armani e Franqueira, engadiu que estaba contra "o Estado de benestar". Algo de tristura daliana ("o método paranoico-crítico") agroma neste episodio, que merece ter de pano de fondo o reloxo derretido da historia. Como diría o Apóstolo, hai milagres e desmilagres. Adolfo Domínguez talvez quixo facer un desmilagre. Pedir un "Estado de malestar". Que outro significado pode ter hoxe o estar "contra o Estado de benestar"? O retorno a un tempo, "o home é lobo para o home", que quixo remediar Hobbes, cando precisamente pensou o Estado? Volver á lei da selva, ou á xungla de asfalto, nas relacións sociais? O mesmo Adam Smith, apóstolo liberal, ficaría arrepiado. Se cadra Adolfo Domínguez está canso de vestir e o que quixo foi desvestir.
Éche a deconstrución, o desmilagre, o desvestir. El ten un instinto publicitario. Camiño de Santiago debeu ter un pensamento daliniano: "O que queira chamar a atención dos demais ten que provocalos". Tamén: "Do que nunca se cansará o mundo é da esaxeración".
Mais na Galicia de hoxe hai moita competencia para a provocación e a esaxeración. O que ao mellor fica para a historia non é ese berro de empresario caníbal ("Pido o despido libre!") senón xustamente o consello para que os galegos consumamos "menos proteína animal". Isto, en vésperas da Feira do Cocido de Lalín, ten moito mérito. Velaí si que falou o pequeno xastre valente.
Leo estes días, levado polo feitizo do autor e do retratado, a biografía de Valle-Inclán por Ramón Gómez de la Serna. Publicada por Editorial Trifolium, está vertida con moito estilo ao galego por María Fe González Fernández e Armando Requeixo. Velaí uns anacos: "Eu, que me sentín malhumillado e avergoñado xunto a tantos homes, a carón de Valle-Inclán sentíame orgulloso, feliz, en compaña dunha primeirísima dignidade (...) Así, ese home vestido de vellos traxes, fraco como un famélico consuetudinario, hóspede de hostais nos que o despiden por falta de pagamento, está redimindo a alma humana". O de Valle-Inclán. Eis o milagre da creación, o xeito marabilloso de provocar.
Manoel Rivas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario