http://www.wikio.es

13/2/10

“O franquismo non ten herdeiros políticos”

Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961) é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e director do proxecto para a recuperación de memoria histórica Os Nomes, As Voces, Os Lugares. Hoxe, o historiador presenta na sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña o seu novo libro, Facendo historia con memoria, de 3C3 Editores, que tenta “afondar no pasado incómodo do golpe de Estado do 36”, nas súas verbas.

- Temos un pasado incómodo?


Tento reflexionar sobre a incómoda relación que temos co noso pasado, xa que hai que distinguir a memoria da historia, porque ás veces a emotividade crúzase co material compilado polos historiadores. O libro recolle artigos publicados na prensa entre 1999 e 2009 e varias conferencias que afondan no pasado incómodo do golpe de Estado de 1936.

- Habería que precisar entón o termo memoria histórica?

Ese concepto é histórico. O historiador francés Halbwachs foi o primeiro en escribir sobre memoria histórica, ao igual que Jorge Semprún. E é moi significativo que Halbwachs morrera en brazos de Semprún no campo de concentración de Buchenwald, dous membros da resistencia. Todo isto capta o carácter emotivo da memoria histórica, pero cómpre non confundir unha cousa con outra. Os historiadores temos que aplicar un método crítico.

- No libro fala de equilibrar a memoria dos vencidos coa dos vencedores. En que punto estamos?

Estamos nunha fase inicial, porque aínda non demos explicado o que pasou, o que só se consegue con distancia e coñecemento. E mesmo parece perigoso adquirir coñecemento. O franquismo non ten herdeiros políticos, porque se optou por esquecer. Pero os historiadores estamos na obriga de coñecer, algo que a sociedade demanda. Non se pode facer historia desde dous bandos, porque non hai cadáveres nin bos nin malos.

- Cantas memorias recrea na obra?

Hai moitas memorias perturbadas. Este é un libro que reúne intervencións públicas porque é moi importante que os profesionais da historia falemos non só nas aulas. Non falo só da guerra, tamén da memoria da República, da desamortización e de Montero Ríos, que é o catalizador do Estado laico en España. E é que antes da Guerra Civil hai moita historia que nos interesa.

- Como están os apoios sociais ao proceso de recuperación da memoria?

A memoria do que aconteceu no 36, a das vítimas, pasou de estar oculta nas familias a ocupar un espazo público. A sociedade quería esquecer, pero ese pasado incómodo regresou. Ademais fíxose moita política coa memoria e non política da memoria. Realizáronse políticas inxenuas e xurdiron situacións conflitivas. O asunto chegou ao poder lexislativo co PP, cando o Goberno dos populares condenou o franquismo. Logo ao executivo, coa Lei de Memoria Histórica. E finalmente a instancias xudiciais, co proceso de Garzón.

- A lea lexislativa no caso de Garzón non favoreceu o proceso, de momento.

Eu non creo que haxa que lexislar sobre a historia, un Parlamento debe tomar decisións. O asasinato de Lorca ten aínda un verniz legal e non o é nin ética nin moralmente, como nos do outro bando. A democracia aínda non falou respecto a eses xuízos kafkianos, ilegais. Polo tanto iso é o que permite o paradoxo. Que Garzón e a Audiencia Nacional actúen en casos parecidos noutros países e non o poidan facer no caso español non ten sentido. Para crear a cultura da paz hai que recoñecer antes a memoria da guerra. Aínda se debate se foi necesaria ou non a bomba de Hiroshima... son cousas que non se resolven nun día, e a solución non é agachar a cabeza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario