http://www.wikio.es

11/2/10

O anteproxecto de lei de "Verdade, Xustiza e Reparación" para as vítimas do franquismo en 10 puntos.


1. O anteproxecto como proposta aberta para o debate.

Ao contrario de ser un texto xa pechado, ou depositado en ningún rexistro, a Exposición de motivos do anteproxecto, os seus 99 artigos e as súas 4 disposicións finais están abertos a propostas e emendas a través dos distintos foros de debate abertos en Internet e das distintas convocatorias presenciais en distintas cidades do país. Precisamente como é só a primeira palabra, que non a última, o texto difundiuse para que se poidan propoñer reformas e melloras concretas en torno a "verdade, xustiza e reparación" e tan só se pide un mínimo de civismo deixando a descualificación persoal de lado na participación.

É unha iniciativa en desenvolvemento á que se lle está a tratar de dar a máxima difusión, ese é o obxecto do proceso de debate e información aberto, no que dedicaremos varios meses a difundila e explicala, recollendo tales propostas.


2. Axuizamento penal de todos os crimes do franquismo e do posterior período de impunidade.


O anteproxecto non é ningún tipo de acción ou querela dirixido a un tribunal, nin impide ou non substitúe calquera querela de ninguén ante un tribunal nin outra acción ante ningunha instancia. O anteproxecto introduce, unha por unha, as seguintes medidas coa finalidade específica de conseguir o axuizamento penal de todos os crimes do franquismo:

a) Creación dunha fiscalía especializada con competencia en delitos contra a vida, a liberdade, etc, e por suposto, todos os crimes internacionais cometidos polo franquismo (crimes contra a humanidade, crimes de guerra, etc) así como calquera outros de prevaricación ou omisión de deber de perseguir delitos durante o posterior período de impunidade (artigo 21).

b) Creación dunha Unidade Especial de Policía Xudicial para a investigación de todos os crimes do franquismo e do posterior período de impunidade (artigo 22). Esta de crear unha unidade especial de policía xudicial para perseguir os crimes do franquismo representa un dos elementos máis novidosos que non habñia sido formulado para o debate ata o momento.

c) Deber de emprender investigacións oficiais efectivas e independentes por crimes e violacións dos dereitos humanos que conduzan ao axuizamento dos culpables (articulo 17).

d) Remisión daqueles casos que resulte posible segundo o seu Estatuto á Corte penal Internacional para o seu axuizamento penal (artigo 18)

e) Deber das autoridades do Estado de adoptar outras garantías contra a impunidade (artigo 19).

Neste sentido este anteproxecto é a primeira proposta lexislativa que se formula en España, incluída a valiosa proposta alternativa de ERC á lei da memoria, que incorpora calquera destas medidas concretas de "Xustiza" ao que se dedica un capítulo específico.


3. Inaplicabilidade da lei de amnistía para impedir o axuizamento dos crimes do franquismo.

Salvando as limitacións que impón a regulación da Iniciativa Lexislativa Popular en materia de graza, e dende o feito mesmo de que a lei de amnistía non ten validez xurídica ningunha para impedir este tipo de crimes fágase unha iniciativa lexislativa ou tres, a proposta é clara no seu artigo 20 que para impedir a súa aplicación ilegal polos tribunais e na liña do comunicado a España polo Comité Internacional de Dereitos Humanos en 2008 recolle:

"A lei ordinaria española de amnistía non pode despregar os efectos dunha lei de impunidade ou punto final respecto crimes internacionais ou de recoñecido carácter imprescritible. En ningún caso poderá ser invocada polos tribunais de xustiza para impedir o axuizamento penal de crimes contra a humanidade, crimes de guerra, contra a paz ou xenocidio cometidos polo franquismo".


4. Recoñecemento parlamentario do xenocidio franquista.

Ademais de todo o anterior, na proposta contémplase tamén o expreso recoñecemento parlamentario como xenocidio da aniquilación dos partidarios da Segunda República española e loitadores antifascistas levada a cabo polo franquismo pobo a pobo ocupado, e coa finalidade, non tan só de gañar unha guerra ou facerse co control do Estado senón da eliminación da mesma base biolóxica do republicanismo en España para sempre.

Preténdese tamén a introdución, como concreta garantía de non repetición no futuro, da figura do xenocidio do grupo político na nosa propia lexislación interna de forma tan legal e lexítima como fixo o Parlamento nacional de Francia e outros países, así como a posta en marcha dunha campaña polo seu recoñecemento internacional como forma de mellorar o marco de protección internacional doutros demócratas no mundo fronte a intentos de aniquilación noutros escenarios, como viñeron formulando especialistas como o propio Relator especial de Nacións Unidas sobre o Xenocidio Benjamin Whitaker. Neste sentido no artigo 89 contémplase:

"Sen prexuízo do estudo de reformas do Código penal interno en materia de crime de xenocidio para garantir a protección de todo grupo humano que, no ámbito da xurisdición española, puidese volver ser obxecto de persecución coa finalidade da súa destrución ou aniquilación total ou parcial, corresponde á Subcomisión sobre garantías de non repetición elevar proposta sobre a progresiva mellora dos estándares de tutela internacional ante as devanditas condutas en calquera lugar do mundo, mediante a revisión da Convención internacional de 1948, a adopción dun Protocolo adicional ou calquera outro mecanismo efectivo,".

O anteproxecto lexislativo vai dirixido ao Parlamento de España ao abeiro dos dereitos constitucionais de participación cidadá non ante un xuíz, que se limita a aplicar a lei existente - e, xustamente, se o recoñecemento do xenocidio do grupo político xa existise en España e se aplicase non estariamos a presentar a iniciativa para que existise dúas veces -. Presentámolo ante o Parlamento como acción lexislativa porque é o Parlamento que decide e modifica esa lei e a través del a súa aplicación posterior. Neste concreto punto o anteproxecto formula, polo tanto, a creación e recoñecemento legal dunha categoría que aínda non foi recoñecida en España e que lexitimamente queremos que se recoñeza, ao igual que foi recoñecida en Francia e outros países. Non se modifica o recoñecemento debido de ningunha das outras figuras delituosas senón que tamén queremos que se recoñeza esta, na convicción de que a vontade do franquismo foi a de aniquilación total ou parcial do grupo de defensores da república española.


5. "Verdade, xustiza e reparación" para todas as vítimas do franquismo, e tamén da impunidade.


Algunhas vítimas precisan ademais de medidas específicas, como a nulidade das "sentenzas" do franquismo, a restitución de propiedades inmobles e papel moeda roubados, ou a busca e identificación de desaparecidos. No anteproxecto quérese contemplar a todas as vítimas do franquismo e non só durante a ditadura senón, tamén por primeira vez, ás vítimas da impunidade, nas súas distintas modalidades. A gran maioría de medidas de "verdade, xustiza e reparación" van dirixidas ao conxunto das vítimas indistintamente consideradas, dende o deber da persecución de todos os delitos por parte da fiscalía á súa abordaxe pola Comisión da Verdade, publicación de todas as medidas en boletín oficial e prensa, etc, aplicable para toda vítima.

Outro elemento novidoso da proposta é a específica toma en consideración das vítimas de violacións dos dereitos humanos e varias posibles figuras delituosas (prevaricación, omisión de deber de perseguir delitos, etc) a partir do 20 de Novembro de 1975 ata os nosos días, "o posterior período de impunidade".


6. Nulidade das que viñeron denominandose "sentenzas" que en realidade son meros asasinatos de Estado, e tamén do resto de sentenzas e normas represivas do franquismo como punto de partida do anteproxecto dende o seu artigo 1:


Como sinala o seu artigo 1.3: Declárase, en particular, a nulidade radical de todos os asasinatos de Estado enmascarados baixo a devandita aparencia encubridora, que - non só durante o franquismo senón, tamén, durante o posterior período de impunidade - foron denominadas "sentenzas", faltándose con iso á verdade, á xustiza, á dignidade e dereitos recoñecidos aos asasinados e aos seus familiares e ao mesmo decoro institucional. En especial declárase a nulidade radical das seguintes sentenzas".

Xunto a iso búscase garantir a responsabilidade penal dos que participaron en tales asasinatos, a revelación da súa identidade, a protección dos lugares de asasinato e enterramento, as indemnizacións ás familias, a petición de perdón das autoridades democráticas por seguir chamándoas sentenzas, entre outras medidas.

7. Restitución dos desaparecidos aos seus familiares.


Dos seus restos mortais no caso das foxas clandestinas ou vivos no caso dos nenos vítimas de desaparición forzada polo franquismo. Para o cal se prevé a creación dunha Comisión Nacional de Busca dos Desaparecidos do Franquismo e unha Base Nacional de Datos Xenéticos.


8. Verdade, xustiza e reparación, de xénero.

O anteproxecto incorpora á muller e a perspectiva de xénero nas distintas medidas de verdade, xustiza e reparación, ademais de, transversalmente, en todas as Comisións cuxa composición se prevé paritaria, establecéndose tamén a creación dun Subcomité de Verdade Xustiza e Reparación de Xénero para seguir abordando a represión e crimes de xénero.


9. Restitución graos e honras militares aos guerrilleiros, puntos de apoio e demais defensores antifascistas, de propiedades aos seus lexítimos propietarios, etc.


O anteproxecto trata de levar as medidas de restitutio in integrum á súa completa expresión respecto de cada un dos distintos colectivos afectados nos seus dereitos subxectivos, ademais de recoñecer o dereito da sociedade española á restitución colectiva e constitucional das institucións democráticas republicanas arrebatadas.


10. Lei de "verdade, xustiza e reparación" non só de "xustiza e reparación".

Xunto a todo o anterior, e aos mecanismos de esclarecemento da verdade que comportan os deberes que introduce o anteproxecto ao establecer o axuizamento penal dos implicados e a investigación oficial efectiva e independente, inclúense distintas medidas de Verdade, incluída unha Comisión da Verdade como complemento de todo o anterior, e sen substituír a ningún dos mecanismos de xustiza a diferenza da posta en práctica substitutiva e rexeitable noutros países. No anteproxecto non é así de ningún modo e o artigo 11 relativo á súa creación déixao expresamente claro:

"3. A Comisión da Verdade non terá carácter xudicial nin, en ningún caso, substituirá os deberes de xustiza pendentes respecto todas estas vítimas e os seus familiares.

"4. A Comisión da Verdade trasladará as súas conclusións e calquera indicios de responsabilidade xurídica encontrados nas súas investigacións á Fiscalía especializada creada pola presente lei, así como á Fiscalía Xeral do Estado e ao Consello Xeral do Poder Xudicial, en particular alí onde puidesen detectarse indicios de responsabilidade penal ou disciplinaria na actuación de xuíces e fiscais durante o posterior período de impunidade"

Polo tanto, no tocante á inclusión dunha Comisión da Verdade no anteproxecto, abonda ler o articulado para comprobar que:

1. Prima o dereito á xustiza e a acción dos tribunais na persecución penal, dedícase un capítulo completo a iso, créase a fiscalía e dáselle competencia en materia de crimes nacionais e todos os internacionais, pero unha vez garantido iso non se quere excluír tampouco un elemento reparador máis, a Comisión da Verdade, que como sinala o artigo 11.4 queda supeditada á xustiza penal.

Artigo 21. 2. Introdúcese un novo inciso catro bis no artigo 19.2 da Lei 50/1981, do 30 de decembro, pola que se regula o Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal:

"Fiscalía para os Crimes e Violacións dos Dereitos Humanos durante o Xenocidio e a Ditadura Franquista e o Posterior Período de Impunidade efectuará as dilixencias a que se refire o art 5 desta Lei e intervirá directamente en procesos penais, en ambos os dous casos sempre que se trate de supostos de especial transcendencia, apreciada polo Fiscal Xeral do Estado, en relación cos seguintes crimes:

.Crimes de guerra.
.Crimes contra a humanidade
.Crimes contra a paz.
.Xenocidio
.Crimes contra a forma do Estado.
.Delitos contra a vida no contexto de crimes internacionais cometidos polo franquismo.
.Delitos contra a liberdade no contexto de crimes internacionais cometidos polo franquismo.
.Destrución de arquivos e documentos da represión franquista.
.Delitos contra a propiedade cometidos dende o Estado ou coa súa aquiescencia, no contexto de crimes internacionais cometidos polo franquismo.
.Prevaricación.
.Omisión de deber de perseguir delitos.
.Responsabilidade dos empresarios de Franco en crimes e violacións de dereitos humanos
.Ilegalización de partidos políticos, fundacións, asociacións e demais organizacións que exalten os crimes do franquismo, os seus símbolos, emblemas ou aos seus protagonistas.

2. O deber de cumprimento do Dereito internacional e xusrisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, está presente ao longo de toda a expoción de motivos e no articulado:

"Artigo 19. 3: "En ningún caso poderá ser invocada lexislación nacional de rango xerarquicamente inferior ao normalmente recoñecido ao artigo 7.2 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos en virtude do artigo 96.1 da Constitución española - tratado ratificado sen reserva ningunha ao respecto por España en 1979 -, para impedir o debido axuizamento dos crimes do período histórico anterior a 1945 para o que foi prevista a inclusión do devandito artigo na Convención, tal e como sinalou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos; (...)"

3. Á vista dos anteriores dous subpuntos, e dos 10 puntos enunciados nesta folla informativa, é evidente que non ten nada que ver o uso como mecanismo adicional que se fai aquí da Comisión da Verdade, con outros lugares onde se fixo un lamentable uso substitutivo.

No anteproxecto limitámonos a dar normal cabida dentro do capítulo de "verdade" dun instrumento fundamental nesa materia segundo os textos e instrumentos do sistema de Nacións Unidas e de xustiza internacional aos que tratamos de cinguirnos, entendendo que a creación da devandita Comisión representa, en se mesma, unha forma máis de reparación, neste caso colectiva, non de dereitos subxectivos concretos para os que se encomenda a canle dos tribunais e fiscalía especial creada, senón que o seu informe final aborda a indagación e esclarecemento do conxunto dos feitos, salvagárdao cara ao futuro, implica a súa ampla difusión e recoñecemento internacional e incorpora novas propostas para seguir avanzando en materia de "verdade, xustiza e reparación".

No hay comentarios:

Publicar un comentario