"...es un feito coñecido e indiscutible que é imposible pensar nun goberno das amplas masas sen unha prensa libre e sen trabas, sen o dereito ilimitado de asociación e reunión. " (Rosa Luxemburgo)
Estes día seguín con interese o debate que se suscitou na globosfera de esquerdas en torno á morte do disidente cubano Orlando Zapata. Moitas opinións parecéronme acertadas, outras desprezables, recordábanme demasiado o argumentario jusficativo do franquismo, algunhas ben intencionadas pero desconcertadas... cecais o desconcerto proveña do medo a que calquera crítica ás accións do Goberno da Habana poida interpretarse como un apoio ao criminal bloqueo que sofre o pobo cubano.
Quero falar claro: Todo o meu apoio e simpatía para o pobo cubano pero toda a miña condena para o réxime cubano.
Eu que me fixen comunista para combater unha ditadura non podo apoiar ningunha outra, adopte o nome e a roupaxe que adopte. Non podo aceptar que o ideal de xustiza e igualdade, nunha sociedade sen clases, sirva para xustificar a opresión das persoas que non pensan ou actúan conforme ao ditado dos seus dirixentes.
Pode que algúns considérenme un "traidor á causa" por escribir isto, así pois gustaríame citar o que a miña admirada Rosa Luxemburgo escribiu no seu libro "A Revolución Rusa (Un exame crítico) ":
"Sen eleccións xerais, sen liberdade de prensa e reunión, sen contraste libre entre as diversas opinións, a vida morre en todas as institucións públicas, convértese en algo aparente onde a burocracia é o único elemento que permanece activo. É unha lei á que ninguén pode escapar. A vida pública adormécese pouco a pouco; unhas ducias de xefes do partido, cunha enerxía inesgotable e un idealismo sen límites, dirixen e gobernan; entre eles, en realidade, a dirección áchase en mans duns poucos (...) e unha elite da clase obreira é convocada, de cando en vez, a reunirse para aplaudir os discursos dos xefes e votar por unanimidade as resolucións que se lles presentan. É, polo tanto, o goberno dun grupito; unha ditadura, é certa, pero non a ditadura do proletariado"
"A liberdade só para os que apoian o goberno, só para os membros dun partido (por numeroso que este sexa) non é liberdade en absoluto. A liberdade é sempre e exclusivamente liberdade para o que pensa de xeito diferente. "
Conviría deixar de adorar a Santa Rosa Luxemburgo e ler o que escribiu.
Nota de Radio Rexurdimento:
Pra nós, é unha honra traer a iste modesto espazo de opinión ao benquerido amigo e prezado compañeiro Alberdi, "Pipas". Pero non somentes polas cualidades personáis e a calidade, claridade e compromiso dos seus análise, que son características intrínsecas da súa persoalidade, senón porque a súa reflexión sobor do que leva acontecendo en Cuba non só aborda actualidade senón que tamén fáino dende unha firme e coherente perspectiva ideolóxica.
En Radio Rexurdimento, témola certeza de que, dende unha inequívoca posición de esquerdas, formaríamos parte da oposición a un réxime que non é quen de construir o socialismo sen libertade.
Somos conscentes de que algúns que proclámanse da esquerda revolucionaria, alporízaranse e tentarán de calificar de xeito excluínte estas opinións pero non podemos esquecer que, sin ningún matiz ou oportunismo: Sen liberdade, non hai socialismo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario