O tribunal considera que o ex director xeneral da Marina Mercante debe ser xulgado por presunta «responsabilidade criminal con imprudencia grave» no caso do afastamento do Prestige da costa coruñesa en novembro do ano 2002.
A Audiencia Provincial da Coruña ordenou a imputación de novo do ex director xeneral da Marina Mercante José Luis López-Sors por presunta «responsabilidade criminal con imprudencia grave» no caso do afastamento do Prestige da costa coruñesa en novembro do ano 2002. A tribunal coruñés resolveu hoxe os recursos presentados contra o auto ditado polo Xulgado de Instrución de Corcubión
Contra o auto presentaran recurso de apelación tres dos imputados -o capitán do barco, Apostolos Mangouras, o xefe de máquinas do barco, Argyropoulos Nikolaos, o primeiro oficial, Ireneo Maloto-, Nunca Máis, Esquerda Unida, dúas confrarías de pescadores, o Concello do Grove e o Estado Francés, entre outros.
Estes recursos foron resoltos hoxe pola Audiencia Provincial da Coruña, que confirma a imputación de Mangouras, Nikolaos e Maloto e imputa de novo na causa ao ex director xeneral da Marina Mercante, José Luis López-Sors González. Ademais, na resolución rexéitase a imputación de Antonio Lampón Barciela, capitán do remolcador Ría de Vigo, e a de Lytras e Houliarakis, inspector subcontratado de «Thomas Marine Hellas» e xerente de ABS no Pireo, respectivamente; Moilanen e Zaruanos, empregados de ABS; e Brincat e Kim, inspectores de ABS en Dubai.
A partir deste momento, o Xulgado de Instrución número un de Corcubión, unha vez reciba a pericial contable pendente, abrirá a fase de xuízo oral, na que o Ministerio Fiscal e o resto das partes acudidas presentarán os seus escritos de cualificación.
Unha vez elevado o procedemento á Audiencia Provincial da Coruña sinalarase data para a vista oral.
No hay comentarios:
Publicar un comentario