A brutal campaña emprendida pola xerarquía católica e polo PP contra o novo modelo (lei de prazos), de regulación da interrupción voluntaria do embarazo, supón unha posta en cuestión do Estado laico e aconfesional, da constitución de 1978. Esta campaña hai que inscribila no marco da "guerra de xénero", que as igrexas e relixións monoteístas (cristianismo, islam e xudaísmo) teñen emprendidas contra a gran novidade social da modernidade: a autonomía e os dereitos das mulleres. A obsesión destas tres relixións polo sexo, non é tanto o produto dunha malsá patoloxía senón unha estratexia polo mantemento do poder patriarcal do que eles forman parte. Eles, a clericaya de calquera signo, foron historicamente os encargados da xestión do "negociado da intimidade". Iso que Michel Foucault chamou o "poder pastoral". A emancipación das mulleres e a ruptura do modelo da "sagrada familia" (divorcio, matrimonio gay) supón un golpe duro ao dominio social.
En segundo lugar esta ofensiva tamén responde a un ataque ao laicismo e un intento de recuperar presenza e poder político por parte da xerarquía católica. Volver introducir a relixión nos espazos de decisión pública, ese é un dos obxectivos destas campañas. A igrexa sabe, e o islam e o xudaísmo, tamén que fóra do amparo do poder político, a súa autoridade se cotizaría ao nivel dos bruxos, os echadores de cartas ou os redactores de horóscopos. A competencia do laicismo, a democracia e a ciencia, non deixa lugar para ningunha autoridade política relixiosa non protexida polo Estado. Este "horror vacui" político é o que impulsa á xerarquía católica a saír á rúa contra o matrimonio gay, contra a lei de prazos ou contra a Educación para a Cidadanía. No fondo cren moi pouco nos poderes sobrenaturais e moito, demasiado, nos terreais Por que lles preocupa tanto controlar o que se di nas aulas, nas alcobas ou nos telexornais, se o seu líder ten o poder de "falarlles directamente ao corazón dos homes"?
O proxecto de lei que supostamente suscitou tanta controversia é como calquera proxecto de lei, susceptible de melloras, pero responde basicamente a un obxectivo acertado e xusto: Delimitar un espazo de tempo razoable para que as mulleres poidan decidir libremente sobre a súa maternidade. Este prazo de tempo coincide coas primeiras semanas de xestación nun momento no que ninguén, salvo os que cre en espíritos santos con forma de pomba, pode soster que é un individuo humano. Tal crenza sería como confundir unha semente cunha árbore e ignorar premisas lóxicas tan evidentes como a diferenza irreducible entre a potencia e acto.
Cunha lei de prazos como a proposta no proxecto de lei, evitaranse gran parte das fraudes, protexerase mellor os dereitos das mulleres pero tamén os dos fetos na súa fase máis evolucionada e polo tanto máis próximas á forma e propiedades do individuo humano. As leis de prazo preveñen tamén contra o uso e abuso do aborto como método anticonceptivo primordial. Os Estados que teñen leis de prazos teñen á súa vez unha taxa menor de abortos, que aqueles que ten leis de supostos. Algo que parece que non importa nada á igrexa e ao PP que prefiren que haxa máis abortos e en fase de xestación máis avanzada, con tal de non recoñecer as mulleres o dereito a decidir sobre a súa vida e o seu corpo.
Que alternativas hai a esta proposta? Seguir como estamos cunha lei que é unha fonte permanente de fraude?, Por que o PP non cambiou esa lei nos oito anos que gobernou? Volver á penalización e empezar a meter mulleres no cárcere? Non hai alternativa e eles sábeno. Pero a eles iso non lles importa, só interésalles usar o aborto contra os dereitos das mulleres e contra o Estado laico e aconfesional. En fin, un asunto de poder... do poder das tebras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario