http://www.wikio.es

25/11/09

25-N: Contra os colexios que segregan por sexo

Os concertos educativos cos centros que segregan por sexos provoca o rexeitamento das organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e STEG, por considerar que entran en confrontación co principio de coeducación que debe defender a Consellaría.

Resulta indignante que un goberno do século XXI destine cartos públicos para subvencionar colexios que lexitiman e reproducen activamente a discriminación contra as mulleres, expresada do xeito máis flagrante: a segregación por sexos.

Nesta data do 25N, Dia Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, as organizacións abaixo asinantes recordamos o papel fundamental que a escola ten na construción dunha sociedade que loite contra todos os mecanismos que manteñen a violencia contra as mulleres. Especialmente importante é a responsabilidade que ten a escola de deslexitimar a violencia simbólica que se exerce desde todos os ámbitos da sociedade.

Unha escola que segrega por sexos non garante o fomento e o desenvolvemento efectivo da igualdade de dereitos entre homes e mulleres nin contribúe á cohesión social nin a igualdade de oportunidades entre persoas de distinto sexo; é, xa que logo, unha escola que debe ser rexeitada polo conxunto da sociedade, e que de ningún xeito pode estar sustentada cos cartos de todas e todos nós.

Un ensino mixto é o mellor contexto para previr os prexuízos e os estereotipos sexistas que supoñan unha discriminación entre homes e mulleres, e para previr a violencia de xénero.

Non nós sorprende nada o emprego por parte desta Consellaría, unha vez máis, da idea da liberdade de nais e pais para xustifi car prácticas de discriminación que conculcan os dereitos de nenas e nenos. Trátese do dereito a educarse na lingua do pais, ou do dereito á coeducación, recoñecerlle ás familias a capacidade de decidir pola opción da discriminación, supón unha inhibición das obrigas do goberno de velar pola protección dos dereitos dos e das menores.

Por iso demandamos a eliminación dos concertos educativos cos centros que segregan por sexos, e que eses cartos das galegas e dos galegos se destinen á prevención da violencia contra as mulleres na nosa sociedade.

CIG-CCOO-UGT-STEG
DATA: 25 NOVEMBRO
LUGAR: CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN EN S. CAETANO. COMPOSTELA
HORA: 11.30

No hay comentarios:

Publicar un comentario