http://www.wikio.es

25/11/09

A loita contra a segregación nas aulas volve á rúa

Os sindicatos do ensino protestan contra o financiamento público dos colexios que "lexitiman e reproducen activamente a discriminación contra as mulleres".

"A escola ten unha responsabilidade especial en deslexitimar a violencia simbólica exercida contra a muller". Así o consideran os sindicatos do ensino, CIG, CCOO, UXT e STEG, que este mércores se manifestaron perante a Consellaría de Educación en protesta contra a achega de fondos públicos aos colexios que segregan ao seu alumnado en función do seu xénero. Nun comunicado conxunto consideran "indignante que un Goberno do século XXI financie centros de ensino que reproducen activamente a discriminación contra as mulleres expresada do modo máis flagrante: a segregación por sexos".
Unha forma de discriminación

Esta concentración exixiu a eliminación dos concertos educativos cos centros que levan a cabo estas prácticas de segregación e que esas partidas se destinen á prevención da violencia contra as mulleres. Nesa liña, critican a "inhibición nas súas obrigas" do Goberno, que "utiliza a idea de liberdade das nais e dos pais para xustificar prácticas de discriminación que conculcan os dereitos das nenos e dos nenos".

Nesta liña, o portavoz de Ensino Público de CC.OO Galicia, José Fontes, explicou que "a propia LOE, de obrigatorio cumprimento, está a impedir a subvención a estes centros", porque "non hai igualdade na admisión de matrícula" e prodúcese "discriminación" por razón de xénero.

"Son 18 millóns de euros que se están desviando --desde a Xunta-- en catro anos a cinco centros -As Acacias, Monte Castelao, Aloya, Montespiño e Peñarredonda- nada máis", dixo, que na súa opinión representa unha acción "inadmisible".

Finalmente, alertan sobre as consecuencias que ten este ensino diferenciado: "unha escola que segrega por sexos non é garante do fomento e o desenvolvemento da igualdade dos dereitos entre homes e mulleres nin contribúe á cohesión social".

As escolas católicas contestan

Pola súa parte, algúns colectivos de Escolas Católicas e as federacións de centros privados (CECE) e de pais e nais (FAGA) reiteraron que a educación diferenciada por sexos "non equivale a discriminación" e lamentaron as críticas dos sindicatos maioritarios no ensino. "Non parecería xusto", din, "que os poderes públicos discriminasen aos centros que optan por un modelo pedagóxico debidamente contrastado nin as familias que o elixen".

Este blog únese a demanda dos sindicatos de Ensino, instando á Xunta a eliminación dos concertos educativos cos centros que segregan por sexos, e que eses cartos das galegas e dos galegos se destinen á prevención da violencia contra as mulleres na nosa sociedade.




No hay comentarios:

Publicar un comentario