Cun "a loita continúa" pechaba onte o sociólogo Fermín Bouza o emotivo acto cívico Lingua de liberdade que a plataforma Galego, Patrimonio da Humanidade celebrou en Compostela para "abrir á sociedade o debate sobre a lingua, demasiado circunscrito ao ámbito político", segundo remarcou un dos impulsores da plataforma, o sociolingüista Henrique Monteagudo. Un "comicio", como chanceou o presentador do acto, Cándido Pazó, no que oito persoas procedentes de diversos eidos profesionais -representantes sindicais, escritores, profesores, actores, doutores ou avogados- fixeron unha chamada ao respecto para o idioma propio de Galicia e a volta ao consenso, ante a inminente derrogación do decreto que regula o uso de galego e castelán no ensino.
Galego, Patrimonio da Humanidade -a plataforma cívica impulsada, entre outros, polo editor Manuel Bragado, o profesor Antón Baamonde ou o escritor Xabier P. Docampo- reclamou, por boca de Monteagudo, que "o PP galego volva ao consenso político e social e cree un marco estable para a protección da lingua". A plataforma tamén incidiu en que "os centros educativos que xa avanzaron na implantación do galego nas súas aulas non deben verse obrigados a recuar" se finalmente se cumpren as intencións de Núñez Feijóo de rebaixar os mínimos do galego nas aulas.
Monteagudo mostrou a preocupación polos "ataques á lingua por parte de sectores minoritarios, pero vencellados ao poder económico e mediático como o Club Financiero de Vigo" así como polo "enfoque do Goberno galego na desprotección do noso idioma e na deconstrución da convivencia social". O sociolingüista e secretario do Consello da Cultura Galega puxo de relevancia ademais a distancia entre galego e castelán para lograr "a plena igualdade efectiva e real" e a falacia dos que "asocian o galego coa imposición".
"Somos un colectivo aberto -dixo Monteagudo- e non queremos competir con outras plataformas. Traballamos nun clima de complementariedade e cun único fin: mobilizar a opinión pública en defensa do galego".
O sociólogo Fermín Bouza, catedrático de Opinión Pública da Universidade Complutense e autor do blog El voto con botas, manifestou o seu convencemento de que "Feijóo vai volver ao consenso" xa que, na súa opinión, "ten un buraco negro por ceder aos sectores máis ultras do seu partido que el nunca pensou. Se ten un dedo de fronte, vaise ter que dar de conta de que non é verdade o que pensaba, que unha maioría de castelanfalantes aborrecía ao galego". Ao seu ver, o problema creado arredor do idioma ten dúas vertentes: unha política, "na que -asegurou- vamos gañando xa que levamos a iniciativa social" e outra que chamou "técnica" na que inseriu "as dificultades de revitalizar unha lingua que foi perdendo camiño coa modernización do país".
UXT e CCOO piden a igualdade entre galego e castelán
O acto, que arrincou e rematou coa actuación de Roi Casal e a súa banda, contou tamén coas intervencións dos representantes sindicais de UXT, José Antonio Gómez e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión. O secretario xeral de UXT considerou necesarios espazos de encontro como o de onte para conseguir un obxectivo: "convivir con dúas linguas en liberdade e sen que isto supoña un conflito social". O representante sindical pediulle a Feijó que "volva ao consenso" xa que "por un puñado de votos non se pode utilizar a lingua como un instrumento de ruptura social, cando nunca o foi, senón unha vía para o entendemento e a razón".
O secretario xeral de Comisións Obreiras rexeitou "os intentos do PP de utilizar a lingua como unha arma para conseguir os seus plans electoralistas" así como o intento do Executivo galego de "enfrontar as dúas linguas cooficiais". Ao seu ver, os idiomas "son patrimonio da cidadanía, vehículos de expresión e comunicación, dos que non se poden apropiar ninguén, nin un goberno nin unha ideoloxía".
Ao ver da ex conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, "a escola é o elemento máis poderoso para conservar a diversidade lingüística". Segundo a profesora, "cada vez que unha lingua se extingue é a humanidade a que perde" e defendeu o galego xa que "é nosa visión como pobo".
Para o ex deputado do BNG, Pablo González Mariñas, "a lingua non é patrimonio de ninguén". "Queren dividirnos e disolvernos na lingua de Castela, porque saben que cando se destrúe a lingua dun pobo, é moito o camiño avanzado na destrución dese pobo". "Nin mil, nin dez mil; primavera eterna para a nosa lingua!".
Asistiron ao acto varios representantes das filas socialistas como os deputados Francisco Cerviño, Xaquín Fernández Leiceaga e Ismael Rego, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo ou o presidente da Fegamp, Carlos Fernández; mentres que do BNG acudiron a deputada Carme Adán e a ex concelleira Encarna Otero. Tamén estaban presentes o reitor da USC, Senén Barro, o teólogo Andrés Torres Queiruga, os profesores Xosé Luís Barreiro Rivas e Luís Álvarez Pousa ou o escritor, guionista e cineasta Xosé Henrique Rivadulla Corcón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario