http://www.wikio.es

19/11/09

Máis de 14.000 persoas visitaron a Base de Datos de Vítimas da Guerra Civil

Os interesados en coñecer os estudos científicos relacionados coa represión franquista están a consultar, desde o mes de xullo, a Base de Datos de vítimas da guerra civil e a represión franquista, desde o portal web do Proxecto “Nomes e Voces”. O dominio http://vitimas.nomesevoces.net alberga 11.000 nomes de vítimas da represión franquista, procedentes do estudo, consulta e baleirado de distintas fontes que foron rigorosamente contrastadas.

No momento actual, os traballos de incremento de información da Base de Datos por parte do equipo “ Nomes e Voces”, centrase no baleirado nominal das últimas 300 entrevistas realizadas polo proxecto a persoas relacionadas directamente coa represión ou a familiares dos mesmos.

Este número de entrevistas, que forman parte dun fondo de 468, están a ser revisadas e cotexadas para poder extraer os novos datos que se incluirán nas vindeiras semanas na Base, incrementando o número de fichas de información. A fonte oral é unha das vías de investigación que o Proxecto empregou para localizar boa parte dos nomes que integran a Base de Datos.

Tamén se está a proceder ao baleirado sistemático dos inculpados non procesados das causas militares incoados en Galicia entre 1936-1939, así como unha selección de publicacións recentes que tratan esta temática.

Desde os tres meses en que a Base de Datos está activada, o Proxecto recibe diariamente correos de persoas que queren achegar información, contribuíndo deste xeito á súa actualización e incremento, facilitando en moitos casos, novos datos acerca dos nomes de represaliados e represaliadas tras o Golpe de Estado de xullo de 1936. Isto é un acicate para reforzar o obxectivo desta ferramenta de divulgación da investigación da historia contemporánea de Galicia, que lonxe de presentarse acabada, é aberta e dinámica.A Base de Datos conta cunha media de 100 visitas ao día e unha porcentaxe de 72,25% de novas visitas no último mes.

Desde a súa presentación, máis de 14.000 usuarios accederon á Base de Datos, constatando a boa acollida por parte da sociedade deste tipo de información, tanto galega como de fóra de Galicia.



No hay comentarios:

Publicar un comentario