http://www.wikio.es

23/11/09

Atún básico.

Debe de ser que forma parte da dieta mediterránea, tan de moda entre os que predican o novo dogma da comida sá e soñan con elevar a categoría constitucional o control das graxas e dos hidratos de carbono. Á vista dos riscos que corren os que van pescalo ao océano Índico, temos que ter co atún a mesma consideración de alimento básico que temos co pan, as legumes, as patacas e o leite, por exemplo, que resultan moito menos perigosos de producir, aínda que a rapacidade dalgúns industriais e de case todos os intermediarios cos agricultores e gandeiros semelle unha certa forma de piratería.

Como cada vez se pode pescar menos atún vermello no Mediterráneo e no litoral atlántico luso-andaluz, porque a especie está a chegar á fase do perigo de extinción, e outros caladoiros non están menos esquilmados, hai que buscar atún por onde sexa. Mala sorte que sexa nas augas dun país incontrolado e dividido, que, por unha parte, aforra negociacións e licenzas, pero, por outra, pon en perigo a vida dos mariñeiros pola actividade dos piratas.

Certamente, o atún debe de ser moi importante, un alimento imprescindíbel, se, para obtelo, é necesario ter mobilizada permanentemente a Armada e os patriotas vascos non teñen reparos en esixir que os militares españois ocupen os seus atuneiros para protexelos.
X.A. Gaciño

No hay comentarios:

Publicar un comentario