A compuxida faciana de Arias Navarro anunciando a morte do Caudillo; os rueiros dalgunhas cidades e uns poucos monumentos é todo o que fica na memoria colectiva do ditador Francisco Franco, falecido hai hoxe 34 anos. O sátrapa expirou aquel 20 de novembro de 1975 despois dunha doenza que o estivera a encurralar durante varios meses. A enfermidade, porén, non lle impediu ao xeneral que se rebelou en 1936 contra a República asinar cinco condenas de morte contra tres membros da FRAP e dous de ETA apenas dous meses antes do seu pasamento.
Máis de tres décadas despois da morte de Franco, cando o país xa case o soterrou na memoria, unha parte dos cidadáns enfróntase ao reto de desenterrar a aqueles que o ditador condenou ao esquecemento. As cifras baralladas por diversos historiadores sitúan nunhas 143.000 as persoas asasinadas durante a guerra civil e a posguerra. Unha parte delas, aínda fica soterrada en gabias espalladas por todo o país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario