O documental Señora de, dirixido por Patricia Ferreira e producido por O Raio Verde, dálle voz a un grupo de mulleres que viviron o franquismo a través dunha produción de factura integramente galega e no marco de Cineuropa. En rolda de prensa, onde acudiron o equipo do filme, o director do festival, José Luis Losa, e a concelleira de Cultura de Santiago, Socorro García Conde, os presentes resaltaron a “satisfacción” pola chegada do documental á comunidade e destacaron a relevancia da obra audiovisual como memoria histórica.
Losa cualificou a película como un “motor de salvación” da memoria histórica dun período “en que non se cometeu só violencia histórica e política, senón tamén de xénero”. A premiada directora definiu o documental como “unha película feita por mulleres sabias, valentes, xenerosas” e sinalou a súa expectativa en que “moitas outras se recoñezan en quen foi capaz de falar”. Segundo ela, a represión retratada “non foi só unha cuestión de usos e costumes, xa que xuridicamente tamén estaban prohibidas”.
Entre o equipo de Señora de, ademais da directora galega e da produtora executiva Carmen Abade, estiveron presentes tamén Filomena Rey e Ana Blanco, dúas das trece mulleres que interveñen no documental cos seus testemuños. Rey manifestou recibir o traballo como unha “homenaxe” e unha “recompensa” a todas as mulleres que non tiveron a oportunidade de manifestarse sobre o seu silencio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario