Hai xa case vinte anos que se vén celebrando o Encuentro de Investigadores sobre el Franquismo, unha reunión que quere ser unha posta ao día do coñecemento verbo da ditadura.
Estas reunións son iniciativa das institucións que compoñen a Red de Archivos Históricos de Comisiones Obreras. Celebradas cada dous ou tres anos, organízaas en cada edición un deses arquivos en colaboración coas institucións universitarias.
O Encuentro de Investigadores sobre el franquismo arrincou en Barcelona en 1992 e, desde aquela, visitou Alacante (1995), Sevilla (1998), Valencia (1999), Albacete (2003) e Zaragoza (2006). Na súa preparación participaron institucións como a Universitat Autònoma de Barcelona, a Societat Catalana d´Estudis Històrics, a Universitat d’Alacant, o Instituto de Cultura Juan Gil-Albert, a Universitat de València, a Universidad Pablo Olavide de Sevilla, a Universidad de Castilla La Mancha ou a Universidad de Zaragoza.
A calidade e cantidade dos traballos presentados a estas reunións científicas fan destes encontros un punto de referencia obrigada no ámbito da historiografía académica sobre a España do século xx.
A organización do VII Encuentro de Investigadores sobre el franquismo correspóndelle este ano á Fundación 10 de Marzo, que o fará en colaboración co Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela. O evento terá lugar os días 11, 12 e 13 de novembro de 2009.
No hay comentarios:
Publicar un comentario