http://www.wikio.es

26/11/09

O alcalde recalca a súa intención de eliminar «calquera simboloxía do horror» na cidade

O alcalde, Javier Losada , pronunciouse onte sobre o achado do mausoleo nazi no cemiterio civil de San Amaro para sinalar que nestes momentos os servizos municipais estudan o descubrimento e analizan ademais as alternativas sobre o seu destino final, co obxectivo de «ver como se pode arranxar e retirar».

Aínda que o rexedor insistiu en que haberá que esperar a que se pronuncien os técnicos, recalcou tamén que «evidentemente, todas as intencións son que non exista nesta cidade ningunha simboloxía que leve a alentar algo do que todos estamos arrepiados».

Unha vez tomada a decisión, a execución da derriba dependerá das condicións nas que se poida levar a cabo a destrución do panteón alemán, nun de cuxos laterais figura tallada unha esvástica semioculta tras os nichos. «Imos esperar a ver que din os técnicos, porque se cadra hai que tirar todo o muro», sinalou o alcalde.

A solución técnica dependerá da planificación que realicen os equipos municipais, que, ademais, «terán que ver o custo, a contratación dos traballos, a adxudicación...», engadiu o rexedor coruñés.

A postura do alcalde vén coincidir coa manifestada polo seu socio de goberno, en nacionalista Henrique Tello, e responde á demanda da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, que o luns reclamou ao goberno municipal a retirada urxente de San Amaro da cruz gamada. Na súa demanda, a comisión que preside Manuel Monge tamén puxera de manifesto a incongruencia de que se mantivese a esvástica xusto nun lugar no que se atopan enterradas persoas que loitaran contra o fascismo



No hay comentarios:

Publicar un comentario