O historiador Bechir Yazidi (Túnez, 1952) impartiu o pasado día 4 de novembro unha conferencia sobre o exilio republicano español en Túnez na Facultade de Xeografía e Historia da USC.
Neste acto o profesor Yazidi presentou en Compostela o seu último libro: El exilio republicano en Túnez (Edicións Embora, 2008), resultado da súa investigación sobre a cuestión do exilio republicano español cara as costas de Túnez a partires de 1939. Lourenzo Fernández Prieto, director do Proxecto “Nomes e Voces” presentou este acto.
Bechir Yazidi, Doutor en Historia Contemporánea no Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba, é experto nas relacións entre os países do mediterráneo africano e europeo, especialmente entre España e o Magreb. A súa investigación céntrase nas diferentes cuestións que abranguen ao exilio español en Túnez a partires do fin da Guerra Civil de 1936; a forma na que chegaron os españois ás costas tunesinas, dificultades e problemas que xurdiron coa chegada dos refuxiados, a vida dos refuxiados nos campamentos e o impacto da presenza dos refuxiados españois en Túnez.
Esta conferencia está organizada polo Proxecto “Nomes e Voces” dentro do traballo de colaboración que se está a desenvolver entre o Proxecto de Investigación galego e o Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba que coordina Bechir Yazidi e Lourenzo Fernández, en torno á recuperación da memoria no marco do proxecto “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia” patrocinado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) en 2008.
Por este motivo, os investigadores tunesinos, Bechir Yazidi e Mohammed Aouini, están entre os días 2 e 5 de novembro en Santiago de Compostela, co fin de proseguir coas tarefas de colaboración co Proxecto «Nomes e Voces» en torno ao estudo da fonte oral como base para a investigación da represión.
Durante cinco días, os dous equipos de traballo compartirán diferentes actividades organizadas polo Proxecto “Nomes e Voces”, entre as que se atopan a visita ao Arquivo Militar de Ferrol e ao Campo da Rata na Coruña. Este é o segundo encontro de ambos equipos despois da viaxe de investigadores do Proxecto "Nomes e Voces" a Túnez no mes de setembro, e permitirá ao equipo tunesino compartir en Compostela as súas pescudas na recuperación da memoria oral de Túnez, e coñecer as diferentes bases de datos da guerra civil e a represión franquista que os investigadores galegos están a crear desde o ano 2006: a recentemente publicada base de nomes das vítimas da guerra civil (http://vitimas.nomesevoces.net) e as bases relacionadas coa fonte oral e documental.
----------------------------------------------------------------------------------------------
Bechir Yazidi é Doutor en Historia Contemporánea e Investigador do Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National (ISHMN) de La Manouba (Túnez). Experto nas relacións entre os países ribeirenses do Mediterráneo occidental. En 2005 publicou El dominio del Estado y la política colonial en Túnez desde 1881 hasta la crisis de los años 30 , e no ano 2008 El exilio republicano en Túnez (Edicións Embora).
No hay comentarios:
Publicar un comentario