http://www.wikio.es

1/11/09

A memoria da terra



Eloy Alonso González, só coñece o seu avó a través dunha pegada dactilar, a que encontrou hai tres anos impregnada nun dos 40.000 vellos e húmidos expedientes do Arquivo Militar do Ferrol. Alí, durante a Guerra Civil, o seu avó, do que a súa memoria non recorda ningunha fotografía, foi fusilado polo bando franquista e enterrado nunha foxa común. A este fotoxornalista asturiano aseguráronlle que o pai da súa nai non era analfabeto, pero alí estaba a súa pegada, habilitando a súa sentenza de morte. Tiña 33 anos.


A súa historia foi o punto de partida para que Eloy se inmiscise na causa da recuperación da memoria histórica. E, tras anos de investigación, a súa achega foi presentada a tarde do pasado martes en Madrid. Trátase do libro «La memoria de la tierra», unha obra cuxa autoría comparte co fotoxornalista navarro Clemente Bernard e que recolle a emoción e o traballo de familiares, amigos e voluntarios nas exhumacións das foxas dos asasinados polo bando nacional.


Ao acto, celebrado no Círculo de Belas Artes da capital española ante máis dun centenar de persoas, acudiron, entre outros, a escritora Almudena Grandes e Carlos Agüero, coordinador da editorial Tebar.


A publicación consta dunha serie de fotografías nos que se retrata o traballo de exhumación de foxas e mostra o empeño dos afectados en identificar os esqueletos que se poden percibir. As fotografías están tomadas en zonas de Asturias, Navarra, Burgos, Málaga, León, Valladolid, Madrid e Galicia.


Na obra tamén colaboran o escritor Manuel Rivas, o cantante Pedro Guerra e o cofundador da Asociación de Memoria Histórica, Emilio Silva. O traballo é, para Alonso, un xeito de reparar a dignidade e o orgullo de todos eses esquecidos. «Os familiares que viven coa dor non teñen rancor, só queren recuperar o amor dos seus», engadiu. Eloy Alonso concluíu afirmando que «é de recibo que o Estado, independentemente do Goberno, que estea faga algo para dignificar a todos eses esquecidos».

No hay comentarios:

Publicar un comentario